O’Rigueiriño

Regueiro 1

Cando a Pablo Martín Sánchez lle deu por procurarse a si mesmo en Google todas as referencias remitían a outro que non era el, un fulano que compartía o mesmo nome e os mesmo apelidos, pero que vivira noutro tempo. A curiosidade fixo que Pablo, o de hogano, escribise unha excelente novela sobre o Pablo de antano: El anarquista que se llamaba como yo. Eu estou convencido que cada un de nós ten un trasunto, un correlato, un individuo cuspidiño, semellante, parecido ou idéntico. Para iso está a historia familiar, o Macondo particular de cada quen. No meu caso, débolle a pista definitiva para atopar ao Outro á curmá Manuela d’A Zapateira, quen de sempre me di o mesmo:

Ai neno, tú eres o vivo retrato d’il, do noso tío O’Rigueiriño. Pobre d’il, íao reclamar a mai e xa ves, reclamouno antes a bomba.

O’Rigueiriño era un mozo riseiro e festeiro como bo músico. Antes da guerra formaba parte dun trío (gaita, caixa e bombo) xunto co Domingo d’Alende e o Antoniño do Turín. Tres nomes míticos na historia de Cerasia. Ao meu avó, apresado por desertor e sobrevivinte da campaña de Catalunya, téñolle sentido dicir d’O Regueiriño que era simpático e deixaba o que estivera facendo para axudarche. O’Regueiriño chámabase José Regueiro e marchara no inverno do 36 a facer o servizo militar. Tocáralle como destino Xixón. Na casa d’A Zapateira aínda conservan unha fotografía que trouxera canda si no primeiro permiso. Foi a derradeira vez que o viron con vida.

A fotografía todavía conserva o selo da casa comercial: Foto Álvarez Díaz. Oviedo-Gijón, acompañado dun visible escudo da IIª República española. É un retrato colectivo duns sesenta mozos convertidos en soldados. Van vestidos co uniforme reglamentario do Exército español. En cada rapaz vexo os peites de munición para o Mauser, as botas, as polainas, as correaxes que documentamos nas exhumacións de foxas de militares republicanos represaliados en 1939 na bisbarra de La Serena (Badaxoz), sen ir máis lonxe. Como naquela pasaxe da película polaca sobre a matanza de Katyn, onde un oficial apresado lle comenta a outro: Só van quedar de nós os botóns.

Un edificio nobre aparece como decorado arquitectónico para ambientar a escena. Un balcón cun aquel modernista racha a sobriedade pétrea do edificio. Trátase do cuartel de Simancas ubicado na cidade de Xixón. Trala Revolución de Asturias de 1934, a rexión non deixaba de ser territorio conquerido a lume polos xenerais africanistas con Franco á cabeza. A dura represión, continuada até o trunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936, non axudou á recuperación da normalidade. Neste contexto, O’Regueiriño foi enviado a un destino quente, no que podía acontecer calquer cousa.

Debía correr un día de sol porque sobrancea no retrato unha mistura de claros e escuros; as fibelas do cinto, co emblema da Infantería, escintilean a máis non poder. As poses dos soldados son variopintas; moitos adoptan xestos aprendidos na recente instrucción, terman da arma solemnes e en actitude combativa. Nalgún caso albíscase algún xesto de agarimo entre compañeiros, como ese soldado que pousa a súa mao no ombreiro do compañeiro de diante. Virían xuntos da mesma aldea? Faríanse amigos deseguida ao comezar a mili? Sospeito que a inmensa maioría deles son fillos de labregos, membros das clases subalternas que sosteñen un Estado todavía en mans da xente de orde, dos que mandaron sempre. De seguro que na casa algún irmao maior xa estivera loitando contra os mouros nas guerras de Marrocos. Só quedaban eximidos aqueles que podían pagar. Entre toda esta xuventude destaca, casualmente, a figura d’O Rigueiriño. Na segunda fila comezando por arriba, el é o sexto quinto pola esquerda. Nn estrano efecto, a súa faciana semella reflectir máis luminosidade có resto, adoptando unha fasquía esbrancuxada de máis. É un rapaz moi novo, que fita a cámara con xesto serio.

Pasados uns meses a mai d’O Rigueiriño, viúva, solicitou a repatriación a Cerasia do seu fillo para facerse cargo da casa. O expediente estaba praticamente pechado cando tivo lugar a sublevación militar en África. Foi entón cado o mozo de Cerasia topou co seu destino. O golpe fracasou en todo Xixón, agás no cuartel de Simancas, onde os oficiais traizoaron á República e obrigaron aos soldados a obedeceren as súas ordes. Como no caso do Alcázar de Toledo, o Cuartel da Montaña de Madrid ou o santuario da Nosa Señora da Cabeza, o cuartel de Simancas quedou coma un illote nacional nunha cidade dominada polos milicianos e as forzas leais. O’Rigueiriño foi un dos que defendeu a posición. O sitio durou máis dun mes. Cando a situación era desesperada, ás 11 horas do 21 de agosto de 1936, o fanático coronel Antonio Pinilla cursou a seguinte petición ao buque nacional Almirante Cervera e ao destructor Velasco que bombardeaba Xixón dende o Cantábrico: Enemigo está dentro. Disparad sobre nosotros. A petición non foi satisfeita, pensando os mandos da Mariña nacional que se trataba dun engano republicano. Finalmente, os dinamiteiros asturianos entran no cuartel e pasan polas armas a todos os supervivintes.

Esta historia propia de Fazañas Bélicas é a historia oficial dunha guerra na que uns mandos sublevados empregaron como carne de canón a coitados soldadiños de chumbo coma O’Rigueiriño, que disparaba contra xente do común coma el. Sen embargo, na nosa historia familiar, seica hai outra versión dos feitos. Segundo parece, durante o sitio do cuartel, nunha sorte de tregua no combate, os resistentes se relaxaron un intre. Era un día de agosto, de calor abafante, infernal. O’Rigueiriño, apostado nunha das fiestras modernistas do cuartel, incorporouse para que lle dera o aire un chisco, termou dunha botella de Jerez e xusto cando os beizos agarimaban o cognac… o disparo certeiro dun paco republicano acababa coa súa vida.

Ninguén sabe onde está soterrado.

Cuartel-de-Simancas-19381

Cuartel de Simancas en Xixón, tralos combates.

Anuncios
Categorías: Atila en Galicia, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: