Archivo mensual: junio 2013

Chiu-Chiu: a memoria da auga

IMG_0044

Os anos van fuxindo incesantemente nunha sensación frustrante, como un devalar de area seca escoando entre os dedos que inutilmente tentan apreixala mentres as vidas, as nosas vidas, foxen como antao fuxían aqueles regatos silandeiros nos mananciais líricos do cabaleiro Manrique.

(Hixinio Fuentes, Winnipeg).

Chiu-Chiu é unha vila histórica emprazada na confluencia entre os ríos Loa e Salado. Nesta fotografía atopamos tres realidades que conviven neste oasis no deserto. Dunha volta a comunidade local que segue a preservar o dominio útil sobre un recurso crítico como é a auga. O comunitarismo hídrico é un fenómeno que está a ser estudado polo noso compañeiro Manuel, chileno que está facendo unha tese en Arizona sobre a conflitividade da auga e a loita destes pobos contra a privatización desenvolta dende a década de 1980. Ademais desta angueira neoliberal, outro perigo letal é a contaminación con arsénico e outras sustancias procedentes das minas de cobre e litio. Tamén comparte espazo nesta cartelería o anuncio dun aloxamento privado, rexentado por españois, que serve de casa de acollida para a meditación, moi na liña da apropiación simbólica do deserto de Atacama por individuos que procuran certa espiritualidade ao sopé dos Andes. Unha vertente mística dun turismo que se ve como negocio por estas comunidades sempre na periferia do Estado. Completa a panorámica a maxestuosa liña de volcáns tutelares, fitos na paisaxe cara aos que orientaban a súa vida e a súa morte os habitantes de Paniri, Topaín e Turi na época prehispánica.

IMG_0013

No século XVIII desenvolveuse un movemento popular de resistencia contra os españois, seguindo o modelo de Tupac Amaru, co líder Tomás Paniri, de Ayquina, á cabeza (Paniri é o ome da montaña sagrada por excelencia). Foi executado en 1781 nesta localidade de Chiu-Chiu, a xeito exemplarizante. Este heroe é reivindicado polas comunidades locais que defenden os dereitos da cultura atacameña, unha construción étnico-política, como todas as culturas do mundo. Nesta zona de fronteira, os atacameños procuran agora delimitar o seu territorio histórico para que sexa recoñecido polo Estado chileno. O pasado non só lexitima senón que tamén é un activo nesta estratexia etnopolítica. Definir este territorio é fundamental para garantir os dereitos consuetudinarios sobre a auga e para frear a depredación de CODELCO, a corporación estatal da explotación do cobre. A memoria da auga é tan grande que a meirande festa (vetada aos foráneos) segue a ser a limpeza anual das canles de irrigación.

IMG_0007

IMG_0043

O noso equipo de traballo colaborou o ano pasado á hora de xeorreferenciar na cartografía os límites propostos pola comunidade de Ayquina. Este detalle serviu para gañar confianza de cara a unha xente que non ve a Arqueoloxía con mois bos ollos. En tempos pasados, intervencións arqueolóxicas desafortunadas sentaron un nefasto precedente. Este foi o caso das escavacións no seu día no pukara de Chiu-Chiu. Dende aquela a comunidade non da permiso para intervir nos sitios arqueolóxicos, que para eles seguen a ser o fogar dos avós.

IMG_0033

Muro ergueito pola xunta de veciñanza de Chiu-Chiu para protexer o seu pukara. Ao fondo, os volcáns, montañas tutelares en época preincaica, incaica e hoxendía.

Anuncio publicitario
Categorías: Alén mar, Arqueolóxicas, Paisaxes | 1 comentario

Pukara me suena

Imagen2

A partires do século X d. C. a bacía do río Salado, no deserto chileno de Atacama, estivo ocupada por comunidades integradas no alcumado Señorío Atacameño, adicadas á agricultura do millo e a gandería de camélidos, apoveitando os oasis no medio do deserto máis árido do mundo. Pucaras (castros), aldeas e estancias debuxaron unha paisaxe cultural incorporada ao Tawantinsuyo (o Inca) e ao Imperio español despois. A dispoñibilidade da auga, as rutas caravaneiras, a estacionalidade dos cultivos e dos recursos condicionaron o emprazamento destes impresionantes asentamentos.

Mañá daremos inicio a unha campaña arqueolóxica nesta zona do mundo, no marco dun proxecto dirixido por César Parcero (INCIPIT, CSIC) e Frances Hayashida (Universidade de Nuevo México, USA), financiado por National Geographic. Dunha volta, continuaremos coa documentación e rexistro da rede hidráulica preincaica e incaica e, doutra volta, analisaremos o espazo doméstico de dous sitios emblemáticos e misteriosos: os pukara de Topaín e de Turi. Para eso contaremos coa axuda de alumnos das Universidades de Santiago de Chile, Nuevo Méjico e Arizona. Pero o proxecto presenta outra variable que nos fala máis do presente e do futuro. Referímonos á convivencia cunha comunidade local atacameña, dona e garante do acervo dos sesu avós e inmersa nunha realidade marcada pola presión do Estado, as grandes empresas mineiras e o conflito da auga. Neste xogo, o pasado e o Patrimonio xogan un papel estratéxico para lexitimar dereitos territoriais e usos consuetudinarios.

Imagen1

Vista aérea do pukara de Topaín.

Categorías: Alén mar, Arqueolóxicas, Paisaxes | Deja un comentario

Na Cova da Moura (e III)

FO1435X022

Na Cova da Moura cos voluntarios e voluntarias do campo de traballo dos castros de Neixón, xullo de 2003.

Malia que os tempos mudaron, esa falla total de transparencia por parte da Arqueoloxía tradicional, esa marxinalización das comunidades locais segue en parte vixente hoxendía. Sen embargo, as cousas están mudando rapidamente. A xente do común comeza a erixirse en protagonista na recuperación dun patrimonio vencellado á súa identidade e ao seu territorio. Imos poñer un exemplo megaliteiro a este respecto: a anta de Abuime. Este dolmen da Terra de Lemos é curmán lonxano da Cova da Moura e coma el perdeu no pasado a pedra da cuberta. A fins da década de 1920 os arqueólogos galeguistas levaron a cabo un estudo sistemático da anta e da necrópole megalítica do Monte da Morá, nunha campaña financiada por esa Comisión de Estudios en Galicia da que xa falamos no capítulo sobre os Ancares. Na publicación daquel traballo, os autores sinalan que a pedra de cuberta da anta se atopa nunha casa de labranza veciña (López Cuevillas et al. 1930). Durante os oitenta anos seguintes nin a Academia nin a Administración prestaron a menor atención a un dos monumentos megalíticos máis importantes do país (Otero 1997: 22). Ante esta situación, a asociación cultural Círculo Saviñao decidiu investigar pola súa conta e actuaron de motu propio: falaron cos descendentes dos antigos donos da casa en ruínas, limpiaron o edificio e recuperaron a pedra, que fora reutilizada como abrevadeiro para o gado (Albo 2012). O impacto mediático desta peculiar operación de rescate deixou ben ás claras a realidade que vimos denunciando, con especialistas e técnicos desbarallando nas redes sociales contra estes paisanos incultos e con burócratas sempre preocupados por empapelar a alguén, a boas horas. Alleos a estas polémicas trasnoitadas, os veciños expoñen a pedra recobrada no praza de Abuime, como símbolo de unidade e como recurso turístico.

No caso da Cova da Moura, as referencias orais dos máis vellos indican que a monumental pedra de cuberta foi chantada ao sopé dun grupo escolar tardofranquista. Reconvertida en menhir polos políticos daquel tempo, acolle no seu seo a placa inaugural deste centro de ensino. Daquela primaba outro modelo educativo que vía nas pedras un estorbo para a instrucción, o Progreso e a Modernidade. Tal facían as persoas cultas que gobernaban. Sen embargo, os canteiros que fincaron as grilleiras no dolmen da Casota do Páramo ou levaron a tapa da anta de Abuime eran labriegos incultos, gentes del lugar sin sensibilidad para el Patrimonio histórico.

FO1435X020

Aprendendo da moura de Argalo, a rentes do arco romántico do pazo . Xullo de 2003.

Estes labregos incultos mobilízanse a día de hoxe a prol do patrimonio. Hoxe mesmo recibín as propostas para presentar comunicacións nun congreso internacional sobre socialización do patrimonio que vai ter lugar en Malpartida de Cáceres en setembro deste ano. Entre tanta ponencia firmada por arquitectos, arqueólogos, catedráticos e técnicos topei cunha marabillosa proposta firmada por dous veciños das Asociación Val de Esmelle, Rafael e Manuel. Titúlase: Recuperación del Patrimonio material e inmaterial del valle de Esmelle (Ferrol, España) (Fernández e Lorenzo 2013). No resumo da comunicación atopamos frases como as que seguen: El proyecto Esmelle se concibe para intentar no perder definitivamente un patrimonio etnográfico que se encontraba sumido en el olvido. […] Nuestro fin es que este proyecto ayude al desarrollo de Esmelle de cara al futuro; pero si no es así, por lo hemos habremos salvado nuestro patrimonio. Este no es un proyecto excluyente, sino que su máxima es la unión y cooperación de todos. En él participan mujeres con las mismas responsabilidades y tareas que los hombres.

Estes homes e mulleres recuperan voluntariamente o patrimonio local, dende muíños, pasando por bosques autóctonos e acuíferos, até lavadoiros, castros e cruceiros. Un destes cruceiros era o de Cruceiro, que rematou os seus días escangallado servindo de cachote nunha pontella. O asociacionismo de base acadou recuperar este elemento etnográfico e reconstruír a súa microhistoria (Gasalla 2010, 87-8):

Desde o século XVIII existía en Esmelle, en Chá da Mariña, no lugar do Cruceiro, un cruceiro de granito, de características pouco coñecidas, case seguro encostado a un muro. En 1936 o cruceiro foi derrubado, segundo parece por veciños de ideoloxía de esquerdas, aínda que para evitar represalias, díxose que o fixo un veciño coas facultades mentais diminuídas. A versión oficial, apoiada polo cura párroco, dicía que o veciño, molesto por entender que o cruceiro se atopaba en terreos da súa propiedade, colocou as vacas no xugo, amarrou unha corda á cruz do cruceiro, e derrubouno. En 1937, e pola achega de 137 veciños de toda a parroquia, levantouse outro cruceiro, que é o que existe actualmente, nun lugar próximo á localización do anterior. Foi construido en pedra de Moeche.

Nós cremos firmemente nos valores das comunidades locais deste país, educadas consuetudinariamente nunha tradición asemblearia de reunión en adros e concellos, nunha cultura de resolución de conflitos baseada na procura do consenso. Dende estes presupostos pódese acadar unha socialización real do patrimonio en Galicia.

Coda

Ao rematar de contar estas cousas, unha señora do público asistente a este acto na Cova da Moura, ergueuse e fitando para o dolmen reclamounos o seguinte:

Todo isto gustoume moito e está moi ben, pero non marchades de aquí até que me expliquedes que carallo son esas pedras.

Décadas despois, por fin alguén puxo aos arqueólogos no seu sitio.

 

Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Na Cova da Moura (II)

_MG_3383 (Medium)

Fotografía de José A. Millares Roo.

Nesta liña, estes ortostatos da Cova da Moura non só acubillaban os devanceiros dos labregos neolíticos (e a eles mesmos), senón que tamén protexían e fixaban para sempre a memoria colectiva. Este dolmen de Argalo ubícase na zona de acceso natural dende o NE cara á necrópole tumular da cumio da Serra de Barbanza. De feito, non volve toparse un dolmen tan monumental até chegar á Casota do Páramo. Neste senso, a Cova da Moura non se pode entender sen ter en conta toda a paisaxe simbólica construída polos megaliteiros e megaliteiras de antano (Criado e Villoch 1998). Por este motivo, durante varios anos viñemos ata aquí cos voluntarios e voluntarias procedentes de todo o mundo que viñan a escavar e poñer en valor os veciños castros de Neixón en Boiro. Nesta actividade didáctica a Cova da Moura convertíase no mellor recurso para explicar unha manchea de cousas sobre a paisaxe tradicional galega e sobre nós mesmos. Por exemplo, axuda a comprender por que nas parroquias galegas o campo de fútbol e o camposanto novo fanse sobre as necrópoles tumulares, sobre os campos de mámoas. Por que? Porque esas penichairas fóra do espazo habitado son superficies caralludas para instalar estas infraestruturas. Pero aparte desta explicación funcionalista tamén cómpre sinalar un feito abraiante: as necrópoles funerarias da Postmodernidade galega reutilizan o mesmo espazo que as necrópoles de hai 7000 anos. Como dixo un asistente a esta presentación do libro na Cova da Moura: á fin e ao cabo, nós tamén vimos a un enterro.

_MG_3636 (Medium)

Meeting megaliteiro. Pinchos amortizando o Plan E. Ao fondo, novo camposanto parroquial. Fotografía de José A. Millares Roo.

Na primeira visita cos rapaces de Neixón en xullo de 2003 fomos andando dende o pé do pazo ubicado a rentes da estrada. Un fermoso arco sobre a pista asfaltada ademáis de conferir un aire romántico ao conxunto impide o acceso de autobuses. Este condicionante arquitectónico conlevou unha maravillosa coincidencia. Alí topamos cunha señora xubilada que servira toda a vida no pazo. Mesmo nacera alí. A señora contounos toda a historia dos señores, da familia fidalga, da vida cotiá no pazo, pero apenas falou dela mesma. Unicamente nos contou que ía casar cun mozo que a deixou de sotaque para enrolarse na Lexión estranxeira francesa e marchar para a guerra, á Cochinchina. A esta nena labrega probablemente ninguén lle preguntou na vida que quería facer ela co seu destino. Iso si, reproduce a memoria histórica da clase dirixente deste país durante séculos, esa fidalguía decadente dos pazos.

Como acontece con esta señora, as comunidades locais foron marxinadas na construción da memoria colectiva neste país. Aqueles e aquelas que foron escolarizados reproducían a visión da Historia decidida pola clase dirixente. A clase subalterna tampouco decidía o que era Patrimonio na nación de turno, ou o que non era. A súa visión dos restos do pasado era guindada ao campo do folklore e as supersticiones vulgares.

Cova da Moura Noia

Ídolo exhumado nas escavacións arqueolóxicas no corredor da Cova da Moura.

A Cova da Moura é un excelente exemplo deste proceso de patrimonialización dirixido dende arriba. Na transición democrática o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento levou a cabo unha intervención arqueolóxica no acceso SE da Cova da Moura. Os materiais arqueolóxicos, os datos e os resultados desa escavación non foron publicados nunca en canles científicas nin divulgados á xente do común. Naquel tempo un adolescente colaborou como voluntario. Hoxe, home casado cun fillo, recorda perfeitamente como as cerámicas e os idoliños atopados no corredor foron gardados daquela en caixas de froita na antiga sé do IEGPS en Fonseca. Como o Guadiana, eses idoliños reapareceron nunha vitrina da exposición Gallaecia Petrea na Cidade da Cultura en 2012. Trinta e cinco anos despois, aquel voluntario da Cova da Moura voltou de voluntario á Torre dos Mouros (Carnota) o pasado verán. E foi co seu fillo, Simón. Este rapaciño quere ser arqueólogo de maior. Unha Arqueoloxía Pública de verdade axuda a preservar o Patrimonio, consolidar vocacións e concienciar a xente sobre o seu valor. Para protexer cómpre coñecer.

 

Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Na Cova da Moura (I)

_MG_3387 (Medium)

O libro Herdeiros pola Forza ten un aquel megaliteiro. Varios dolmens da xeografía galega escoan polas súas páxinas. En O Karma do clan, gábase a imaxinación infinda de Valle-Inclán, recreando a paisaxe megalítica do Barbanza até o punto de que o xenial inventor do esperpento quería repousar eternamente nun mausoleo con forma de dolmen, ao xeito do exemplo de Axeitos. Tamén lle prestamos atención á Cova da Moura en Argalo (Noia) ou á recente musealización do dolmen de Dombate, onde o arqueólogo Anxo (en condicións precarias) segue guiando apaixoadamente a cidadáns, turistas e viaxeiros. Seica a maior parte do orzamento destínase ao servizo de seguridade, polo que os políticos consideran innecesario habilitar un contrato a unha persoa con formación especializada. En todo caso a vixiancia dá o seus froitos. O outro día entrou no recinto unha parella de mozos. Non accederon ao interior para veren o monumento megalítico. Quedaron na explanada tirando fotografías. O garda decatouse que aqueles rapaces non tiñan moita pinta de arqueólogos e preguntoulles se querían ver o dolmen. Un deles respostou: “Non, estamos vendo os acabados”. Referíase á marabillosa cuberta que, coma unha nave da Guerra dos Mundos, cobre o monumento pondaliano, inzada como está toda ela de cobre, tan aparente. Nestes tempos de crise económica é curioso como o imaxinario popular arredor das mámoas e castros comeza a mudar; como puidemos comprobar cos colegas da Gentalha do Pichel nas súas xeiras de inventariado pola contorna de Compostela, os mouros comezan a ser substituídos polos xitanos e polos rumanos (sic). Mesmo o foxo dalgún poboado fortificado é considerado como a consecuencia do labor de rebusca destas razas guiadas por unha proverbial angueira cuprífera.

_MG_3533 (Medium)

Nesta liña megaliteira, Herdeiros pola Forza é un libro que conta historias de pedras na Galiza. As pedras son memoria, aquí e noutras partes do mundo. Os habitantes da illa de Pascua no Pacífico chileno conservan un interesante mito de orixe. Seica o rei polinesio Hotu Motu’a enviou unha misión de sete exploradores á illa. Un deles enfermou e os seus compañeiros deixárono nunha cova con alimentos abondos para sobrevivir até a volta do grupo, que marchaba de volta para comunicarlle a El-Rei as novas sobre Rapa Nui. Cada un dos compañeiros chantou unha pedra a rentes do enfermo e cuspiu sobre dela para conferirlle vida. Estes menhires, coñecidos como Pohaku, eran entes vivos que preservaban a memoria. Por esta razón son monumentos, unha tentativa material dos seres humanos para loitar contra o esquencemento, para sobrancear o espazo e perdurar no tempo. Xa que logo as pedras gardan a memoria pero tamén protexen. Estes días deuse a coñecer unha nova relativa ao afamado Crismón de Quiroga, exposto no Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo. Trátase dun fermoso disco de mármore paleocristián que remite ás orixes do cristianismo en Galicia. Ubicado dentro da igrexa parroquial de A Hermida, foi enviado ao Museo na década de 1920. Até aquel momento a pedra tiña un fondo valor simbólico para a comunidade local. De feito a xente extraía pó de mármore e arrimábase ao crismón para levar a cabo diferentes rituais curativos. A semana pasada os fregueses chantaron ao sopé do altar unha réplica exacta da pedra que levaran os señoritos para Lugo hai case un século.

Teño falado algunha vez da señora Irene de Nogueiras, que estivera de noviña en Cuba na década de 1920. De alá trouxo unha caixiña na que gardaba un feixe de marcos alemáns de antes da 1ª Guerra Mundial, unha vacaloura disecada, un alicornio e un paniño de algodón que envolvía un anaquiño de mármore. As pedras brancas como o seixo ou o mármore tiñan un poder enorme no imaxinario labrego do interior de Galicia. Velaí están os coios de seixo servindo de esquinais nas vivendas do castro de Vilandoga (o demo habita os currunchos), ou coroando os lousados das casas grandes e das torretas de FENOSA na Terra Chá. Como contamos antes, os irlandeses levaban canda si anacos do altar das súas igrexas destruídas polo Exército inglés de Cronwell. Esta pedra de misar era todo un símbolo da súa identidade. Do mesmo xeito, os e as emigrantes galegas levaban canda si anaquiños do altar da igrexa parroquial como salvoconducto identitario que os protexera alén mar.

_MG_3601 (Medium)

Fotografías de José A. Millares Roo. Meeting megaliteiro na Cova da Moura co gallo da presentación de Herdeiros pola Forza.

Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Marcotráfico Ártabro (III)

Figura 73

Sinalizador dunha ruta de sendeirismo pouco antes de ser sacrificado na lumieira de San Xoán (obsérvese no fuste a impronta dunha intentona previa).

Resulta evidente a importancia deste sitio de San Lourenzo na cartografía simbólica dunhas comunidades locais que veneraban o santo dende época medieval. De toda aquela escenografía unicamente queda un marco que unha e outra vez aparece documentado nas sucesivas catalogacións arqueolóxicas (Toscano et al. 1986; Alfonsín e Caramés 1992; Ferrer 2010). Esta pedra, como acontece con ortostatos de monumentos megalíticos e miliarios por toda Galicia, seica é boa para a cura de pestes que afecta a persoas e animais (piollos) e doutros fenómenos vencellados co espírito coma o mal de ollo e a envexa. Na nosa visita ao marco aínda puidemos comprobar a existenza de depósitos votivos pousados nun altarciño, como ramiños de flores, prendas íntimas e unha plaqueta. Un panel explicativo baleiro completaba o panorama. Seica o ritual curativo consiste en dar sete voltas ao marco.

Ao longo da nosa prospección arqueolóxica puidemos constatar dúas realidades intervencelladas, malia que resulte paradóxico. Por unha banda, o desleixo cara a grande parte do Patrimonio arqueolóxico litoral, sometido a un abandono total nuns casos e noutros obxecto de actividades que o conducen cara á súa desaparición. Algo agardable en zonas densamente poboadas e cuha intensa actividade industrial e portuaria. Por outra banda, somos testemuñas de novos e curiosos procesos de patrimonialización, unhas veces xerados dende a lóxica tradicional e outras derivados de práticas postmodernas. Exporemos deseguido algúns exemplos vencellados a estas actitudes.

O primeiro caso é a amortización simbólica das ruínas arqueolóxicas consecuencia das estratexias de posta en valor. O caso máis paradigmático é o protagonizado polas rotas de sendeirismo inutilizadas, inzadas de sinaléctica con indicadores de madeira. O carreiro que levaba directamente ao castro da Punta de San Amadio (Sada) quedou desprovisto destes guieiros, que foron pousados a rentes dunha corredoira que non levaba a ningures. Pronto soubemos a que obedecía o equívoco: os sinalizadores kilométricos que marcaban o camiño ao vello castro remanecían á espera para formaren parte do acopio de cepos e mobles vellos que sobranceaba o lameiro emprazado ao carón. Quedaban dous días para a lumieira de San Xoán, e os paneis formarían parte do rito solsticial como material de combustión.

Figura 84

Ofrenda budista nunha furna ao sopé dun castro ártabro (xuño de 2012)

A segunda tendencia devala máis cara ao esoterismo e a ritualidade ao estilo Paulo Coelho. Neste tempos estáse a producir a sonada polémica sobre os espontáneos milladoiros que os visitantes erguen no predio ocupado polo venerable castro de Baroña. O modelo New Age que domina o novo camiño a Fisterra, con celebracións célticas e druídicas aquí e acolá, tamén adopta o patrimonio arqueolóxico como escenario performativo. Temos visto ofrendas nalgún castro, mesmo depósitos votivos pseudobudistas e mesmo unha agochada prantación de marihuana na croa dun castro ártabro, cuxo nome non quero acordar.

Figura 83

Prantación doméstica de marihuana no interior da croa dun castro ártabro.

Categorías: Arqueolóxicas, Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Potas, potes e castros

castro Vigo

Este mércores ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, pecharemos o ciclo de conferencias organizado co gallo da exposición A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación. A nosa charla títulase Potas, potes e castros: modelando unha imaxe renovada da Idade do Ferro. Organiza a Fundación Terra Termarum Castrolandín e a Excma. Deputación de Pontevedra. Alí vos agardamos.

Debuxo de Manuel Torres no Faro de Vigo.

303056_380973092021020_922065144_n

Categorías: Arqueolóxicas | Deja un comentario

Blog de WordPress.com.