Crónicas Baltáridas IV: O forraco

1358023175_0

O forraco de billetes foi un dos símbolos do indiano retornado que gostaba de esparexir os cartos aos pequenos no adro da igrexa parroquial.

Non deixa de haber algo colonial neste xesto. En Guinea Ecuatorial aínda recordan como summum da humillación colonial as viaxes dos gobernadores e misioneiros españois aos poboados repartindo cartos e caramelos. Pola contra, nas crónicas dos misioneiros claretianos recóllense esas novas coma unha ledicia da poboación local. En moitos sitios de África non hai máis humillación que abaixarse a por cartos estrados adrede ao chao. Por iso nas lendas urbanas (ou desérticas) dos xeques árabes da Costa do Sol non falla nunca a anécdota esa de lanzar billetes na discoteca como divertimento. Seica isto é o que chaman Poder.

O espírito galaico, acostumado ás privacións e á explotación feudal, materializouse en toda unha mitoloxía arredor do aforro e o traballo arreo. Mesmo os mouros gardadores de tesouros teñen algo que ver con  isto, como intuiu o xenial Álvaro Cunqueiro de “Tesouros novos e vellos”. Como todo discurso, esta leria da honradez e o aforro vén sendo unha superestrutura ideolóxica que agocha unha realidade: a angueira por dispor de cartos a esgalla. E o galego, nas épocas de bonanza, moito gosta da exhibición monetaria, e non falo unicamente dos narcotraficantes. Na memoria colectiva quedou a imaxe dos anos do wolfram, no anos 40, cos homes nos cabarets de Vigo, A Coruña e Ponferrada acendendo habanos con billetes de moitas pesetas

Eu mesmo teño visto a cerimonial retirada dos paisanos que botan a partida da tardiña nun bar de Compostela; sempre hai un parroquiano que para pagar catro cafés saca de forraco entre verde e morado. Aínda queda o relicto do mundo dos arrieiros e dos tratantes de gando, que pagaban ao contado e tiñan palabra de honra. Nas feiras e mercados aínda podemos ver eses comerciantes que con naturalidade botan man do forraco, agochado en sitios inverosímiles. Pero non só en Galicia. Hai uns anos estiven na feira do 25 en Asosa, Etiopía occidental. Todo un espectáculo multiétnico con máis cores có arco da vella. Así e todo, unha imaxe quedou gravada no disco duro do meu maxín. Un tratante musulmán, da etnia berta, espelido, alto coma un alcipreste, tocado co seu kufi branco ficaba de pé, só, ensimesmado coma o conselleiro de Cultura, contando o seu forraco de birr a unha velocidade propia das casillas das tragaperras, como se fose a recadación do Xacobeo. As xentes abisinias moito gostan de contar os billetes, eses billetes case transparentes que cheiran á inyera (a comida nacional) que se come comunalmente, coas maos, por suposto. (Os billetes das pulpeiras galegas saben a algo semellante, palillos mediante). A prebe das dedas inxéctase neses billetes, do mesmo xeito que a farlopa no mundo “civilizado”.

Os billetes etíopes e guineanos, coma moitos de África, reflicten moi ben a escala de valores dos que mandan neses Estados. Os billetes de máis valor sempre acollen como elemento decorativo os símbolos do progreso e a Modernidade: primeiro as pontes e grandes edificios, despois grande maquinaria empregada na extración de petróleo, séguenlle os tractores e os traballos mecanizados no agro para rematar cos billetes de menos valor nos que aparece a educación e a cultura, con alumnos na clase, microscopios e cousas así. Segundo quen terme do forraco, en África ou Galicia (valia a redundancia) a ostentación estára moi reñida ou non coa educación e a cultura, sobre todo se é un político.

Estes días puidemos ver como o precedente do ex-alcalde de Ortigueira, agasallando billetes nun pub en Ibiza co ínclito Pocholo, creou escola na dinastía baltárida. O patriarca sacou de forraco nun mítin para solventar unha débeda persoal, seica. Baltar sénior, como bo colonizador, como bo tío Gilito, como bo tratante dos bos salvaxes, como bo rico, como bo cacique africano, como bo “Small Man” é dos que pensa que todo se merca, dos que cre que o problema da xuventude rabiosa do 15-M se soluciona repartindo billetes entre a mocedade zángana e hippie.

A escena final da curtametraxe Mamá Asunción de Chano Piñeiro amosa unha vella enloitada da Terra de Montes guindando á lareira os billetes que o seu fillo morto en América lle deixara en herdanza. Esa será a herdanza queimada da dinastía baltárida. Das cinzas rexurdirá, coma sempre, a educación e a cultura, ausentes dende hai décadas dos billetes da indecencia.

21 de maio de 2011

Publicado no Galicia Confidencial

Anuncios
Categorías: O pior do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: