Archivo mensual: abril 2013

Herdeiros pola Forza en Moaña

ha

O xoves 2 de maio, ás 21 horas, no Var con Uve de Moaña, presentamos Herdeiros pola Forza. Convocan a Asociación Cultural Nós, a Asociación de Veciños de Abelendo e a Asociación Espacio Transversal entre Culturas.

Fotografía: cabana na aba W do castro de Montealegre (Domaio, Moaña) escavada polo noso equipo de traballo en 2004. Destaca a lareira con decoración incisa (séculos II-I a. C.).

Anuncio publicitario
Categorías: Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Crónicas Baltáridas (VII): dous cabalos

1327856258_962164_1327856873_noticia_normal

Seica o ditador Franco deu o seguinte consello ao director do diario falanxista Arriba, Sabino Alonso: “Usted haga como yo, no se meta en política”. Baltarín recoñeceu no programa “Salvados” da Sexta que ese foi o único consello que lle deu seu pai. Por ese motivo non lle fixo caso.

Aparte destas anécdotas de familia, Jordi Évole deixou en evidencia de novo a ausencia dunha democracia real en Galicia. Tivo que vir un catalán retranqueiro para encher o baldeiro deixado polo xornalismo libre neste país. A dinastía baltárida contra as cordas nunha entrevista inédita, por dous motivos. O primeiro, porque non se trataba dun xornalista lambecús, falabarato de feira e adulador, ao servizo do medio de comunicación de turno subvencionado, e, o segundo, porque foi o propio presidente da Deputación quen recoñeceu, mesmo sen querelo, o despropósito no que vive instalada a institución que el preside. Baltar Júnior, sen inmutarse, empregou calificativos como “disparatado, caricaturesco, descabellado, modelo improcedente de comportamiento, absolutamente criticable”. A traxicomedia acadou cotas tan altas que en máis dunha ocasión o Follonero lembrou que el (Baltar Júnior) era o responsable que toleraba e promocionaba todo iso. Coma no chiste aquel do fillo que non quere ir á escola e lle pregunta á mai que por que ten que ir ao colexio: “Porque és o director”, resposta laconicamente a señora.

Un Estado totalitario, o franquista, levou a cabo proxectos de colonización tan propios do feixismo, sempre empregando un discurso tecnocrático no que sobranceaban termos como produtividade, maximización de recursos, desenvolvemento, etc… A xoia da coroa desa política foi desecar unha das lagoas máis grandes de Europa, a máxica e real lagoa de Antela. O obxectivo: sementar patacas a esgalla. O bo desta paisaxe asulagada pola Modernidade é que nos permite analizar a materialidade xerada polo totalistarismo. En primeira instancia foi o franquismo, agora é o baltarismo. En 2002 a Deputación de Ourense chanta en Antela o “Centro Ecuestre Laguna de Antela”, onde houbo máis empregados que cabalos. Por alí pasaron enchufados baltarianos que tanto se adican á hípica, como rexentan pavillóns, recollen lixo ou forman parte das brigadas medioambientais, esas escadras negras fieis ao Mussolini baltárida.

Na reportaxe de Ébole puidemos escoitar ao responsable actual do centro, Jorge Vázquez. Para min é un auténtico heroe que fala con transparencia sen amosar medo a perder o seu posto de traballo. Non sei como andará a súa vida laboral despois desta reportaxe. Xa se sabe que a familia non perdona. A dinastía baltárida sempre estivo moi preocupada polos medios de locomoción, xa for coches ou cabalos. O petrucio non paraba un intre no despacho oficial e percorría a provincia de cabo a rabo. De aí a querencia do exrevisor de autobuses polo pez, o chapapote e o asfalto. A rede viaria é algo básico para o Poder, xa o sabían os romanos coa súa vía XVIII. Nese sentido, o petrucio do trombón semellábase a Líster. Disque cando a lea pola construción da autoestrada do Atlántico, Líster non entendía aos camaradas que denunciaban “a navallada”. El, que servira no Exército Roxo e na guerrilla de Tito, sabía do útil das boas estradas. Líster alegaba que con esa autoestrada, ao chegar a revolución, “podías poñer os tanques de Vigo a Coruña nun tristrás”. Isto é materialismo histórico e o demais farrapos de gaita.

O hipódromo de Antela é realmente unha ruína arqueolóxica. Eu creo que unha boa opción sería desamortizar a colección de coches de Baltar Sénior, agochados nesa granxa de pólos de Esgos, e poñelos a circular polas pistas de terra do hipódromo, para dar servizo ás parellas con nenos da bisbarra da Limia. Se en Castellò Fabra habilita un aeroporto para pasear, os Baltar ofrecerían un tiovivo xigante como ferramenta para loitar contra a desertización demográfica. Un paso máis para acadar o obxectivo último da dinastía baltárida: “externalizar” toda a provincia de Ourense. Mentres non o consigue, Baltarín pode imitar a Calígula e nomear deputado provincial un dos orfos cabalos de Antela. Agás ao rebuznar, non se notaría a diferenza.

Fotografía: El País.

Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial.

Categorías: O pior do País | Deja un comentario

Herdeiros pola Forza na Boa Vila

Imagen

Este xoves 25 de abril, aniversario da Revolución dos Caraveis, presentamos o libro Herdeiros pola Forza no centro de Interpretación das Torres Arcebispais en Pontevedra ás 20:30 do serán.

Categorías: Herdeiros pola Forza, Sin categoría | Deja un comentario

Baixo o paraugas da República

2013-04-15 10_57_29

Unha ex Miss manchega millonaria, metida a política, tratando de nazis á xente do común. Políticos que organizan actos patéticos de autoafirmación para declarar que eles non teñen a culpa do que pasa e que son moi necesarios. Un monaguillo metido a ministro de Xustiza. Un país enteiro que lle está (estamos) a pagar o avogado a unha princesa. O ronco Varela reñindo a todo un Estado. O señor dos Peares nun iate cun narcotraficante, perdón, cun contrabandista. Baltar Júnior pobre de solemnidade… E así todos os días neste curruncho do mundo. Pensaba isto cando se achegaba o 14 de abril, mentres chuviñaba no teito do faiado. Estaba a piques de botarlle unha ollada ao libro Castelao en Cuba, de Xosé Neira Vilas. Un clásico, todo un documento da Historia contemporánea de Galicia, a prezo de saldo. Neste libro o autor afonda na estadía de Castelao na illa do Caribe entre novembro de 1938 e febreiro de 1939. Alá foi o rianxeiro para recadar fondos para a causa republicana. Entre os testemuños recolleitos no volume, sobrancea a entrevista mantida por Neira Vilas con Luís Soto en 1977. Luís Soto foi o acompañante de Castelao nesa xeira. Cito textualmente (Neira Vilas 1986: 246):

-¿É certo que se rifaban os dibuxos de Castelao nos actos?

– Certo. Con elo tamén se acadaban fondos. Castelao dibuxaba moito. Eu puiden terme quedado cunha chea de dibuxos del, pero dabámosllos aos amigos. Quedeime somentes con un cuio tema é a guardia do Presidente da República Galega, en Santiago de Compostela; trátase de soldados que levan paraugas en vez de fusiles. É un dibuxo moi significativo…

Paraugas en vez de fusiles. Xenial, novamente, Castelao. Marcho cun sorriso para cama. Seguen a caír chuzos de punta en Compostela. Esbagoa a Berenguela.

Saúde e República.

Fotografía: paso de cebra no campus sur da Universidade de Santiago de Compostela. Hoxe.

Categorías: Arquivos do Trasno, Lerias e andrómenas | 1 comentario

O iate

Imagen-Feijoo-comparte-viaje-yate-Marcial-Dorado

Segundo ela mesmo dicía, a Carmen Polo de Franco encantáballe sempre ir á cidade de Pontevedra, porque alí o pasaba “chachi” con dúas persoas: Antonio Puig Gaite e José Filgueira Valverde. Ambos os dous eran os sobranceiros representantes da Nova Orde, do Estado Novo, feixista e nacionalcatólico. Un Poder que, coma todos os poderes, se materializaba dun xeito concreto. Ninguén como Berlanga soubo amosar os trasuntos icónico-visuais do sistema político franquista: a recua de adláteres á procura do apoio do ditador, participando da cinexética do poder, do gosto pola caza, a pesca, os touros… O farmarceútico Antonio Puig podía ter sido un personaxe de “La Escopeta Nacional”. A fermosa farmacia familiar, a rentes da Praza da Verdura, con razón serviu de plató orixinal para algún lance da serie de “Los Gozos y las Sombras”. O gozoso feixista Antonio Puig de tonto non tiña un pelo e sabía de que ía o conto. Gobernou na sombra, pero con mao de ferro, a provincia enteira durante a longa noite de pedra.

Cando Franco aparecía a bordo do iate Azor na entrada da ría de Pontevedra, o vello sistema de vixías e fachos da costa acendía todas as alarmas para informar en tempo real a Puig. Sen perder un segundo, o farmacéutico telefonaba ao restaurante Castaño, na Alameda pontevedresa, e encargaba dúas xenerosas empanadas “especialidad de la casa”. Puig facía un favor á Humanidade, porque ese día o ditador non luxaba as maos en sangue firmando sentenzas de morte, senón que enchoupaba as dedas na tinta dos chocos de Redondela que inzaban o recheo das consabidas empanadas. Despois, lavaba aos maos como Pilatos. Porén, a empanada é un símbolo do Poder en Galicia. Moi recordado fora o recibimento ao Almirante Bastarreche ao rematar a guerra. El fora quen se sublevara na base naval de Marín no golpe de Estado en xullo do 36. Despois, durante o conflito, unha das súas grandes fazañas bélicas foi bombardear e ametrallar dende o mar a columna de civís (sobre todo mulleres e nenos) que fuxían de Málaga cara a Almería pola estrada da costa. Os historiadores falan dun mínimo de 5000 civís inocentes asasinados vilmente. Como dicía, trala guerra foi homenaxeado en Pontevedra cun banquete no que a protagonista fóra unha empanada que tiveron que levaba entre seis camareiros.

Nas Rías Baixas, ademáis da empanada, o outro símbolo da xente de orde é o iate. Cando estabamos escavando na área arqueolóxica d’A Lanzada no verao de 2010 os mozos compañeiros da Brigada nº 6, reclutados n’O Salnés, eran auténticos expertos á hora de: 1. peritar a calidade dos mellores DJ’s que se achegaban ás discotecas de Sanxenxo, e 2. calibrar as prestacións dos iates dos ricos que desembarcaban cada verán nos peiraos d’O Grove e da Marbella galega. Este é un fenómeno de longa duración. Na ría de Arousa tododiós lembra a querencia náutica dos Borbóns. O miserento Don Juan sen Terra, vendendo abordo ao mellor postor illas, títulos e propiedades. Monarcas exilados, piratas do mar fuxindo co botín expoliado aos seus súbditos. Piradas míticos como Soto e Gago eran simples afeccionados. Franco e Don Juan, tanto monta monta tanto, trouxeron a modernidade ás Rías Baixas. O iate como novo símbolo do poder. Os contrabandistas e narcotraficantes do mar galego tomaron boa nota dos novos tempos. As Rías Baixas convertíanse nun novo paradiso. O Señor dos Peares non ía ser menos. Entregouse daquela a este novo El Dorado. Un neno criado entre o Sil e O Miño, un xacio que sempre soñou con navegar polos encoros. 

A ninguén neste país lle sorprende a fotografía noventeira do iate. Non todo é silenzo. Nunha tasca de vello en Compostela, mentres a foto do iate é comentada na televisión a vella parella que rexenta o local mantén a seguinte conversa:

Ela: “Vaia hom, alomenos semella que lle gustan as mulleres”.

El: “si, vas boa ti, pero non ves que a rubia está co contrabandista, iso é así de toda a vida.

Hai moito tempo que os gobernantes galegos cruzaron a raia seca, converténdose en estraperlistas da nosa dignidade colectiva. Dende 1936 tantos os prebostes franquistas como os políticos demócratas consideraron e consideran este país coma unha inmensa embarcación de recreo.

Fotografía: El País

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial.

Categorías: Atila en Galicia, O pior do País | 1 comentario

Homenaxe republicano en Castuera

cartel_IX_marcha

Categorías: Arqueolóxicas, Atila en Galicia, O mellor do País | Deja un comentario

Hoxe Herdeiros pola Forza, en Corcubión

corcubion_herdeiros

Categorías: Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Severino de Reboredo (II)

Traballos e Presentacion Herdeiros pola Forza 25

Severino fala con calma e gosta de empregar cultismos, froito de proveitosas leituras.

Isto de terra do Deza é cousa dos políticos, de cando se fixo a Semana Verde e todo iso pero aquí de sempre, xa os vellos falaban da Ulloa. Por aquí tivera zona O probe de Pambre. Pasaba tempadas por fóra pero sempre voltaba a esta terriña, onde fora nado. Durmía nas palleiras que lle deixaban os veciños, e á veces axudaba nos traballos do campo, na seitura, na malla, nestas cousas. En troques o meu pai dáballe cuartillos para o tabaco de liar. Bañábase nos regatos e no río, índa que fose polo inverno. Mira o que son as cousas; agora pódenche prender por darlle cunha baloca a un cadelo, pero a ninguén lle importa que un home durma a ras do ceo. Iso aquí na aldea, antes, era considerado un pecado, que un home durmise como unha besta, á intemperie…

Pois si, eu recordo e vir aquí ao castelo e tomar un vasete co fidalgo, que viña de cando en vez cunha moza que tiña, e daban paseos, el dacabalo e ela nunha Vespa. O dono érache descendente do conde e non lle prestaba nada que viñera ninguén mirar por estas pedras. Ben recordo cando viñera un autobús de escolares da Deputación e o fidalgo mandoulles dar volta, que seica lles dicía que había un niño de aguias na as almeas da Torre da Homenaxe e que non se podía entrar para non molestar as aves rapaces. E reorientaba a excursión cara ao muíño que hai aí embaixo. Éranche outros tempos.

Alí de onde son eu, hai moitas medorras. Non vaiades contar nada, pero de pequenos escarallamos unas cantas destas medoñas, que dicían os vellos que había ouro, nós escaravellamos pero non atopamos nunca nada, claro tampouco sabïamos do valor que tiñan. Eu despois cando me interesei por estes temas xa mirei a Carta Arqueológica, pero aínda así non están todas rexistradas aínda a día de hoxe.

Eu cheguei ir ao Instituto de Pontevedra; daquel tempo recordo ben as clases do director, Filgueira Valverde, cando nos mandaba ao alumnado recoller algunha lenda referida a algún sitio arqueolóxico da parroquia ou da contorna da nosa casa. Eu escribínlle alí o que escoitara de sempre dos avós, que no castro de Marcelín había dúas trabes, unha de ouro e outra de chapapote, de alcatrán, que quen topase con esta última estouparía polo ar. Aínda están alí a ver as canles dos mouros polas que baixaron as pedras para facer a nova aldea embaixo do castro.

Agora son o único que queda na aldea de Reboredo, a rentes do castro. Son o último mohicano, pero estou comodiós, que agora chégase ben, que estes animais que non respectan nada fixeron unha pista asfaltada até dentro mesmo da croa do castro. Mágoa non deran coa trabe de alcatrán…

Categorías: Herdeiros pola Forza, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Severino de Reboredo (I)

Traballos e Presentacion Herdeiros pola Forza 46

Contando eu oito ou nove anos deume a nacida dos castelos medievais. Esta temperá afección satisfacía a meu pai, que me vía dotes para estudar arquitectura de mozo. Agora, con perspectiva histórica, decátome de que millor me tería ido de seguir o consello petrucio… quen sabe. Sexa como for, na casa coleccionabamos almanaques que decoraban cada mes cunha fotografía dunha fortaleza española. Aínda gardo algúns destes calendarios, publicidade das máis variopintas empresas; alí están amarelentas as instantáneas do castelo de Arévalo, de Jadraque, de Ponferrada, de La Mota, de Soutomaior… De todos estes castelos o meu preferido, sen dúbida, era o castelo de Pambre. Aínda recordo a súa mole senlleira no calendario do Banco Pastor, pendurado na cociña da Ponte, co meu avó asando unhas mazás do Sobrado e quecendo os pés a rentes da vella bilbaína. Aquel cromatismo dos perpiaños de Pambre devalaba entre o verdescente do musgo e o amarelento dos liquens, facía maxinar unha Idade Media inzada de mimosas e flor de toxo…

Este castelo de Pambre tamén servía de portada para o volume VIII da marabillosa serie de Xerais Galicia Enteira, dirixida por Xosé Luis Laredo Verdejo. Na nosa casa cada entrega da colección servía para organizar excursións por Galicia adiante. O antedito volume, saído do prelo en 1985, estaba adicado ás terras da Ulloa, Melide, Deza e Chantada. Dende aquela sempre quixen ir ao castelo de Pambre. Malia o meu desexo, tiveron que pasar case trinta anos para cruzar a soleira da entrada. Foi hai só uns días, co gallo da presentación do noso libro Herdeiros pola Forza na ermida románica do castelo de Pambre. Foi alí onde coñecín a Severino de Reboredo Home cabal, culto e retranqueiro, conserva a memoria histórica toda da súa benquerida terra d’A Ulloa. Até se emociona lembrando feitos da época das carlistadas, cando os soldados dunha brigada isabelina violaran unha moza da parroquia a rentes dun muíño. Iso si que é memoria histórica.

Categorías: Herdeiros pola Forza, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Unha sociedade forte como A Rocha (e IV)

Figura 9

Aquí podedes ver a evolución tecnolóxica do rexistro arqueolóxico da arte rupestre galega: o molde de escaiola do petróglifo de Castriño de Conxo feito en 1935 por Sobrino Buhigas, agora escaneado cun láser 3D pola nosa compañeira Patricia Mañana Borrazás (INCIPIT, CSIC). Pero este avance tecnolóxico nn vale de nada senón se acompaña dun cambio de enfoque sobre o papel social da investigación científica. Mentres o traballo de Sobrino (e mailo seu fillo) era unha pescuda elitista dirixida unicamente a outros eruditos e académicos, agora o traballo de Patricia aposta pola socialización do Patrimonio, garantindo a disposición pública de toda esta información, xa for en papel impreso, sa for na Rede.

Sen embargo, en 2013, semella aínda sobrancear na xestión do patrimonio a primeira das perspectivas. Marxinar ás comunidades locais, secuestrar os sitios arqueolóxicos son accións típicas deste enfoque dirixista tan ao gusto das administracións. Estes días vemos na prensa como unha das primeiras medidas a levar a cabo polo Concello de Compostela é erguer un valado que cinga o castelo da Rocha. Unha medida para evitar o furtivismo e o vandalismo, disque. Como as murallas en todo tempo e lugar, esta é unha medida que camufla os intereses do Poder: controlar á xente que está dentro, domear os discursos oficiais, evitar o acceso da libre da xente a un ben público, privatizar o saber e o coñecemento. É o que os vellos chaman poñer cancelas ao monte

A segunda medida proposta semella propia dos anos 80: elaborar dípticos, visitas guiadas e facer un libro de 60 páxinas. Todo moi ambicioso para os tempos que corren. Ademais cómpre ter en conta que xa se conta cunha publicación editada en 2004 por un fenomenal equipo de medievalistas, bastante adiantados á visión academicista da meirande parte de especialistas do país. Un destes estudosos é Xosé Manoel Sánchez, que leva predicando sobre o castelo en foros nacionais e internacionais. Mais tamén o fai collendo o touro polos cornos, sen caír en discursos narcotizantes sobre o pasado. Xosé fai fincapé no carácter escenográfico da fortaleza como símbolo do Poder, como arquitectura bélica (atopa paralelos nos castelos cruzados en Terra Santa) e como metáfora dunha realidade baixomedieval: a violencia. Isto é moi importante para comprendermos a verdadeira historia da Rocha e non levar a cabo relatos e proxectos museísticos, como os que han de vir, sobre o bonito que era un castelo medieval. Xosé trata temas aparentemente ásperos. De feito o título da síntese da súa tese de doutoramento, recén publicada polo Consorcio e a USC, é: La iglesia de Santiago y el pontificado en la Edad Media (1140-1417). Non semella un libro para levar á cama antes de durmir… Pero non é o caso. Xosé escribe marabillosamente ben e achéganos ás loitas de poder na Plena e Baixa Idade Media. Velaquí vai un parágrafo ilustrativo (páx. 117):

La revuelta termina de manera abrupta: en 1320 los líderes sublevados son atraídos a la fortaleza de Rocha Forte, y pasados a cuchillo allí dentro. A partir de ahí, claro, la situación empezó a normalizarse.

Un libro picheleiro imprescindible.

Xose

Categorías: Herdeiros pola Forza, O mellor do País | Deja un comentario

Blog de WordPress.com.