A ciudá de Miraflores

Antonio de Nogueiras voltara da guerra sendo cabo e cunha medalla ao valor pendurada da camisa. Non fixera moito, unicamente fuxir cagando virutas na fronte de Córdoba, tras unha ofensiva republicana. El fóra o único que non guindara o Máuser ao chao. E por iso foi condecorado. Cando o ano da fame (1941) alá foi á casa do Concello co seu diploma e a súa medalla, reclamando o pan ese do que tanto facía gala o feixismo daquela: Pan, Paz y Justicia. Aquel día quedoulle claro de que ía o Estado Nuevo. Pouco pan e pésimo circo. Eran tempos de apandar co prato único.

Antonio era canteiro e fixo unhas cantas casas na terra de Lemos na inmediata postguerra. Tamén traballou na construción do encoro dos Peares. O seu último traballo antes de emigrar a Barcelona coa muller e os fillos foi a casa-cuartel da Guardia Civil na Pobra de Brollón. A enconada loita contra a guerrilla nesta zona, que contaba con fondo apoio popular, conlevou un estado de terror até a derrota definitiva da resistencia entre 1949 e 1951. Foi daquela cando se ergueu o cuartel como símbolo da ocupación e control do territorio, como unha fortaleza de cruzados en territorio pagán, con torres nas esquinas, con troneiras para o bufar mortal das ametralladoras. Para a construción dese edificio empregáronse coios procedentes dunha paraxe cercana á vila que era coñecida como Os Medos. Alí víanse moreas e moreas de coios de cuarcita, unha sorte de trincheiras e de cando en vez agromaban da terra como zarrotas obxectos dos mouros.

Moitas veces lle teño sentido a Antonio de Nogueiras a lenda da ciudá de Miraflores. Seica nos Medos existía no tempo dos antigos a cidade de Miraflores. Os seus habitantes tiveron que fuxir por mor dunha peste de formigas. Esta foi a razón que levou aos antigos a ocupar o castro entre os ríos Rubín e Saa, onde se estableceu en tempos medievais a vila de reguengo da Pobra de Brollón. A auga dos ríos que baixan das estribacións occidentais do Courel foron a arma natural para loitar contra a enchente das formigas. A diferenza das cidades asulagadas baixo a lagoa de Louro ou de Antela, destruídas por non ter recibido a Xesús de Nazaret, neste caso de Miraflores contamos cunha abraiante versión histoirográfica por parte do campesiñado destas terras guímaras. Realmente no maxín dos nosos avós estaba a funcionar todo un sistema de información xeográfico, unha cartografía simbólica que vencellaba espazos, lugares e arquitecturas.

Seica a historia toda de Miraflores está recolleita nun libro que se garda en Valladolid. Os veciños da parroquia de Saa manexan, en troques, outra lenda para explicar a fin da cidade de Miraflores. Segundo eles foran os mouros do castro da Roda os responsables dun bombardeo implacable sobre a urbe. Sexa como for, os Medos xogaban un papel sobranceiro na paisaxe mítica da zona, alomenos até a chegada da Modernidade. Sucesivos gobernos municipais decidiron maximizar este espazo en aras do Progreso, en plena democracia. A repoboación forestal foi unha coña ao lado do que veu despois. Primeiro chegou o verquedoiro municipal, despois o campo de fútbol, logo un campo de tiro ao prato homologado pola federación de turno. Finalmente, encetouse un conato de polígono industrial. A única nave aberta adicábase, supostamente, á confección de biquinis, con fondos europeos. Cousas dos empresarios emprendedores. Nunca saiu un bañador desa factoría…

Os Medos é un topónimo que comparte a raigame etimolóxica con outros nomes de lugar vencellados á explotación do ouro na Gallaecia, e con razón. Aquí temos os restos dunha tecnoloxía de extracción aurífera en contextos sedimentarios a base de sucos converxentes, única na Hispania romana. Unha serie de poboados fortificados e explotacións menores cinguen este magno conxunto de canles, lavadoiros e escombreiras (no Bierzo reciben o nome de murias) de onde saiu a pedra para a casa-cuartel da Pobra de Brollón.

Podedes ver aquí a abraiante foto do voo americano e a ruína actual. Dende comezos do século XX o concello da Pobra de Brollón perdeu cinco mil habitantes. Nos últimos anos estáse intentando botar mao do turismo cultural e rural para revertir esta tráxica inercia. Pero xa é demasiado tarde. O recurso máis monumental de todo o concello, o verdadeiro ouro do século XXI, foi destruído, desta volta non polos mouros ni polas formigas, senón pola propia administración.

Como nos cantares de cego:

 Miñas donas e meus señores,

esta é a triste historia

da antiga ciudá de Miraflores.

Anuncios
Categorías: Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: