Viator Ignotus (1)

Figura 79

Os trocos acontecidos trala Década Ominosa e o remorso deixado pola Guerra de la Independencia van dar lugar a unha transformación brutal do status quo que caracterizou o antigo Reino de Galicia, coa súa desaparición oficial (1833) e coa Desamortización de Mendizábal (1837) que desmantelou o monacato regular que detentaba a propiedade da terra. Esta medida non conlevou unha millora das condicións de vida do campesiñado, senón que supuxo unha grande ocasión para a compra de terras por parte da burguesía urbana, a fidalguía e os labregos máis ricos.

Este troco na paisaxe construída polo Poder no rural manifestouse na ruína en que caíron os grandes mosteiros galegos (Oseira, Samos, Poio, Oia, Sobrado dos Monxes, Monfero, Celanova, Melón, San Estevo de Ribas de Sil) ou a reutilización á que foron sometidos pola Administración do Estado liberal. O ascenso da burguesía industrial e mercantil reflectiuse no desenvolvemento urbanístico das cidades e vilas galegas que rachan co pasado en nome do Progreso. A aparición de grandes parques, Alamedas, a destrución dos recintos amurallados, de torres, mosteiros e conventos marcan o ensanche da reorganización urbana. Este é un proceso bastante ben coñecido, sobre todo nos últimos anos grazas ao desenvolvemento de programas integrais de intervencións arqueolóxicas nos cascos históricos de urbes como A Coruña ou Ferrol.. Estas novas escenografías foron deseñadas por arquitectos profesionais formados fóra do país e que introducían, sempre con retraso, as tendencias estilísticas predominantes na Academia, inmersas nun eclecticisimo clasicista até a chegada do modernismo.

Dentro de todo este proceso dúas infraestruturas van ser consideradas o símbolo do progreso material e da modernidade: as novas estradas e a chegada do tren. O erguemento dos carrís de ferro ponse en relación coa presión dos oligarcas galegos en Madrid e cos procesos de industrialización que teñen lugar nas cidades da costa.

Pola súa vez, a emigración masiva a América consolida unha nova figura sociolóxica o pais: o indiano. O emigrante retornado precisa amosar o éxito da emigración e demanda un novo lugar de privilexio na terra de orixe. Un lugar que non lle corresponde por nacemento, como acontece coa vella clase fidalga, pero ao que se considera con dereito por terse feito a si mesmo e por posuír capital. Os indianos, malia seren criticados duramente polo galeguismo tradicionalista, foron unhas figuras importantes na transformación da realidade galega a fins do s. XIX e comezos do s. XX. Esta realidade viviuse con intensidade no Golfo Ártabro. Os indianos participaron activamente na vida política e cultural, estiveron liderando os movementos agraristas, foron alcaldes de numerosos concellos… Traen a súa propia idea de civilización e progreso que moitas veces choca de fronte cun país agrario. A arquitectura indiana, como tamén acontece en Asturias, é a materialización desta realidade que veu de alén mar (Alonso 2000). Trátase dunha arquitectura ostentosa, que pocura chamar a atención e reafirmar o seu poder económico; e tamén allea ao eido xeográfico galego, que emprega cores rechamantes nas fachadas e reproduce formas construtivas  e decorativas recolleitas dos países a onde emigraron, reflexando incluso o modernismo e a avangarda (Bores 2009). Con todo predominan as recreacións románticas e historicistas, na liña da arquitectura francesa do momento. Os indianos potentados erguían villas ailladas en lugares ben visibles mentres que a maioría deles apostaba por solares ao carón doutro símbolo da Modernidade: a estrada. Esa casa a rentes da estrada tería moita influencia na arquitectura doméstica das clases populares no primeiro terzo do século XX. Pero a maiores, o everxetismo indiano conlevou a construción de obras públicas, escolas, salas de bailes, cines, parques, reforma de ermidas e igrexas de fonda devoción popular… Os caso paradigmáticos deste fenómeno para a zona que nos ocupa son os irmáns Naveira en Betanzos.

Neste contexto ideolóxico vanse enmarcar as numerosas asociacións veciñais que xurden en Ferrolterra nesas primeiras décadas do século XX e que procuran a chegada de novas infraestruturas viarias. Así por exemplo, a estrada de Ferrol a Covas é inaugurada en 1911 coa celebración dun banquete en homenaxe ás forzas vivas do lugar artífices de tamaño avance material (Fraga-Agras et al. 2004; López Hermida 2005).

Este ambiente no que se mistura caciquismo, everxetismo indiano e un conceito claro de Modernidade, será o campo onde agromen iniciativas progresistas potenciadas nos anos da IIª República. O mellor exemplo deste proceso é a inauguración o 1 de xullo de 1934 do alcumado Monumento al Caminante Desconocido en Barallobre (Fene), ao sopé da recén estreada estación de ferrocarril. Ao solemne acto acoden Ramón Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte e o veterinario catalán Juan Rof Codina. En nome da Sociedade Cultural de Barallobre, interveu no acto dona Finuca Ares quen prometeu que a muller desta parroquia será la mejor guardadora de este monumento, romance de paz y motivo de morriña.

Fotografía:  Acto de inauguración do Monumento ao Camiñante Descoñecido en Barallobre, Fene, en 1934.

Fonte: http://fenecom.blogspot.com.es/2009/05/fotos-con-historia_09.html

 

Anuncios
Categorías: Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: