Crónicas Baltáridas, V: Sonvos tempos a abaltar

baltar-blanco-diputacion--644x362

Nas terras abisinias de Metekel, por riba do Nilo Azul, na fronteira entre Sudán e Etiopía conviven daquela maneira diferentes grupos étnicos niloaharianos, historicamente perseguidos, escravizados e explotados pola xente do altiplano.

De entre todos eles temos o exemplo dos berta, animistas de toda a vida. A fins do século XIX, as elites locais berta adoptaron unha doble estratexia; por unha banda, pasaron a render tributo e honras ao “negus” abisinio e, por outra banda, convertíronse ao Islam, arrastrando con eles ao común (xa se sabe, “cuius regio, eius religio”). Os xefes berta contribuíron ao padecemento do seu propio pobo axudando nas razzias escravistas promocionadas polo poder imperial. Entre os berta, o poder transmítese de pai a fillo, algo moi propio dunha comunidade campesiña primitiva virilocal, isto é, os rapaces remanecen no seu poboado e casan con mulleres de fóra. Estas sagas familiares de caciques africanos seguen detentando o poder tradicional hoxendía, nutrindo as filas do Partido Popular de turno, o Partido dos Berta. Na nosa tentativa de deseñar un museo interétnico en Asosa (a capital do Estado rexión de Benishangul-Gumuz) deseguida o xefe, fillo, neto e bisneto de xefes, obrigou a que un retrato do seu bisavó recibise ao visitante pendurado nun posto de privilexio no Museo. Por suposto, a súa extensa grei copa os postos da Administración local, tanto a consuetudinaria (os pedáneos no noso caso) como a oficial (a Deputación no noso caso) do Estado federal etíope.

Fagamos agora unha viaxe de Leste a Oeste sen trocar apenas de latitude. Atopámonos agora no Golfo de Guinea, na vella colonia española de Río Muni, na parte continental de Guinea Ecuatorial. A etnia guerreira fang, sobrancea estas terras dende hai séculos, dominando a outros grupos étnicos. En concreto, o clan de Mongomo é o basamento no que se alicerza a ditadura criminal de Obiang, o militar franquista formado na Academia de Zaragoza nos anos 60. A estrutura de parentesco obriga a un acusado nepotismo. As ducias e ducias de ministros e secretarios xerais tentan reproducir o modelo do Xefe: garantir o futuro do fillo como detentador da autoridade e do poder. Teodorín, o nefasto fillo de Obiang, sátrapa analfabeto, ministro de Medio Ambiente, expoliador da súa terra e multimillonario é o referente para os adláteres do Rexime. Aquí, nestes estados da África subsahariana non existe Papá Estado, unicamente Papá, estilo Julio Iglesias.

En Metekel, Guinea Ecuatorial e Ourense, valla a redundancia, sonvos tempos de abaltar. En edicións de distintos xornais pódense ler estes días ácedas críticas ao nepotismo baltárida: como é posible que a familia responsable do estancamento económico e desartellamento de toda unha provincia durante case trinta anos se perpetúe no poder? Quen denuncia deste xeito tan democrática decisión confunde a economía liberal coa economía política das sociedades tribais premodernas. Os baltáridas teñen o mando e sustentan o seu poder clánico na banalidade do mal, na levedade eterna dunha escenografía teatral. Velaí o Patriarca baltárida baixando como Scarlata O’Hara a escaleira da Deputación, aclamado por esa lexión de fideis que recorda aos consellos de ministros de Hugo Chávez, aos que en Venezuela alcuman “focas” porque o único que fan é aplaudir sen abrir a boca. A esta lóxica obedecen esas grandiosas declaracións: “Retírome de toda actividade política, só botarei unha mao nas eleccións”. Na lóxica baltárida as eleccións non son política, claro que non, iso só acontece nas democracias de verdade. Tampouco está mal aqueloutra frase: “Só me dá mágoa non ter acadado que Ourense despegue de vez”. Doutra volta, así se explica a irrealidade do novo “Abaltador”, que agradece a confianza cega do Partido e destaca o feito de que el teña sido o único candidato proposto para ocupar a praza do seu pai. Con dous trombóns. Se algún día Baltarín cruza o limes da provincia auriense, se lle dá por ultrapasar o Paraño, a raia seca, a Ribeira Sacra ou Puente de Domingo Flórez, daráse de conta de que é un ninguén en terra de ningures. Pero xa será demasiado tarde, porque no agro ourensán, daquela, unicamente votarán os xabaríns.
31 de xaneiro de 2012
Publicado en Galicia Confidencial

 

Anuncios
Categorías: O pior do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: