Na Cova da Moura (I)

_MG_3387 (Medium)

O libro Herdeiros pola Forza ten un aquel megaliteiro. Varios dolmens da xeografía galega escoan polas súas páxinas. En O Karma do clan, gábase a imaxinación infinda de Valle-Inclán, recreando a paisaxe megalítica do Barbanza até o punto de que o xenial inventor do esperpento quería repousar eternamente nun mausoleo con forma de dolmen, ao xeito do exemplo de Axeitos. Tamén lle prestamos atención á Cova da Moura en Argalo (Noia) ou á recente musealización do dolmen de Dombate, onde o arqueólogo Anxo (en condicións precarias) segue guiando apaixoadamente a cidadáns, turistas e viaxeiros. Seica a maior parte do orzamento destínase ao servizo de seguridade, polo que os políticos consideran innecesario habilitar un contrato a unha persoa con formación especializada. En todo caso a vixiancia dá o seus froitos. O outro día entrou no recinto unha parella de mozos. Non accederon ao interior para veren o monumento megalítico. Quedaron na explanada tirando fotografías. O garda decatouse que aqueles rapaces non tiñan moita pinta de arqueólogos e preguntoulles se querían ver o dolmen. Un deles respostou: “Non, estamos vendo os acabados”. Referíase á marabillosa cuberta que, coma unha nave da Guerra dos Mundos, cobre o monumento pondaliano, inzada como está toda ela de cobre, tan aparente. Nestes tempos de crise económica é curioso como o imaxinario popular arredor das mámoas e castros comeza a mudar; como puidemos comprobar cos colegas da Gentalha do Pichel nas súas xeiras de inventariado pola contorna de Compostela, os mouros comezan a ser substituídos polos xitanos e polos rumanos (sic). Mesmo o foxo dalgún poboado fortificado é considerado como a consecuencia do labor de rebusca destas razas guiadas por unha proverbial angueira cuprífera.

_MG_3533 (Medium)

Nesta liña megaliteira, Herdeiros pola Forza é un libro que conta historias de pedras na Galiza. As pedras son memoria, aquí e noutras partes do mundo. Os habitantes da illa de Pascua no Pacífico chileno conservan un interesante mito de orixe. Seica o rei polinesio Hotu Motu’a enviou unha misión de sete exploradores á illa. Un deles enfermou e os seus compañeiros deixárono nunha cova con alimentos abondos para sobrevivir até a volta do grupo, que marchaba de volta para comunicarlle a El-Rei as novas sobre Rapa Nui. Cada un dos compañeiros chantou unha pedra a rentes do enfermo e cuspiu sobre dela para conferirlle vida. Estes menhires, coñecidos como Pohaku, eran entes vivos que preservaban a memoria. Por esta razón son monumentos, unha tentativa material dos seres humanos para loitar contra o esquencemento, para sobrancear o espazo e perdurar no tempo. Xa que logo as pedras gardan a memoria pero tamén protexen. Estes días deuse a coñecer unha nova relativa ao afamado Crismón de Quiroga, exposto no Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo. Trátase dun fermoso disco de mármore paleocristián que remite ás orixes do cristianismo en Galicia. Ubicado dentro da igrexa parroquial de A Hermida, foi enviado ao Museo na década de 1920. Até aquel momento a pedra tiña un fondo valor simbólico para a comunidade local. De feito a xente extraía pó de mármore e arrimábase ao crismón para levar a cabo diferentes rituais curativos. A semana pasada os fregueses chantaron ao sopé do altar unha réplica exacta da pedra que levaran os señoritos para Lugo hai case un século.

Teño falado algunha vez da señora Irene de Nogueiras, que estivera de noviña en Cuba na década de 1920. De alá trouxo unha caixiña na que gardaba un feixe de marcos alemáns de antes da 1ª Guerra Mundial, unha vacaloura disecada, un alicornio e un paniño de algodón que envolvía un anaquiño de mármore. As pedras brancas como o seixo ou o mármore tiñan un poder enorme no imaxinario labrego do interior de Galicia. Velaí están os coios de seixo servindo de esquinais nas vivendas do castro de Vilandoga (o demo habita os currunchos), ou coroando os lousados das casas grandes e das torretas de FENOSA na Terra Chá. Como contamos antes, os irlandeses levaban canda si anacos do altar das súas igrexas destruídas polo Exército inglés de Cronwell. Esta pedra de misar era todo un símbolo da súa identidade. Do mesmo xeito, os e as emigrantes galegas levaban canda si anaquiños do altar da igrexa parroquial como salvoconducto identitario que os protexera alén mar.

_MG_3601 (Medium)

Fotografías de José A. Millares Roo. Meeting megaliteiro na Cova da Moura co gallo da presentación de Herdeiros pola Forza.

Anuncios
Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: