O’Gasóxeno

“Vista larga, paso corto y mala intención”, esta era a máxima que o sarxento Barreda gravara a lume nos seus homes durante a guerra civil. Así o recordaba O ‘Gasóxeno de Cerasia, guieiro da aviación na batalla de Teruel. Termando dun painel avanzaba ziguezagueando pola liña de fronte, sinalando aos pilotos alemáns a dirección correcta para o bombardeo. Non cobraba plus de perigosidade. Unha vez a cousa púxose fea, deu media volta e deu retornado á trincheira, coas balas de Moussin-Nagant asubiando a rentes da orella. Seica daquela contara trece buratos no tabardón.

Despois da guerra marchara a Cuba de onde voltou nada máis entrar os barbudos en La Habana. Antes de apañar o buque da Trasatlántica, aínda tivo tempo de saúdar ao soldado chófer do Che Guevara. Foran xuntos á escola en Cerasia, sendo pícaros. O colega, familia de enlaces da guerrilla, liscara a Cuba trala redada que se desatou trala emboscada de Repil.

Do Caribe, O´Gasóxeno trouxo a manía de falar en castelán. Cada serán, na cantina do Montecelo, tiraba dun par de habanos e mandaba tres copas de coñac, mentres repasaba o xornal, que lle duraba alomenos toda a semana. Para aquelar o periódico arranxaba co mozo leiteiro que ía a Monforte dúas veces por mes, coa burra, polo camiño da serra. Sempre lle encargaba: “Chico, tráeme el ABC y el YA”. Moito gostaba dunha sección que se titulaba “La vida es así” coa que quecía a conversa ao sopé da cheminea, ciscándose na incultura dos seus contertulios. Recreábase na leitura en voz alta dos titulares:

-“Dos muertos, un herido grave y un ileso en un accidente en la fábrica de armas”

-“Ileso… carallo como quedaría o pobre do home!”, contestou un veciño fitando despreocupado a copa de Anís del Mono.

O’ Gasóxeno tiña dous irmáns. Ao máis vello non cheguei a coñecelo, mais tiña sona en toda a contorna por mor da súa voz de tenor. Estivera no cárcere e chegou a cobrar pensión por ter combatido cos nacionais e os republicanos. Sempre dicía que era de Izquierda Republicana, e case morre do desgusto cando, xa vello, nas primeiras eleccións, nun día de feira na Pobra, lle chantaron nas costas da chaqueta unha pegatina coa faciana de Manuel Fraga. Na última caseta, cando se deu de conta, houbo que agarralo entre catro homes que se botaba a Dios: “mecago na cona que vos botou, que eu son de Azaña!”.

O’Gasóxeno botaba en falta a calor caribeña e sofría no inverno de ataques reumáticos. Era por iso que pola mañá se bañaba en gas, refregando todo o corpo. Sabíase cando estivera na cantina do Montecelo polo cheiro a gas que se apoderaba da barra e remanecía até o día seguinte

-“Que… xa estivo aquí O’Gasóxeno?, madia leva, que inda imos arder un día”.

A quen si coñecín foi ao irmao pequeno, O’Lizgairo, que estivera unha tempada no seminario de Lugo. Sabía de memoria a Enciclopedia Álvarez. A súa vida tiña forma de cunca de viño. Elegante, con estilográfica e pano no peto, acompañaba os seus desbaralles retóricos cunha caiada con regatón de bronce que repenicaba con estrondo no chan. Antes ou despois, sen vir a conto, recitaba a lista dos reis godos, cunha mao no peito ao xeito napoleónico. Mesmo chegaba a misturar a orde cronolóxica dos reis procurando a meirande sonoridade posible, alternado rimas asonantes e consonantes:

-“¡Eurico, Mazarico y Wamba!” e  con cada monarca xermánico a baloca facía tremer a baldosa.

Nos seus últimos tempos, O’Gasóxenoo combatía as dores de testa untando a cacheira con pez e manteiga de marrao, incluso nos días de verán; as pingas apenas lle deixaban ler o ABC. Daquela da cabeza, precisamente, non rexía ben e estivo desaparecido alomenos dous días. Fóra polas festas de Fornelas.  Na noite da festa maior, na verbena, nun momento dado, o cantante da orquestra coruñesa anunciou que ían volver tocar “El sitio de Zaragoza” que llo pedira un señor moi educado. Alí reapareceu O’Gasóxeno, cos ollos morriñentos, lembrando a mocedá na fronte de Aragón. Estivera vagando pola serra até que sentiu o eco da orquestra aló no val do Cabe:

 

Cuando Agustina dispara el cañón

cuando Agustina dispara el cañón

todas las tropas francesas que entraron

al ver a Agustina se echaron p’atrás

 

Morreu aos poucos días, esbozando un sorriso co que guindou a súa última frase: “La vida es así”.

No camposanto de Cerasia cheirou a gas até ben entrado o outono.

 

Fotografía: proxeción sobre boas práticas agrarias en Cerasia na década de 1960 (Arquivo familiar).

Anuncios
Categorías: Xente de aquí e de acolá | 1 comentario

Navegador de artículos

Un pensamiento en “O’Gasóxeno

  1. Buenaventura Aparicio Casado

    Non sei como fas, carafio, pero cada día escribes mellor. Buenaventura.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: