O’Doutor

Como os seus irmaos, Antonio marchou do porto de Vigo para Venezuela reclamado por uns parentes. Alá traballou en La Guaira, nomeadamente con canteiros de A Lama e de Cuntis, dándolle ao cachote e ao perpiaño. Foi o único da familia que foi deportado, de volta, para España. Seica as malas linguas falaban dunha certa querencia polo exhibicionismo. Eu non sei. Pero, de certo, a parroquia gostaba máis da súa propia versión dos feitos. Seica tivo que ver coa restauración das estatuas dos Próceres da Patria en Caracas. Nunha visita á obra do Ministro de turno, o Antonio recordoulle a traizón ao xuramento de lealdade á Coroa española que fixera Simón Bolívar. Aquilo sentou coma un tiro na comitiva gubernamental. Ameazado, antes de pasar pola cadea, ao Antonio aínda lle deu tempo de repicar unhas bragas pícaras na estatua do Libertador.

Xa vos digo que non sei que houbo de certo nesta historia. Mal que ben, o Antonio era coñecido nas terras de Lemos por calzar un estacón entre as pernas e por ser todo un compostor á hora de quitar o moquillo aos animais. Cobraba a vontade. Entrambalicaba un can, é un supoñer, no trebello de ferrar os marraos, e premía as dedas sobre as cellas, e de aí ía percorrendo a testa e mailas costas da criatura, cinguindo o espiñazo, até chegar ao rabo. A mocada toda saía polo cú, dispensando. Desas propinas viviu un tempo, o condanado.

En Cerasia o Antonio corría co mote de O’Doutor, xa que facía gala dunha certa cultura que devalaba entre as leituras filosóficas e as atitudes estrambóticas. De feito, tiña un abano amplo de citas e de perfís biográficos de xente ilustrada. De entre todos eles, gostaba moito de falar do pintor Goya y Lucientes.

O´Doutor tamén praticaba o nudismo, sobre todo polo estío, cando antes da seitura adoitaba tomar baños de sol espido nos trigais, entre a Lucenza do Abade e as Grovias. Tamén tiña a ocorrencia, perigosa daquela, de declararse ateo… e misóxino:

Es que las mujeres se creen manjar de dioses! berraba a cotío.

Para el o mundo sempre foi un bolsón de roncos, o que pasa é que co gallo da 2ª Guerra Mundial aos roncos deulles por comerse os uns aos outros.

O día da festa maior, polo San Brais, sempre estaba convidado a xantar na casa duns seus parentes, moi amigos do señor abade, a quen cedían sempre a cabeceira de honra no comedor. De feito non se comía até que o crego bendecise a mesa. O’Doutor ben o sabía e sempre facía tempo debaixo da figueira tirando de xaruto para evitar ser partícipe da benzón católica aos alimentos. Unha vez o señor cura, que xa coñecía o percal, decidiu ralentizar o proceso para ver se así o librepensador pasaba polo aro. Mentres a tensa espera tiña lugar, pola mesa de madeira as mulleres pousaban pratos e pratos, unha cachucha por aquí, unhas orellas con pementón por acolá. O lambón do abade, nun xesto inédito, botou mao disimuladamente a un roxón… que lle entrou por onde non era. Medio afogado, saiu cagando virutas ao patio, onde se escrequeñou (a sotana inzada de bosta) para trousar coma un marrao mantido. Foi entón cando O’Doutor cruzou moi digno a soleira da porta. No patín había unha meda de xente fitando a escena do pecadento e fedorento abade. O’Doutor pasou paseniño a rentes da figura retorta do cura, debruzado sobre a lousa do patio, e guindou para a posteridade a súa sentencia erudita, definitiva:

-¿No ve don Salustiano? La agonía del cristianismo, que ya lo decía Miguel de Unamuno y Jugo.

O’Doutor quixo, pouco antes de morrer, apostatar do catolicismo. Acababa de chegar a democracia. Finalmente, seguiu o consello dun seu irmán que lle dixo:

Mira, Antonio, un título é un título.

Anuncios
Categorías: Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: