O pasado é impredecible

reproducion-del-idolo-de-tabuyo-del-monte_147094
A Feira Funergal, de servizos e produtos funerarios, en Ourense, estaba ateigada de xente. Xa se sabe, a estes eventos acode tanto a parroquia de vivos como a de mortos.
Éxito asegurado. Estou convencido que aos tecnócratas que gobernan este país dálles o mesmo o Culturgal có Funergal. Cuestión de preferencias, ou de preferentes, segundo se mire. Non son os homes de negro. Son enterradores os que foron inaugurar a feira da cultura galega, como me comentaba un colega meu en Pontevedra.
 Con todo, os galegos teñen o corazón de pedra, son rebezos e resístense a morrer. Temos querencia polas pedras. Musicalmente non demos ao mundo un grupo de Coios Riarengos pero si un Milladoiro. Esa metáfora pétrea do sentidiño galego. Un castellet de pedras guindadas polos de fóra na nosa terra e que se ergue coma una pirámide eterna, cara o ceo. De pedras e do que fan os galegos con elas falamos no Culturgal o pasado sábado, presentando o noso libro (de Manuel Gago e de min mesmo) Herdeiros pola Forza. Xa os antergos galegos paleolíticos empregaban uns bifaces descomunais, dos máis grandes de toda Europa. De aí vén xa esta angueira cavernícola de facer as cousas ao grande. Que ninguén esqueza que a grande revolución tecnolóxica en Galicia non vos foi o arado romano ou a imprenta. Non. Foi a radial, artífice da transformación da paisaxe e maila arquitectura vernácula deste país. Como sabe a miña irmá, mestra na Boa Vila, ao neno galego o que máis lle fascina é, por esta orde: o caldo, os Bolechas… e a radial. Canteiros de Mad Max en potencia.
As pedras seguen sendo identidade e memoria para as comunidades locais, sometidas dende o século XIX a un expolio sistemático por frades, fidalgos e científicos. As pedras, como sabía Martiño de Dumio, son sagradas. Coma os santos, ou os cregos. Moitas parroquias galegas non se mobilizaron por nada dende a represión feixista. Agás para evitar que a Xunta levara pedras e santos, e a Igrexa ao querido crego para outros lares. Isto acontece entre os pagani da vella Europa. Hai uns días, camiñando pola Valduerna leonesa demos co pobo de Tabuyo del Monte. A rentes da súa monumental igrexa, fóra da vila, os vecinos chantaron una réplica do afamado ídolo de Tabuyo, unha estela da Idade do Bronce que foi enviada a San Marcos de León en 1905 e alí segue. Os católicos habitantes de Tabuyo seguen considerando a pagá pedra como súa. Así reza a lenda no cartel ao sopé da milenaria pedra: “Rendimos con esta piedra simbólica un homenaje a todos nuestros antepasados”.
Polo Culturgal fomos espallando historias de pedras “simbólicas” como o miliario de Santiaguiño das Antas, como o miliario da Ponte do Burgo pontevedresa, como a estela de Castrelo de Val… historias de onte e de hoxe que repiten a mesma realidade: como agraristas, os paisanos defenden compo poden as súas pedras. Un exemplo máis contra esa falacia tan favorable para o caciquismo de Deputación, esa mentira que afirma que o campesiñado galego non sabe nada de resistencias. Pero estas historias amosan tamén precedentes modelos de xestión do Patrimonio de tremenda actualidade.
Cando apenas se discute en Galicia das posibilidades do mecenado, a historia da Arqueoloxía galega amosa modelos efectivos do primeiro terzo do século XX. A familia Peinador investindo en Patrimonio Cultrual nos anos 20 no val do río Tea, os indianos de Puerto Rico botando a andar a Sociedade pro-Monte de Santa Trega, a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, liderada por Casto Sampedro, que foi quen de evitar a destrución total de parte do Patrimonio medieval da cidade loitando mesmo contra unha Administración que cría nun determinado conceito de Progreso e Modernidade. Xa vedes, parte da burguesía galega (que tamén existiu) cría nas pedras e nas xentes. O nacionalcatolicismo e a Autonomía non seguiron por ese camiño. Por iso a xente non cre nos políticos nin os políticos na xente. Unha xente subalterna, anónima, fóra do discurso oficial.
Os canteiros desta terra, artífices da paisaxe románica, barroca e moderna de Galicia, non aparecen por ningures na Gallaecia Pétrea da Cidade da Cultura. Semella que o Mestre Mateo fixo só miles de igrexas e ermidas románicas. Esta historia de Galicia, colonial, clasista e rancia é un dos factores que impide uhna xestión social das pedras deste país. Os políticos falan de futuro, porque veñen de soterrar o presente. O que non saben é que o futuro deste curruncho atlántico repousa en parte nas ruínas e nas pedras. Un intelectual soviético, non lembro o nome, tralas purgas estalinistas e a damnatio memoriae que levaba a eliminar persoeiros das fotos históricas, guindou para a posteridade unha frase maxistral: “Na URSS o pasado é impredecible”. En Galicia tamén. Non sei se temos futuro, pero si sei que temos un pasado do que botar man e a partir do cal rexurdiremos, como dixo o hobbit que lle escribiu o discurso ao Señor dos Peares.
Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial.
Anuncios
Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza, O mellor do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: