Crónicas Baltáridas III: San Rosendo

1328783453

“Lo que hace falta es orden y mano dura”. Debemos esta declaración de principios ao Baltar Sénior, pero ben podía estar firmada por un militar golpista do estilo de Franco, Videla ou Pinochet.

Esta é a receita baltárida para saír da crise en Ourense. Todo o mundo sabe que os Baltáridas son xente de orde, parafraseando o título do excelente libro de Ana Cabana, no que analisa as estratexias de supervivencia desenvoltas polas familias labregas galegas para lidiar coa ditadura nacionalcatólica. A segunda opción manexada polo petrucio do trombón para superar os malos tempos que corren deuna a coñecer nunha festa de exaltación da castaña nun concello de Baltarilandia: promocionar os productos “endógenos” e manter a nosa “indiosincrasia” (sic). Iso si que é ser conservador. Converter Ourense nunha reserva india. A terceira idea do Supremo Líder para manter a orde é manterse el no Poder. Chámalle parvo. Para lexitimar a xerontocracia, este loitador pola liberdade óllase no exemplo do seu idolatrado Manuel Fraga, un home que segundo el, segue ao pé do canón, con dignidade e ilusión. Home, iso non o debía pensar o ditador Obiang cando recibiu a Fraga en Guinea Ecuatorial en 2008 na celebración da independencia da ex colonia (1968). Seica Obiang achegouse animoso onda o ex ministro franquista e lle soltou aquilo de “Gracias don Manuel por haber venido porque ya se ve que está usted acabado”.

Tanto Baltar Sénior, como Fraga ou Obiang seguen actuando como naquela xenial viñeta de Castelao na que uns animais se rin do galo repoludo: o galo pensa que se non cacarexa non vai saír o sol!!!!. Do mesmo xeito, Baltar Sénior pensa que a realidade é el. Aínda así, o galo vello sabe máis ca o fillo, ese poliño de Coren que soña con conquerir todos os mercados e feiras de Ourense, alá na súa casa, co carpín de John Lennon nunha mao e o mapamundi de Ourense inzado de chinchetas con forma de gaivota, na outra. Nesta guerra de Reconquista particular, o principiño Baltar Júnior debeu ver esa xoia do cine porno español, “El Poly se desboca”, e decidiu noquear ao candidato-boxeador do Partido para sustituilo por un médico da Familia, que máis ca doutor semella un menciñeiro milagreiro. Como no caso de San Telmo en Pontevedra, San Rosendo tentará levar a cabo a misión imposible de conquerir para os baltáridas a cidade das Burgas. Aquí e acolá, Baltar Júnior espalla a boa nova da chegada deste novo San Rosendo, con encomiásticos e telegráficos alegatos que pouco teñen que ver coa maxistral oratoria do “Panegírico de San Rosendo” lido no mosteiro de Celanova en 1905 por Marcelo Macías, avó da Arqueoloxía ourensá que influiu na Arqueoloxía galeguista científica de López Cuevillas.

No arquivo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento consérvase, entre outras moitas, unha xoia bibliográfica que forma parte do Patrimonio da Dignidade deste país. Refírome á edición completa dun opúsculo que nunca chegou a ser distribuído por mor do golpe de Estado fascista do 18 de xullo de 1936. Estas dúas páxinas foron impresas a xeito de folla volandeira nesa fábrica de soños rotos que foi a imprenta compostelá de Ánxel Casal. O texto levaba por título “Milenario de Celanova” e recollía a conmemoración que os galeguistas do Seminario de Estudos Galegos tiñan pensado facer o 25 de xullo, día de Galicia, para lembrar a fundación do mosteiro de Celanova por San Rosendo no ano 936. Na iniciativa destacaban os católicos ourensáns Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo. O texto é un alegato a prol da dignificación da historia do noso país e desa fermosa idea da universalidade de Galicia, pola cal foron asasinados e represaliados varios dos organizadores dese milenario de Celanova. Que os baltáridas coas súas Atlántidas e andrómenas se declaren herdeiros dese galeguismo mártir de preguerra é unha indecencia ética e moral.

San Rosendo vencéllase a ese século X no que a nobreza galega tiña moito que dicir na política do Reino. Introdutor do ideario bieito e carismático reformador eclesiástico, Rudesindus formaba parte dunha elite que anticipou en mil anos o nepotismo baltárida. O dúo tío-sobriño garantía no século X o control dos bispados polas principais familias nobres do país. Era un cargo que non obedecía ao voto dos fieis como en época paleocristiá, senón que xa estaba amañado de anteman; as dióceses de Iria e Mondoñedo pasaban de tíos a sobriños con naturalidade. Mil anos despois, os baltáridas coreanizaron o sistema do século X no século XXI, pero cunha pequena diferenza: prescindir da educación e da cultura. E nesta realidade baltárida, o novo San Rosendo pouco ten que facer, a non ser milagres, Deus mediante.

8 de xaneiro de 2011.

Publicado en Galicia Confidencial.

Anuncios
Categorías: O pior do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: