Archivo mensual: marzo 2013

Unha sociedade forte como A Rocha (III)

Figura 6

O castelo da Rocha quedou coma un espazo marxinal, ruinoso e decadente até o punto de non aparecer nin sequera mencionado nas primeiras guías turísticas de Compostela, editadas naqueles anos nos que xa unicamente viñan pelegríns da arte como debuxara Castelao nunha fermosa viñeta. Nin Filgueira Valverde en 1934 nin Otero Pedrayo en 1943 citan a fortaleza. Cómpre lembrar a adscrición tradicionalista católica destes dous persoeiros… quizabes as revoltas medievais do Concello compostelán contra a Madre Igrexa non eran do agrado daqueles intelectuais… Pola contra, outro ben patrimonial desta terriña de Conxo e A Rocha sería recuperado pola Arqueoloxía galega de preguerra. Estamos a falar do petróglifo de Castriño de Conxo, atopado e rexistrado en 1935 por Ramón Sobrino e mailo seu fillo. As fotografías que testemuñan o achado amosan claramente a ciencia arqueolóxica daquela, un saber en mans de eruditos segmentados da sociedade, á marxe totalmente das comunidades locais. Ese modelo de ciencia segue vixente en Galicia nos nosos días, como criticamos en “Herdeiros pola Forza”. Pouca xente coñece un detalle (os veciños da Rocha dende logo que non): este petróglifo do Castriño de Conxo foi obxecto do primeiro calco mediante molde inverso realizado no noso país. Este molde consérvase no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento servindo de atrezzo a unha cheminea a carón de sellas de auga e outros trebellos enxebres e folklorizantes.

Mentres este molde histórico se atopa secuestrado nunha institución cultural deste país, o orixinario petróglifo está sometido ao maior desleixo polas administracións. Unicamente o labor comprometido e desinteresado dunha asociación cidadá como A Gentalha do Pichel foi quen de limpar e sinalizar este sitio arqueolóxico público. Xente moi perigosa estes separatistas que se adican a recuperar o Patrimonio arqueolóxico do concello santiagués…

Este modelo de xestión patrimonial caracterízase, doutra banda, por unha falla total de transparencia, de transmisión da información ás comunidades locais que son as lexítimas propietarias simbólicas dos espazos arqueolóxicos que habitan. Eu mesmo fun un dos técnicos que fixo a avaliación de impacto arqueolóxico do proxecto de axeitamento e modernización do camiño de ferro Eixo Atlántico entre os PK 80.900 e 92.000, o coñecido como tramo Osebe-Santiago. A Memoria Técnica entregouse en agosto de 1999 na Xunta de Galicia. Daquela a asociación veciñal da Rocha non foi informada para nada da afección do proxecto, dos impactos diagnosticados, das medidas correctoras propostas. Este informe durme nos arquivos na Dirección Xeral de Patrimonio coma un expediente máis. Esta segue sendo a tónica dominante en 2013. Con estes precedentes, os futuros proxectos de posta en valor das ruínas do castelo da Rocha probablemente repitan os mesmos erros, pasando a ser o enésimo mamotreto imposto á xente que non sabe polos que saben, os burócratas, os técnicos (nós) e os políticos. Así nos vai. Pobre Castelo da Rocha, se estiver a rentes de Dublín, Cork, Angers ou Oslo, outro galo cantaría.

Figura 3

Figura 5

Enriba: Fotografía do petroglifo do castriño de Conxo no ano da súa descoberta polos científicos (1935).

Abaixo: calco en xeso feito por Ramón Sobrino en 1935, exposto hogano no IEGPS, e detalle da inscrición que aínda conserva: Peña del Castro de la Rocha

Anuncio publicitario
Categorías: Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

O enterrador d’O Pombal

img118 - copia

Este inverno chuviñento fixo que o Crego e mailo Monaguillo se solidarizasen co parón invernal da Champions League. Unicamente algún partido senlleiro da Liga doméstica convócanos de novo na Coresma. Desta volta o Barcelona-Deportivo axúntanos no Bar Caamaño na novelesca rúa d’O Campo do Cruceiro do Galo. O local mantén aceso un fanal de renovación na decadente imaxe deste espazo liminal, ubicado estratexicamente entre as Hortas, Galeras e o Pombal, no eterno camiño cara ao solpor. Hai décadas, cando aínda o gado se amosaba con fachenda na feira de Santa Susana, este barrio era unha pequena cidade chea de vida, e por tanto, de vicio. O Hospital neorrománico tamén axudaba o seu, atraendo transeúntes e visitantes que pasaban unha doble revisión, a primeira cos galenos e a segunda coas meretrices que amosaban os seus encantos sobre as soleiras das vellas casas do Cruceiro do Galo. Esoutros feirantes foron os protagonistas do quefacer científico e artístico da xeración galeguista de preguerra; Ánxel Fole procuraba verbas enxebres saídas do bico dos tratantes, Luís Seoane paría esbozos das figuras buligantes na feira. Así o recordaba nunha carta a Maside de xuño de 1957 dende o morriñento exilio americano: ¡Cuánto siento no haber aprovechado más la lección de ir cada semana a hacer dibujos a la feria de Santa Susana!… hubiese tenido aún en la memoria un material extraordinario. O Progreso e a Modernidade guindaron esas xentes de aquí e de acolá ao Museo do Pobo Galego. Sen embargo, o que tivo retivo. E para iso está o bar Caamaño, onde concilian pesadumes e soños pelegríns alemáns, altos cargos da Xunta, as poucas prostitutas que manteñen o arcano negocio, algún estudante de resaca e paisanos da contorna, nados nestes barrios a rentes do pueblo.

O partido promete pouco; o profesor Fernando Vázquez nada pode facer cunha entidade desfeita por un porco mantido. O primeiro gol do Barça é celebrado animosamente por un paisano. O compañeiro de mesa recrimínao:

Vaia carallo, e logo non eres gallego?

Eu son gallego hasta Órdenes, somentes.

A enésima exhibición de Leo Messi fai que a parroquia desconecte do partido. Uns vellos parolan sobre os netos, se teñen bo ou mal dente:

Claro, é que o noso se non ten sustancia a comida déixaa no prato.

Bah bah bah bah, andrómenas, antes a sustancia érache a fame, esa si que era a sustancia, madia leva!

Outros labregos con ciencia desbarallan sobre as previsións do Calendario zaragozano, sobre a bondade da auga para os lameiros, encoros e cultivos. Así é todo, estes picheleiros prefiren o sol: Máis vale o que deixa o sol có que a auga dá, sentencia o chisposo agochado nun curruncho detrás dunha efémera copa de Soberano. A superioridade total do Barcelona semella acabar coa afección futbolística da parroquia, pero contribúe a que a xente molle a palabra e debulle os máis variados temas. Tralos netos (de viño e os outros), o fútbol, e o clima, vén outra leria moi querida pola xente nosa: as tapas.

Ti podes crer machiño que en Vigo, que andei eu por alá días atrás, poñen nos chigres gominolas de tapa, pero que carallo é iso, mecago en diola, que somos pícaros ou que pasa… a un home non se lle bota esa merda. Canta razón ten o carniceiro de Sober que xa vai ao Berbés cun chourizo no peto da camisa; saca de navalla en nun intre xa está rodeado dos modernos eses que roen o plástico ese dos collós.

Estando nestas, entra cerimonioso un home cuspidiño a Alfredo Landa cando facía de Sancho Panza. Vai directo ao curruncho da barra onde se amorean os xornais e apaña La Voz de Galicia nun xesto súpeto, brusco, calculado e efectista. Pousa o periódico na barra, e pregúntame se molesta. Eu contesto que non, para nada, e retrúcame:

Ogallá caibamos no ceo como cabemos eiquí..

No ceo ou no inferno, depende.

El tes razón caramba, por si escaso cómpre non ir confiado.

Deseguido molla a deda no bico e co seu cuspe adhesivo vai pasando freneticamente as follas dende atrás, até chegar ás páxinas das esquelas. Nese intre, a mesma deda furabolos fai un estrano no aire e dególdrase no nome do primeiro finado. Como a cinta dunha impresora, a deda escoa paseniñamente por cada esquela de arriba abaixo como se tivese vida propia, enviando a información á cachola do revisor dos decesos. Acabado o traballo solicita satisfeito un Sol y Sombra. Con razón este home corre co mote d’O enterrador d’O Pombal.

O Barça gaña xa 3-0 ao Deportivo, un clube que aparecerá dentro de pouco nas esquelas, grazas a Lendoiro, o Enterrador de Riazor.

Fotografía: Rúa do Campo do Cruceiro do Galo, circa 1915.

Fonte: http://memoriasdecompostela.blogspot.com.es/2011/09/rua-do-cruceiro-do-galo.HTML

 

Categorías: Visca Tasca | Deja un comentario

A tecelá d’O Abadexo

hNDEER

Sendo moza, Mariña d’O Abadexo baixara da Montaña para casar en Cerasia cun mozo que coñecera nunha noite de espadela, na véspora do San Brais. A señora Mariña, case nonaxenaria, mantén as súas maos de cirurxiá e segue a coser coma os anxos. O Alzheimer fai que tarabelee un pouco e a memoria xa non lle é a mesma. Así e todo, lembra os seus anos de nenez nas terras montesías d’O Abadexo e gosta de contar as historias noitaregas de lobos, mouros e tesouros. Hai ben anos, alá irán uns vinte, nunha cocedela en Cima de Vila, mentres  a tecelá amasaba na artesa guindou ao ar a súa historia favorita, gravada a lume na súa lembranza:

Iste conto contáramo a miña mai cando era pequena; a miña mai era do Pireiro, indo pra o castro de Domiz; a historia era dun señor do Mazo que fóra á feira á Puebla i elí encontrouse cun mouro que vivía no Pireiro, porque elí había unha mina e elí vivían os mouros; entonces os dous de volta seguiron subindo cada un pra súa casa, pero claro, chovía moito, e díxolle o mouro:

-¡Oes!, chove moito, quédaste eiquí.

E il foi e quedouse; e aló de noite decíanlle os fillos:

– ¡Papá, me ole cristianillo! ¡Me ole cristianillo!.

E dícelles:

-¡Pero si aquí no hay cristianillo!.

-¡Si papá, me ole cristianillo!;

E íbase facer de día e díxolle o mouro, ‘pois mira, marcha’; foi e doulle un saco cunha bóla de carbón e o home agarrou e marchouse; e en chegando xa ó pueblo dil, dixo ‘¡pero pra que levo isto eiquí! e tirouno no camiño e cando chegou alí quedáralle un cachiño e era ouro; voltou atrás pero ¡eí che vai!, non o encontrou.

A tecelá d’O Penadexo pregunta a cada intre pola súa neta, preocupada como está por rematar os seus encargos (reais e imaxinarios) de arranxo de roupas vellas e novas. Cando se vei apresurada, improvisa un peto no mandilón de cadros; dentro acubilla os lentes, as agullas e o fío e cose a faltriqueira para que non se lle escapen os “útiles dos labores”:

-“Cando chegue á casa dos pais n’O Abadexo seguirei cosendo pola noite á lus de candil, e así entrementres non se me perde a ferramenta”.

A outra noite ergueuse de sotaque e deulle a nacida de querer voltar para a súa aldea natal; amañou un atillo de roupa, gardou un par de fotos vellas e por riba do monllo chantou, como chanzo final do ritual, a súa vella máquina de coser Singer. O símbolo da súa identidade.

Disque a Mariña está demente. Eu creo que segue a saber quen é.

A tecelá d’O Abadexo resístese a deixar de ser.

Fotografía: mulleres de Muros cosendo para o Exército Nacional (circa 1937).

Categorías: Arquivos do Trasno, O mellor do País, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

A Razón da Memoria

 

Imagen1

Un home é exhumado: unha persoa. Cando unha unidade estratigráfica, un recadro máis na matrix Harris dunha foxa, torna a converterse nun ser humano con nome? Todos os nomes é un vello lema dos grupos de investigación e as asociacións de recuperación da memoria histórica. Un anceio utópico que segue guiando a loita pola dignificación das víctimas. Un acto de reivindicación e resistencia, para combater a desaparición de identidades propiciada polo feixismo. Nas foxas do camposanto de Castuera os represores acadaron o seu obxectivo, en parte. Os procesos posdeposicionais, as enchentes, as remocións de terra, o sustrato arxiloso, a humidade… fixeron case desaparecer por completo as pegadas da memoria. Algúns esqueletes presentan un pésimo estado de conservación e apenas contan con obxectos personais ou vestixios de vestimenta. É por isto que o traballo metódico en campo e laboratorio resultou fundamental para tentar contestar aquela pregunta de Primo Levi: se isto é un home?

Podedes consultar a Memoria Técnica da nosa intervención arqueolóxica no campo de concentración e no camposanto de Castuera (Badaxoz) do verán de 2012, promovida por AMECADEC e financiada pola Presidencia do Goberno de España (o anterior, claro).  Neste enlace:
https://digital.csic.es/handle/10261/72371

E agora unha acaída reflexión de Paco Etxeberrería:

Hay quienes aseguran que las exhumaciones de fosas en la Guerra Civil y del franquismo se hacen por política. No les falta razón. Lo sabemos. Como por política fue no haberlas realizado en otro tiempo anterior. Sencillamente, por lo mismo. Lo cierto es que la política posibilita (o no) la investigación de aquellos crímenes. Son 75 años de política. Los mismos que se alarman y descalifican las exhumaciones son los que se quitan de encima el asunto diciendo “esto divide a los ciudadanos”. Así de fácil, no conviene. La presencia de los familiares en primera línea provoca desconcierto y hasta conmoción al ver casos como la declaración de María Martín López en el juicio contra Baltasar Garzón. Que no se nos olvide, fue por política por lo que asesinaron a la madre de María en Pedro Bernardo (Ávila). ¿Quién se lo va a decir oficialmente?

Paco Etxeberría, La Razón de la Memoria.

Fotografía: individuo 9 da foxa 6 do camposanto de Castuera. Posiblemente un oficial republicano recluído no campo de concentración de Castuera e asasinado vilmente unha noite na primavera-verán de 1939.

Categorías: Arqueolóxicas | Deja un comentario

Unha sociedade forte como a Rocha (II)

Figura 1

Isto é o que en Arqueoloxía de Urxencia denominamos impacto crítico. Ao castelo da Rocha só resta que lle caia do ceo un meteorito como os que adoitan estralar nos Urales. Pero esta fotografía tamén esborralla unha falacia: esa idea de que en Galicia non houbo burguesía industrial. Foi precisamente o lobby mercantil compostelán e coruñés o artífice do primeiro tramo de camiño de ferro entre Santiago e o porto de Carril, dende onde saían para o mundo os productos da industria emerxente galega. Esta burguesía que coadxudou a chantar o Estado liberal pouco quería saber do pasado feudal do Antigo Rexime e devecía polo Progreso e a Modernidade. A desamortización e o desenvolvemento urbanístico materializaron un desleixo que derrubou murallas, igrexas e fortalezas. Por esta razón o castelo da Rocha remaneceu silandeiro e agochado. Unicamente  Villa-amil e Castro, no último terzo do século XIX reivindicou a necesidade de protexer o Patrimonio histórico e recuperar o pasado medieval da cidade. Contra 1879 o Estado español decide consolidar unha rede museística para o que solicita un informe á Real Academia de San Fernando, institución que decide elixir como sés dos museos as cidades de Granada, Valladolid, Sevilla e Barcelona, localidades que lograron durante la Edad Media, época en que se elaboran y constituyen la nacionalidad y la cultura españolas, mayor consideración y poderío. A reacción do rexionalismo galego non se fixo agardar e a Sociedad Económica de Amigos del País encargou a Villa-amil y Castro (1887) un contrainforme para propoñer un Museo Arqueolóxico en Compostela, angueira esta que aínda non se cumpriu en 2013. No seu informe, este membro do Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios e Arqueólogos, denuncia o expolio sistemático da riqueza arqueolóxica do país, realidade moi vencellada á actualidade como podemos comprobar día a día:

Una triste certidumbre ha sido el mayor fruto que he obtenido de mi detenida excursión por las

cuatro provincias gallegas: la de que la comarca ha sido muy explotada por los agentes de los almacenistas de antigüedades, y, por consiguiente, que grande y buena parte de la riqueza arqueológica de Galicia, restos de su pasado esplendor así como de la magnificencia de sus propias corporaciones, de muchos de sus insignes magnates y de algunos de sus preclaros hijos, ha salido de las tierras gallegas, y probablemente de las españolas, para enriquecer las tiendas de los comerciantes y las colecciones de los anticuarios

(Villa-amil y Castro 1887: 10-11).

Non por casualidade, o alegato de Villa-amil e Castro saiu do prelo do colexio nacional de xordos e mudos de Madrid. Ninguén en Galicia o sentiu e os políticos fixeron como que non viron. Cuspidiño a hoxe.

Villa-amil y Castro, J. 1887. Memoria sobre la creación de un Museo Arqueológico en la ciudad de Santiago que en cumplimiento de la Real Orden de 30 de junio de 1886 presentada al Excmo. Sr. Ministro de Fomento. Madrid: Imprenta del Colegio Nacional de Sordo-Mudos y de Ciegos.

Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Santiago e a Última Cruzada

DSC_0659 - copia

Polo módico prezo de cinco euros,  queres apañar unha bronquite crónica? Queres enchoupar, asolagar, apozar o teu corpo entre lusco e fusco? Queres ter estarríos nos cadrís, por frío e por medo? Queres ser copartícipe da segunda parte de Fragmentos del Apocalipsis? Mañá é o teu chuviñento día. Dentro do Festival Atlántica de narración oral faremos unha visitiña por Compostela para falar da guerra civil na cidade. Quedamos ao so sopé da Casa da Troia, mañá  martes ás 19:00 horas.  Unha visita con tintes épicos. Máis info na web de Atlántica.

Categorías: Arquivos do Trasno, Atila en Galicia | Deja un comentario

Unha sociedade forte como A Rocha (I)

Xosé2

Deteneos ahí un instante. ¿Nada os dicen esas almenas desmoronadas, esas ojivas agrietadas y esos torreones desmantelados?… Escuchad los cantos monótonos y fúnebres de aquellas aves fieras y de mirar terrible, y esos lánguidos gemidos del viento de la tarde al batir las irregulares masas de granito… ¿Nada sacáis de esa armonía tristísima y penetrante, vosotros, poetas, historiadores y arqueólogos, naturalistas de las ruinas? ¡Ay! El poeta escucha una epopeya de amor y sangre; el historiador una crónica de verdugos y de mártires, la historia del feudalismo; y el arqueólogo, más materialista, pero menos anatómico que todos, lee en esos escombros lo que puede aplicarse a todo lo creado, ‘fue’…

B. Vicetto (2004 [1851]: 36-7).

O medievalista Xosé Sánchez soubo combinar o espírito fabulador de Vicetto pero tamén o rigor científico na visita guiada polas ruínas da Rocha Forte co gallo da presentación de Herdeiros pola Forza. A Rocha representa todo o que denunciamos no libro pero tamén todo o que propoñemos no libro, como veremos nos vindeiros posts.

Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Blog de WordPress.com.