Nova entrega de Visca Tasca: Polo San Brais, dúas horas máis

san.blas22

Unha das lonxanas promesas eleitorais de Sandro Rosell apuntaba cara á posibilidade de mudar o horario habitual dos partidos xogados polo Barça na casa, para abrir o Camp Nou a público de todas as idades, ás familias que puidesen ir cos seus meniños. A canteira é a canteira… pero a televisión tamén é a televisión. En todo caso, aquel anceio comeza a facerse realidade hoxendía con partidos ao mediodía. Esta nova tendencia leva de novo ao Crego e o Monaguillo a visionar fútbol no barrio de Sar, desta volta un domingo pola mañá. Facemos coincidir a nosa incursión, casualmente, coa celebración da festa do San Brais.

Este señor foi bispo de Sebaste na Armenia no século IV e rematou os seus días martirizado en época de Diocleciano; concretamente foi decapitado, por iso se lle atribúen poderes taumatúrxicos, en especial contra os males da gorxa e os males de ouvidos. É un santo moi popular en Galicia, o que se explica polo éxito acadado no NW hispánico polos mártires paleocristiáns (Santa Mariña, San Lourenzo, Santa Lucía, San Cristovo…) que foron utilizados pola Igrexa para cristianizar cultos de orixe prerromana, neste caso a festividade céltica do Imbolc. Esta festa, que marcaba o paso da metade do inverno, o medrar dos días (a iso se refiren os ditos populares enchegando o San Brais, pon pan e vino na alforxa, que día non faltará ou o día de San Brais ten dúas horas mais) sendo substituída no calendario cristián pola Candelaria e o San Brais.

Se ben é subliñable a súa importancia no calendario litúrxico, xa que precedía ao tempo de penitencia da Cuaresma (de aí o dito popular Vamos, mozas, a San Brais, que festas non quedan mais), moito mais remarcable é o feito de tratarse dun fito festivo sobranceiro no calendario agraria da comunidade. En pleno inverno, nun período no que a vida se centraba na casa, no núcleo familiar (a diferenza do verán, intre álxido dos traballos comunitarios) e no que se desenvolvían as matanzas do porco, actividade básica na súa economía de subsistencia, a festa do San Brais (tamén chamada festa das cacholas) potencia os lazos do asociacionismo veciñal. E o barrio de Sar, que se resiste a deixar de ser, é boa proba disto.

Na miña aldea lemava de Cerasia, a noite antes do San Brais facíase o chamado folión de véspera, cunha lumieira na carballeira emprazada a rentes da igrexa. Nesta Terra de Lemos, o San Brais é tamén un  culto moi popular potenciado polos condes de Lemos no século XVI ao traeren de Italia reliquias do santo. En Cerasia a mocedade recuperou a festa a comezos dos anos 70 e mesmo daquela fixeran un cartel que rezaba: Fiesta del San Blas, Gran Hoguera. E houbo veciños doutras parroquias que alí foron pensando que actuaba unha orquestra, de nome… Gran Hoguera. Sexa como for a tradición mantívose. Eu cando era pequeno gostaba moito de fitar abraiado a pirotecnia e os foguetes alumando a noite. Pola mañanciña, erguíame cedo e ía polos lameiros de tras da igrexa, camiño a Lamas, recollendo as variñas de bambú, unhas chantadas na lama, outras degoldradas sobre a herba. Contaba usalas para erguer unha cabana no souto. Na casa todo se aproveitaba e o meu tío empregou durante anos unha variña de foguete como mando a distancia da televisión Elbe que tiña no cuarto. De feito reviraba o aparello un pouco para que o meu avó tamén a vise dende a súa cama no cuarto do lado, coa porta aberta. Compartían sobre todo o visionado dos westerns, que moito lle gostaban ao finado do meu avó, en paz descanse.

Alí estabamos o Crego e o Monaguillo, no bar da comisión, ao carón da igrexa de Sar, agardando a que a Banda Municipal tocase unhas pezas. Cando comezou o estourido propiciado polos fogueteiros quedamos pampos. Os xoves pais que termaban dos nenos comezaron a taparlles os ouvidos como se viñera un meteorito; os pequenos ditadores viron ocasión para montar un cristo, o nerviosismo espallouse como  a operación Pokemon, os hiperprotecionistas pais tiñan medo de que os seus nenos urbanitas ficasen doentes dun shock postraumático. Iso si, cando comezou a tocar a banda non tiveron coidado de poñer aos nenos ao carón dunha trompa monumental que esnaquizaba estribos, iunques e martelos. Pero daba igual porque para iso estaba o San Brais, para coidar dos males da forella. Só un neno foi ceibado dende o inicio polos pais para que vivise o San Brais ao seu xeito. De fazulas reviradas e faciana de degustador de caldo e empanada, Breixo correu o que puido para ver como caían as variñas a rentes do río. Pero foi o único.

Cando entramos no bar Domínguez (ensaladilla e boqueróns míticos) para ver a segunda parte do partido, cóntolle as miñas penas ao retranqueiro dono. Como pode ser que estes nenos estean apirolados deste xeito, a culpa é dos pais, pero viven nunha burbulla, ostia xa… cando rematei o meu excurso o dono miroume de esguello e lapidario contestou:

E logo que pensas, que as cousas van ser do revés?

Tito Vilanova é dos que pensa que as cousas si poden ser do revés. Eu non creo, pero por se acaso, pedínlle un favor ao San Brais, que oe moi ben para estas cousas da gorxa e do pescozo.

Anuncios
Categorías: Visca Tasca | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: