Archivo mensual: febrero 2013
Novo Punto Científico, na Domus
Nova entrega de Visca Tasca: Polo San Brais, dúas horas máis
Unha das lonxanas promesas eleitorais de Sandro Rosell apuntaba cara á posibilidade de mudar o horario habitual dos partidos xogados polo Barça na casa, para abrir o Camp Nou a público de todas as idades, ás familias que puidesen ir cos seus meniños. A canteira é a canteira… pero a televisión tamén é a televisión. En todo caso, aquel anceio comeza a facerse realidade hoxendía con partidos ao mediodía. Esta nova tendencia leva de novo ao Crego e o Monaguillo a visionar fútbol no barrio de Sar, desta volta un domingo pola mañá. Facemos coincidir a nosa incursión, casualmente, coa celebración da festa do San Brais.
Este señor foi bispo de Sebaste na Armenia no século IV e rematou os seus días martirizado en época de Diocleciano; concretamente foi decapitado, por iso se lle atribúen poderes taumatúrxicos, en especial contra os males da gorxa e os males de ouvidos. É un santo moi popular en Galicia, o que se explica polo éxito acadado no NW hispánico polos mártires paleocristiáns (Santa Mariña, San Lourenzo, Santa Lucía, San Cristovo…) que foron utilizados pola Igrexa para cristianizar cultos de orixe prerromana, neste caso a festividade céltica do Imbolc. Esta festa, que marcaba o paso da metade do inverno, o medrar dos días (a iso se refiren os ditos populares enchegando o San Brais, pon pan e vino na alforxa, que día non faltará ou o día de San Brais ten dúas horas mais) sendo substituída no calendario cristián pola Candelaria e o San Brais.
Se ben é subliñable a súa importancia no calendario litúrxico, xa que precedía ao tempo de penitencia da Cuaresma (de aí o dito popular Vamos, mozas, a San Brais, que festas non quedan mais), moito mais remarcable é o feito de tratarse dun fito festivo sobranceiro no calendario agraria da comunidade. En pleno inverno, nun período no que a vida se centraba na casa, no núcleo familiar (a diferenza do verán, intre álxido dos traballos comunitarios) e no que se desenvolvían as matanzas do porco, actividade básica na súa economía de subsistencia, a festa do San Brais (tamén chamada festa das cacholas) potencia os lazos do asociacionismo veciñal. E o barrio de Sar, que se resiste a deixar de ser, é boa proba disto.
Na miña aldea lemava de Cerasia, a noite antes do San Brais facíase o chamado folión de véspera, cunha lumieira na carballeira emprazada a rentes da igrexa. Nesta Terra de Lemos, o San Brais é tamén un culto moi popular potenciado polos condes de Lemos no século XVI ao traeren de Italia reliquias do santo. En Cerasia a mocedade recuperou a festa a comezos dos anos 70 e mesmo daquela fixeran un cartel que rezaba: Fiesta del San Blas, Gran Hoguera. E houbo veciños doutras parroquias que alí foron pensando que actuaba unha orquestra, de nome… Gran Hoguera. Sexa como for a tradición mantívose. Eu cando era pequeno gostaba moito de fitar abraiado a pirotecnia e os foguetes alumando a noite. Pola mañanciña, erguíame cedo e ía polos lameiros de tras da igrexa, camiño a Lamas, recollendo as variñas de bambú, unhas chantadas na lama, outras degoldradas sobre a herba. Contaba usalas para erguer unha cabana no souto. Na casa todo se aproveitaba e o meu tío empregou durante anos unha variña de foguete como mando a distancia da televisión Elbe que tiña no cuarto. De feito reviraba o aparello un pouco para que o meu avó tamén a vise dende a súa cama no cuarto do lado, coa porta aberta. Compartían sobre todo o visionado dos westerns, que moito lle gostaban ao finado do meu avó, en paz descanse.
Alí estabamos o Crego e o Monaguillo, no bar da comisión, ao carón da igrexa de Sar, agardando a que a Banda Municipal tocase unhas pezas. Cando comezou o estourido propiciado polos fogueteiros quedamos pampos. Os xoves pais que termaban dos nenos comezaron a taparlles os ouvidos como se viñera un meteorito; os pequenos ditadores viron ocasión para montar un cristo, o nerviosismo espallouse como a operación Pokemon, os hiperprotecionistas pais tiñan medo de que os seus nenos urbanitas ficasen doentes dun shock postraumático. Iso si, cando comezou a tocar a banda non tiveron coidado de poñer aos nenos ao carón dunha trompa monumental que esnaquizaba estribos, iunques e martelos. Pero daba igual porque para iso estaba o San Brais, para coidar dos males da forella. Só un neno foi ceibado dende o inicio polos pais para que vivise o San Brais ao seu xeito. De fazulas reviradas e faciana de degustador de caldo e empanada, Breixo correu o que puido para ver como caían as variñas a rentes do río. Pero foi o único.
Cando entramos no bar Domínguez (ensaladilla e boqueróns míticos) para ver a segunda parte do partido, cóntolle as miñas penas ao retranqueiro dono. Como pode ser que estes nenos estean apirolados deste xeito, a culpa é dos pais, pero viven nunha burbulla, ostia xa… cando rematei o meu excurso o dono miroume de esguello e lapidario contestou:
E logo que pensas, que as cousas van ser do revés?
Tito Vilanova é dos que pensa que as cousas si poden ser do revés. Eu non creo, pero por se acaso, pedínlle un favor ao San Brais, que oe moi ben para estas cousas da gorxa e do pescozo.
Herdeiros pola Forza en Actuaciencia
Sembrar mentes y plantar árboles desde el teatro, la radio y lo que se tercie. Un pueblo educado no permite corruptos ni incompetentes.
http://www.ivoox.com/programa-45-xurxo-ayan-carnaval-cientifico-audios-mp3_rf_1787085_1.html
Amadores da Atlántida
A polifacética actriz Soledad Felloza vén de organizar o Festival Internacional de Narración Oral do Atlántico. Os mellores contacontos de Galiza e convidados de Arxentina, Uruguai, Brasil e Portugal dánse cita e Santiago de Compostela do 5 ao 16 de marzo. Nesta festa do xesto e da palabra o abade desta lucenza tamén terá algo que contar.
http://festivalatlantica.com/
A barbarie tribal
Como rematou a historia do castro de Elviña que vos contaba en anteriores posts? Cun lume que rematou coas dúas cabanas reconstruídas en 1957. A arqueoloxía oficial, científica e académica mantivo deica os nosos días unha actitude paternalista facendo fincapé na vesánica e atávica forma de estar no mundo dos bos salvaxes, isto é, dos campesiños de Elviña e arredores. Seica se lle botou a culpa á rivalidade entre parroquias ou, en verbas de F. S. López (1999):
Pero él [Luengo] trata de crear un parque arqueológico, invita a célebres personalidades de la arqueología y la etnografía a visitar el castro, inicialmente atrae y sensibiliza a la misma alcaldía y hasta a la administración, llega a restaurar por procedimientos etnoarqueológicos algunas pallozas… pero la barbarie tribal puede con los deseos de Luengo y de muchos coruñeses sensibles.
Paragrafos coma este son a causa de que escribiramos un libro como Herdeiros pola Forza. Esta segue sendo a actitude de grande parte da Academia e da Administración de Patrimonio a día de hoxe.
Esta versión da historia obvia aquilo que contara Monteagudo, aquela excelente relación cos paisanos da parroquia que mesmo participaban e vixiaban as escavacións a fins dos anos corenta. Xurxo Souto lembraba como a Arqueoloxía entrou no folklore popular, no Antroido da zona, e como os habitantes de Elviña estaban emocionados porque pensaban que Monteagudo atopara a entrada cara á trabe de ouro… que resultou ser un alxibe monumental. Monteagudo facía fincapé na mediación, no consenso, a negociación; apunta datos interesantes sobre un posible conflicto, unha promesa incumprida (a estrada de acceso). Velaí está a orixe, segundo parece, do lume que queimou as cabanas castrexas. Sen embargo, a Arqueoloxía oficial vía as cousas doutro xeito, como agora.
Excelente exemplo o de Elviña nos anos 40 e 50 para comprender a realiade de hoxendía. Galicia inzada de ruínas arqueolóxicas (aulas didácticas, cetros de interpretación…) deseñadas polos que saben, impostas no medio rural sen contar con eses seres insensibles condanados para sempre pola barbarie tribal. Este ninguneo, esta criminalización das comunidades locais é unha das causas fundamentais do fracaso da xestión do patrimonio arqueolóxico deste país.
Fotografía: a outra cabana reconstruída no castro de Elviña (Luengo, 1979).
Hoxe en Carnota
A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT) celebrará este sábado, 9 de febreiro, unha gran actividade de divulgación científica e tecnolóxica aberta ao público xeral en Carnota. O evento, de carácter gratuito, desenvolverase nun ton lúdico e festivo, aproveitando a celebración do Entroido. Deste xeito a Asociación pretende acadar un dobre obxectivo: achegar a I+D+i a un público non familiarizado cos temas científicos e tecnolóxicos e a zonas con escasa oferta de actividades deste tipo.
Esta iniciativa forma parte da programa anual da AGC CCT e diríxese a tódolos públicos sen previa reserva.
Ás 12.00 horas terá lugar unha visita guiada á Torre dos Mouros. Manuel Gago, xornalista eXurxo Ayán, arqueólogo e membro da ACG CCT, serán os encargados de explicar aos asistenes a historia deste singular xacemento. O punto de encontró será o monumento a Castelao en Lira.
Ás 17.00 horas en Portocubelo (diante da Lonxa de Lira) comezarán as charlas e os obradoiros gratuitos de ciencia para tódolos públicos. Esta proposta, eminentemente didáctica e participativa, estará coordinada polos socios da AGC CCT e consta de seis mini-pílulas de ciencia e dun obradorio sobre as ciencias mariñas. A actividade durará ata as 18.30 horas. No caso de chuvia o Punto realizarase no interior da lonxa.
Os temas
As charlas de divulgación versarán sobre temas moi variados.
O arqueólogo Xurxo Ayán participará con “ Escribiuse un crime: arqueoloxía dun camposanto”; o astrónomo Borja Tosar con “Postal planetaria dende Marte”, o microbiólogo Esteban Fernández con “De camping coas bacterias”, o neurocientífico Casto Rivadulla con “Ata canto sabes contar?” o químico Manuel Vicente con “O home apático” e a científica mariña Luisa Martínez con “Entroido Mariño” e o físico Pío González con “Biomateriais”.
“Trátase dunha ambiciosa proposta, de carácter multidisciplinar, a través da que pretendemos facer, por todo o alto, a nosa posta en escena anual no marco do noso compromiso de difundir as cuestións científicas, a innovación e a tecnoloxía ao público xeral”, explican os membros da Xunta Directiva da Asociación, quenes adiantan que ademais o 22 de febreiro a AGC CCT participará na Coruña no Festival por Amor ao Arte.
Bienvenido Mr Martínez Santa-Olalla
Por suposto, ninguén lle fixo caso a Luis Monteagudo, un home crítico e incómodo, que sería relegado da direción das escavacións en Elviña polo Comisario Provincial de Excavaciones Arqueológicas Jose Mª Luengo y Martínez. Cómpre lembrar que no Nuevo Estado, na súa etapa máis feixista, o chiringuito arqueolóxico estaba controlado por Martínez-Santaolalla, falanxista camisa vieja. Este home, canda outro moi venerado en Galicia a posteriori, Carlos Alonso del Real, foron os heroes que denunciaron a Julián Marías (fidel á República até a fin) acabando coa súa carreira académica. Tamén foron estes dous quen prenderon unha lumieira fronte ao museo Etnolóxico de Madrid, queimando libros darwinistas e vestidos de Falanxe. Como dixo Rivas, os libros arden mal.
Vemos nesta fotografía ao filonazi (mais homosexual) Martínez Santa-Olalla enxangado exercendo de tradutor a Himmler na súa visita a España. Este fenómeno rexirá con man de ferro a Arqueoloxía española até a caída de Falanxe e a entrada dos tecnócratas do Opus Dei nos gobernos franquistas a mediados da década de 1950. Neste contexto só podían ser Comisarios homes afectos ao Rexime, xente como Filgueira Valverde ou Luengo Martínez, fideis seguidores da obra do nazi antedito. A leitura etnocultural dos pobos prerromanos feita polo celtofeixista Sata-Olalla foi a Biblia que substituiu o paradigma chantado por Pere Bosch Gimpera, conseller da Generalitat exilado en México. De feito, todas as interpretacións que Luengo fai do castro de Meirás, Elviña ou a vila romana de Centroña sancionan obedientemente os postulados do Comisario General. Neste contexto, curiosamente, Luengo asume (mais ben plaxia) as ideas de Monteagudo sobre o parque arqueolóxico de Elviña e tenta levalas á prática dez anos despois. Como deixou escrito o propio Luengo (1975):
La importancia que para el estudio de la cultura céltica hispana tenían los descubrimientos efectuados en el Castro de Elviña movió al entonces Comisario General de ExcavacionesArqueológicas, profesor D. Julio Martínez Santa Olalla, a proponer la celebración en dicho Castro del III Concurso Nacional de Arqueología de Campo y del I Congreso Nacional de las Ciencias del Hombre, a las que asisitirían quince países extranjeros, y que habían de celebrarse en el año 1957, con el propósito de, en una sola campaña, terminar las excavaciones y convertir el Castro en Museo vivo, restableciendo en él, previa restauración, la vida con todo el ambiente céltico, rodeándole de los cultivos que tuviera en la época pre-romana, siendo este el primer ensayo que se iba a realizar en España.
Este proxecto paralizouse coa morte do alcalde Molina en 1958. Daquel soñado parque arqueolóxico só se chegou a facer a reconstrución in situ de dúas cabanas do castro de Elviña. Velaquí tedes unha das escasas fotos (Luengo 1975) que inmortalizan esta iniciativa, durante a antedita visita consignada por Luengo e que tivo lugar en 1957.
No Campo de Marte
Castro de Elviña no ano 1955.
Presentamos onte no serán Herdeiros pola Forza na biblioteca de Montealto grazas ao convite dos Amigos do Arqueolóxico, da Libraría Sisargas e do Proxecto Cárcere. Esta biblioteca ateigada de xente vai pechar pola desidia e a saña duns políticos infames. O baril Xurxo Souto iniciou o acto cun marabilloso introito no que convidaba a soñar a rentes do Atlántico. Con guerreiros coma este é normal que este solar de Montealto leve o microtopónimo de Campo de Marte.
Os libros chaman aos bos libros, a esas Voces Baixas de Manuel Rivas. Na presentación de hoxe empregamos os recordos da infancia do autor ao sopé do castro de Elviña, como aquelas escavacións arqueolóxicas de fins dos anos corenta e comezos dos cincuenta deixaron unha pisada imborrable na comunidade local. O meu primeiro traballo de investigación tivo por obxecto precisamente o castro de Elviña, no ano 1999 co gallo da redacción dun amplo Plano Director para a posta en valor do sitio, cando se procuraba facer un parque arqueolóxico cunha Casa dos Antergos. Moito choveu dende aquela. Aquela experiencia permitiu facer un estudo integral sobre Elviña sistematizando toda a información disponible sobre o sitio. Naquel contexto, atopouse documentación inédita do arqueólogo Luis Monteagudo, o patriarca da Arqueoloxía galega.
Luis Monteagudo foi pensionado na Alemaña da postguerra por Xan de Forcados, o médico do Saviñao seguidor da Institución Libre de Enseñanza que mandou ao estranxeiro a elite científica e intelectual galega entre os anos 20 e 30 grazas á súa influencia da Junta de Ampliación de Estudios. Este home cría no progreso e a Modernidade a través da instrucción pública pero tamén defendeu a ultranza o Patrimonio cultural. El foi que acadou preservar a muralla de Lugo nos tolos anos 20 cando a ditadura de Primo de Rivera tentou derrubala. Pero esta é outra historia. Sexa como for, Xan de Forcados interesouse entre outras moitas cousas pola hixiene pública e a promoción turística antes da guerra civil española. Ese remorso quedoulle a Luis Monteagudo que en 1947-1948 escribiu esas notas anteditas baixo o título de Turismo en el castro de Elviña, cando se preservaba totalmente a paisaxe rural tradicional na parroquia de Elviña. Cómpre dicir qe este home que percorreu centos de museos en Centroeuropa en bicicleta é o primeiro en España, que saibamos, que fala literalmente da posta en valor do Patrimonio, empregando o coñecido galicismo. Nesas páxinas díse o seguinte:
La puesta en valor del castro de Elviña hay que enfocarla desde dos puntos de vista: científico (arqueológico) y turístico (económico).
El castro de Elviña no debe ser más que la base de la conversión de la ciudad de La Coruña en el principal centro de turismo arqueológico en la Europa atlántica; para ello hay que encuadrar en un vasto plan la vía romana de Casanova de Eirís, la necrópolis de túmulos dolménicos del Bronce I de Fontedouro, monte de Arcas y Zapateira (todo inmediato al castro de Elviña); también los castros de Nostián y Pastoriza (distantes menos de cinco kilómetros de Elviña), y los que flanquean las hermosas playas frente a la Ciudad Sonrisa. El ambiente de la ciudad de La Coruña (por su alegría profunda, sana y auténtica, que no hemos visto en ninguna otra parte de Europa), por lo menos en dos generaciones, no es propicio para la industria y sí para un productivo turismo. Esto, que es evidente al psicólogo, al historiador y al sociólogo, quizá no lo comprenda el economista, que, desgraciadamente, es siempre el que dice la última palabra.
Clarividente e coruñesista o señor Monteagudo, un home incómodo para o sistema. Na parte máis crítica do seu texto (inédito, claro) denuncia directamente los defectos actuales de la labor en Elviña. Entre estas carencias sinala as seguintes:
- Falta de relación amistosa con los campesinos que durante la campaña de 1948 se interesaron por los trabajos vigilando la conservación de lo excavado.
- Falta de información al pueblo de la Coruña.
- Falta de exposición de piezas provisionalmente en el Museo de Bellas Artes.
Para deseguido ofrecer remedios a esta situación de falla de transparencia, de interacción coa sociedade; entre as solucións previstas van as seguintes:
- Restablecimiento del pasado contacto amistoso con los campesinos para que sigan vigilando las ruinas y colaborando en las excavaciones y camino.
- La Diputación no debe demorar la entrega de la exigua consignación pedida (e incluso ofrecida) para el camino, no sólo por la conveniencia de un pronto acceso fácil sino por el efecto favorable que tendría entre los vecinos.
- Las piezas principales exhumadas en Elviña no deben permanecer más tiempo ocultas y desperdigadas por desidia.
Visita de sabios ás escavacións arqueolóxicas da Lanzada nos anos 60. Entre eles Luis Monteagudo (Arquivo do Museo de Pontevedra).