O enterrador d’O Pombal

img118 - copia

Este inverno chuviñento fixo que o Crego e mailo Monaguillo se solidarizasen co parón invernal da Champions League. Unicamente algún partido senlleiro da Liga doméstica convócanos de novo na Coresma. Desta volta o Barcelona-Deportivo axúntanos no Bar Caamaño na novelesca rúa d’O Campo do Cruceiro do Galo. O local mantén aceso un fanal de renovación na decadente imaxe deste espazo liminal, ubicado estratexicamente entre as Hortas, Galeras e o Pombal, no eterno camiño cara ao solpor. Hai décadas, cando aínda o gado se amosaba con fachenda na feira de Santa Susana, este barrio era unha pequena cidade chea de vida, e por tanto, de vicio. O Hospital neorrománico tamén axudaba o seu, atraendo transeúntes e visitantes que pasaban unha doble revisión, a primeira cos galenos e a segunda coas meretrices que amosaban os seus encantos sobre as soleiras das vellas casas do Cruceiro do Galo. Esoutros feirantes foron os protagonistas do quefacer científico e artístico da xeración galeguista de preguerra; Ánxel Fole procuraba verbas enxebres saídas do bico dos tratantes, Luís Seoane paría esbozos das figuras buligantes na feira. Así o recordaba nunha carta a Maside de xuño de 1957 dende o morriñento exilio americano: ¡Cuánto siento no haber aprovechado más la lección de ir cada semana a hacer dibujos a la feria de Santa Susana!… hubiese tenido aún en la memoria un material extraordinario. O Progreso e a Modernidade guindaron esas xentes de aquí e de acolá ao Museo do Pobo Galego. Sen embargo, o que tivo retivo. E para iso está o bar Caamaño, onde concilian pesadumes e soños pelegríns alemáns, altos cargos da Xunta, as poucas prostitutas que manteñen o arcano negocio, algún estudante de resaca e paisanos da contorna, nados nestes barrios a rentes do pueblo.

O partido promete pouco; o profesor Fernando Vázquez nada pode facer cunha entidade desfeita por un porco mantido. O primeiro gol do Barça é celebrado animosamente por un paisano. O compañeiro de mesa recrimínao:

Vaia carallo, e logo non eres gallego?

Eu son gallego hasta Órdenes, somentes.

A enésima exhibición de Leo Messi fai que a parroquia desconecte do partido. Uns vellos parolan sobre os netos, se teñen bo ou mal dente:

Claro, é que o noso se non ten sustancia a comida déixaa no prato.

Bah bah bah bah, andrómenas, antes a sustancia érache a fame, esa si que era a sustancia, madia leva!

Outros labregos con ciencia desbarallan sobre as previsións do Calendario zaragozano, sobre a bondade da auga para os lameiros, encoros e cultivos. Así é todo, estes picheleiros prefiren o sol: Máis vale o que deixa o sol có que a auga dá, sentencia o chisposo agochado nun curruncho detrás dunha efémera copa de Soberano. A superioridade total do Barcelona semella acabar coa afección futbolística da parroquia, pero contribúe a que a xente molle a palabra e debulle os máis variados temas. Tralos netos (de viño e os outros), o fútbol, e o clima, vén outra leria moi querida pola xente nosa: as tapas.

Ti podes crer machiño que en Vigo, que andei eu por alá días atrás, poñen nos chigres gominolas de tapa, pero que carallo é iso, mecago en diola, que somos pícaros ou que pasa… a un home non se lle bota esa merda. Canta razón ten o carniceiro de Sober que xa vai ao Berbés cun chourizo no peto da camisa; saca de navalla en nun intre xa está rodeado dos modernos eses que roen o plástico ese dos collós.

Estando nestas, entra cerimonioso un home cuspidiño a Alfredo Landa cando facía de Sancho Panza. Vai directo ao curruncho da barra onde se amorean os xornais e apaña La Voz de Galicia nun xesto súpeto, brusco, calculado e efectista. Pousa o periódico na barra, e pregúntame se molesta. Eu contesto que non, para nada, e retrúcame:

Ogallá caibamos no ceo como cabemos eiquí..

No ceo ou no inferno, depende.

El tes razón caramba, por si escaso cómpre non ir confiado.

Deseguido molla a deda no bico e co seu cuspe adhesivo vai pasando freneticamente as follas dende atrás, até chegar ás páxinas das esquelas. Nese intre, a mesma deda furabolos fai un estrano no aire e dególdrase no nome do primeiro finado. Como a cinta dunha impresora, a deda escoa paseniñamente por cada esquela de arriba abaixo como se tivese vida propia, enviando a información á cachola do revisor dos decesos. Acabado o traballo solicita satisfeito un Sol y Sombra. Con razón este home corre co mote d’O enterrador d’O Pombal.

O Barça gaña xa 3-0 ao Deportivo, un clube que aparecerá dentro de pouco nas esquelas, grazas a Lendoiro, o Enterrador de Riazor.

Fotografía: Rúa do Campo do Cruceiro do Galo, circa 1915.

Fonte: http://memoriasdecompostela.blogspot.com.es/2011/09/rua-do-cruceiro-do-galo.HTML

 

Anuncios
Categorías: Visca Tasca | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: