Crónicas Baltáridas, 1: A Atlántida

10484881_3_2009311_22_38_20

Todo comezou cando a Platón lle deu por falar en dous diálogos (valla a redundancia), “Timeo” e “Critias”, dunha terra asolagada máis alá das columnas de Hércules, dun imperio chantado na vella illa de Atlantis. A detallada descrición platónica da Atlántida chantou os alicerces de seculares saberes esotéricos e científicos. Unha boa introdución a ámbalasdúas perspectivas foi o libro de Charles Berlitz “La Atlántida, el octavo continente” (1985), de notable éxito en España da man do Círculo de Lectores. O mesmo autor dera ao prelo “El Triángulo de las Bermudas” e outra obra profética, esquencida por razóns obvias: “Fin del mundo, año 1999”. A día de hoxe, a procura da Atlántida segue formando parte da axenda arqueolóxica española e internacional. A ecuación Tartessos=Atlántida continúa alicerzando unha tradición investigadora anovada con novas tecnoloxías, reconstrucións de liñas de costa, programas informáticos que recrean tsunamis do pasado e recentes sondaxes arqueolóxicas na contorna do parque natural de Doñana.

Máis alá do eido científico, a Atlántida tamén serviu e serve de referente mítico a determinadas ideoloxías políticas. Así por exemplo, o ourensán Vicente Risco botou man do atlantismo na súa proposta teórica nacionalista (1920) que serviu de base para o galeguismo cultural e político de preguerra. En Arqueoloxía, o tamén ourensán Florentino López Cuevillas empregaría esa dicotomía atlántico vs mediterráneo na súa interpretación da civilización céltica de Galicia. A presenza do mito da Atlántida na xeración Nós e no grupo galeguista dereitista tradicionalista e racista (no caso dese “humanista” chamado Risco) de Ourense pode axudar a comprender a última iniciativa da dinastía baltárida: a creación do Instituto Ourensán de Estudos Sociais e Políticos Atlántida. Isto de crear fundacións e institutos é moi propio de políticos acabados, de quintanas, aznares, e touriños que así acadan dar a murga nos medios de comunicación en vez de desaparecer dignamente da res publica. Pero neste caso baltárida, a cousa ten máis miga, non só por recoller un nome (Atlántida) propio de discoteca de finais dos 80 e característico de puticlub galaico dos 90, senón por servir de ferramenta para a promoción de Baltar Júnior. Seica unha das funcións deste instituto apartidista é contribuír a comprender a realidade da provincia de Ourense, algo que non está mal despois de 18 anos no goberno da Deputación. Outra xoia retórica de Baltar Júnior é a súa promesa de “traballar por esa palabra máxica de sete letras que é Ourense”. Máis maxia terá a Atlántida, digo eu. Pola súa vez, o Baltarciño pretende converter o PP non na forza maioritaria, que xa o é, senón no partido de tódolos ourensáns, anceio inútil compartido por tódolos partidos fascistas en todo tempo e lugar. Neste clima apartidista e filantrópico, topamos con esa vergoñenta (nun país normal) foto reproducida en todos os xornais o pasado 3 de xaneiro: o retrato dos 85 líderes locais (dun total de 92) arroupando a Baltar Júnior en Santa Cruz de Arrabaldo tralas consabidas xestións do seu pai (Papa llama!). Os atlantes e as atlantas figurantes nesa foto de familia (nunca mellor dito) reflicten perfectamente os últimos 70 anos da historia desta parte de Galicia. Concretamente o acontecido dende o mes de Santiago de 1936. Ollando cara aos habitantes desta Atlántida dos baltáridas unicamente nos queda recordar aquel paragrafo de Platón que máis ou menos viña a dicir o que segue: “Pero cando esa parte da natureza divina comezou a esvaerse nos habitantes da Atlántida, adoitando quedar diluída, e con demasiado uso do poderío, daquela incapaces de aturaren a súa boa fortuna, viñeron a converterse en seres arbitrarios, e perante todos aqueles que tivesen ollos para ver comezaron a semellar baixos e despoxados do valor das súas preciosas dotes, pero para aqueles que non tivesen ollos para distingui-la verdadeira felicidade seguiron parecendo gloriosos e afortunados naqueles tempos nos que estaban dominados pola avaricia e as angueiras de inxusto poder”. Xoias lúcidas da escola peripatética aplicables a unha realidade patética, propia da Bulgaria soviética, da Corea do Norte dos Kim ou de calquer país da costa oeste africana. Pero claro, xa sabemos que na Atlántida baltárida reina o realismo máxico e o nepotismo ilustrado.

13 de xaneiro de 2010.

Publicado en Galicia Confidencial.

Anuncios
Categorías: O pior do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: