A Chantadina

Belesar

Un dos percorridos máis abraiantes por esta terra nosa é a baixada paseniña dende os altos do Monte Faro deica a bacía do río Miño á altura de Belesar. Unha paisaxe de embelesar. Dende a ben chantada Chantada o viaxeiro, coma un mestre Mateo peripatético, escoa polas abas inzadas de acios de mencías e godellos, de ermidas románicas e penedos montesíos. Nestas terras case míticas do corazón de Galicia, o Cunqueiro de Flores del año mil y pico de ave situaba algunha das súas benqueridas tabernas fluviais.

Do mesmo xeito, o Crego e o Monaguillo inician o descenso dende o vello castro de Compostela deica as ribeiras do Sar para desfrutar da enésima exhibición do Barça de Pito Vilanova, desta volta contra os cantores de Hispalis, o Betis de Pepe Mel. E para iso elixen unha taberna: a Chantadina. Como dicía Pío Baroja: no sabe quien no bebe el vino en la taberna. Chámalle parvo.

As cidades de aluvión, grandes e pequenas, presentan unha peculiaridade topográfica marcada pola Xeografía Humana. Os continxentes de emigrantes vanse asentando na zona da cidade máis próxima á súa terra de orixe. Velaí está Lugo, onde tradicionalmente as xentes de Lemos e Sarria asentaban no sur, os da Montaña no leste, os da Mariña no norde e os da Terra Chá no noroeste. No caso compostelán, a Chantadina, casualmente, atópase ollando de lonxe á Dorsal Meridiana, ao Monte Faro.

Coma nun cadro taberneiro da escola holandesa, aquí gobernar goberna a gobernanta. Botada para adiante, a Rexenta trata rexamente cos parroquianos atendendo a todas as cousas a un tempo. Pola contra, o Rexente, medio enxangado, apenas cruza a soleira da cociña, cinguido á función mecánica de surtir de tapiñas ao persoal. Como novos clientes, vivimos a incógnita da hostalería galega, ese enigma sempiterno: ¿apostarán os donos por fidelizar o seu cliente de toda a vida ou por gañar novos adeptos? A cousa non está clara, pero defínese sempre no segundo pincho. O crego e o monaguillo apostan. Hai poucas esperanzas de que gañemos o dereito a unha segunda tapiña. O partido está a piques de escomenzar e os contertulios de barra (caiada, cunca e meixela rubia) xa nos levan alomenos unha panceta, unha lasca de xamón e unha molexa de avantaxe. Entón, cando nos sentimos derrotados, a Rexenta reaparece de súpeto cunha bandexa de montaditos de queixo e anchoa. Cerimoniosa avanza cara a un extremo e dende alí percorre fachendosa toda a barra ofrecendo, retadora, a tapa a cadanseu cliente. Toda unha show girl do pincho.

A Chantadina é un local cun aquel estruturalista. Ten dúas partes claramente diferenciadas: a parte de adiante e a parte de atrás. Esta última realmente é o paso para o lavabo, pero serve de pavillón para unha afumada partida de cartas. Conta con porta de seu que vai dar a un calexón no que se agolpan os carros dos tahúres.

Unha xerra para atrás! E os xogadores mollan a palabra, independentemente da sorte que corran.

Ao noso carón dous homes con bigote analisan a perdurabilidade dos alimentos:

Vaia hom, unha lata aberta de sardiñas aínda che dura ben tres ou catro meses.

E logo, Antón, cando tes razón hai que darcha, carallo.

Este debate alimentario para de sotaque cando o presentador da televisión introduce o partido falando da figura de Leo Messi, a quen define como un auténtico killer. A verba entusiasma a un dos parroquianos quen, co mapa da Rioxa na faciana, arrouta a seguinte sentencia:

Killer, para killer o Paulino, ese si que era un killer, e dos bos, que facía todo a man.

Comeza entón un debate sobre os feitos do afamado Paulino de Chantada, quen cunha machada e un coitelo de sangrar os marraos, liquidou seis veciños e feriu outros seis unha tardiña de 1989. Coma os futbolistas, xogou dous tempos, na primeira parte asasinou uns cantos para voltar a casa e ceibar o gando nun lameiro. Despois da súa obriga de labrador, escomenzou a segunda parte até que se refuxiou na súa casa, prendeulle lume e deitouse na cama, agardando a fin, nun ritual atávico que vén da noite dos tempos. Como cantaban Os Diplomáticos de Montealto en Terra Brava: Nin Charlie Manson nin Hannibal Lecter, Paulino de Chantada era máis doente.

No corcho dos anuncios d’A Chantadina, (o corcho-facebook évos un elemento senlleiro no esmorecido universo tabernario), un anuncio escrito a mao recolle un teléfono e o seguinte reclamo: Arréglanse dentaduras postizas.

Os leóns do Athletic de Bilbao non tiveron mordente o pásado sábado. Veremos que fan os béticos contra o dente doente de Leo Messi, a un gol do récord do torpedo Müller.

Nova entrega da serie Visca Tasca de Xurxo Ayán e Xóse Gago no xornal dixital Dioivo.

Anuncios
Categorías: O mellor do País, Visca Tasca | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: