Na Cova da Moura (e III)

FO1435X022

Na Cova da Moura cos voluntarios e voluntarias do campo de traballo dos castros de Neixón, xullo de 2003.

Malia que os tempos mudaron, esa falla total de transparencia por parte da Arqueoloxía tradicional, esa marxinalización das comunidades locais segue en parte vixente hoxendía. Sen embargo, as cousas están mudando rapidamente. A xente do común comeza a erixirse en protagonista na recuperación dun patrimonio vencellado á súa identidade e ao seu territorio. Imos poñer un exemplo megaliteiro a este respecto: a anta de Abuime. Este dolmen da Terra de Lemos é curmán lonxano da Cova da Moura e coma el perdeu no pasado a pedra da cuberta. A fins da década de 1920 os arqueólogos galeguistas levaron a cabo un estudo sistemático da anta e da necrópole megalítica do Monte da Morá, nunha campaña financiada por esa Comisión de Estudios en Galicia da que xa falamos no capítulo sobre os Ancares. Na publicación daquel traballo, os autores sinalan que a pedra de cuberta da anta se atopa nunha casa de labranza veciña (López Cuevillas et al. 1930). Durante os oitenta anos seguintes nin a Academia nin a Administración prestaron a menor atención a un dos monumentos megalíticos máis importantes do país (Otero 1997: 22). Ante esta situación, a asociación cultural Círculo Saviñao decidiu investigar pola súa conta e actuaron de motu propio: falaron cos descendentes dos antigos donos da casa en ruínas, limpiaron o edificio e recuperaron a pedra, que fora reutilizada como abrevadeiro para o gado (Albo 2012). O impacto mediático desta peculiar operación de rescate deixou ben ás claras a realidade que vimos denunciando, con especialistas e técnicos desbarallando nas redes sociales contra estes paisanos incultos e con burócratas sempre preocupados por empapelar a alguén, a boas horas. Alleos a estas polémicas trasnoitadas, os veciños expoñen a pedra recobrada no praza de Abuime, como símbolo de unidade e como recurso turístico.

No caso da Cova da Moura, as referencias orais dos máis vellos indican que a monumental pedra de cuberta foi chantada ao sopé dun grupo escolar tardofranquista. Reconvertida en menhir polos políticos daquel tempo, acolle no seu seo a placa inaugural deste centro de ensino. Daquela primaba outro modelo educativo que vía nas pedras un estorbo para a instrucción, o Progreso e a Modernidade. Tal facían as persoas cultas que gobernaban. Sen embargo, os canteiros que fincaron as grilleiras no dolmen da Casota do Páramo ou levaron a tapa da anta de Abuime eran labriegos incultos, gentes del lugar sin sensibilidad para el Patrimonio histórico.

FO1435X020

Aprendendo da moura de Argalo, a rentes do arco romántico do pazo . Xullo de 2003.

Estes labregos incultos mobilízanse a día de hoxe a prol do patrimonio. Hoxe mesmo recibín as propostas para presentar comunicacións nun congreso internacional sobre socialización do patrimonio que vai ter lugar en Malpartida de Cáceres en setembro deste ano. Entre tanta ponencia firmada por arquitectos, arqueólogos, catedráticos e técnicos topei cunha marabillosa proposta firmada por dous veciños das Asociación Val de Esmelle, Rafael e Manuel. Titúlase: Recuperación del Patrimonio material e inmaterial del valle de Esmelle (Ferrol, España) (Fernández e Lorenzo 2013). No resumo da comunicación atopamos frases como as que seguen: El proyecto Esmelle se concibe para intentar no perder definitivamente un patrimonio etnográfico que se encontraba sumido en el olvido. […] Nuestro fin es que este proyecto ayude al desarrollo de Esmelle de cara al futuro; pero si no es así, por lo hemos habremos salvado nuestro patrimonio. Este no es un proyecto excluyente, sino que su máxima es la unión y cooperación de todos. En él participan mujeres con las mismas responsabilidades y tareas que los hombres.

Estes homes e mulleres recuperan voluntariamente o patrimonio local, dende muíños, pasando por bosques autóctonos e acuíferos, até lavadoiros, castros e cruceiros. Un destes cruceiros era o de Cruceiro, que rematou os seus días escangallado servindo de cachote nunha pontella. O asociacionismo de base acadou recuperar este elemento etnográfico e reconstruír a súa microhistoria (Gasalla 2010, 87-8):

Desde o século XVIII existía en Esmelle, en Chá da Mariña, no lugar do Cruceiro, un cruceiro de granito, de características pouco coñecidas, case seguro encostado a un muro. En 1936 o cruceiro foi derrubado, segundo parece por veciños de ideoloxía de esquerdas, aínda que para evitar represalias, díxose que o fixo un veciño coas facultades mentais diminuídas. A versión oficial, apoiada polo cura párroco, dicía que o veciño, molesto por entender que o cruceiro se atopaba en terreos da súa propiedade, colocou as vacas no xugo, amarrou unha corda á cruz do cruceiro, e derrubouno. En 1937, e pola achega de 137 veciños de toda a parroquia, levantouse outro cruceiro, que é o que existe actualmente, nun lugar próximo á localización do anterior. Foi construido en pedra de Moeche.

Nós cremos firmemente nos valores das comunidades locais deste país, educadas consuetudinariamente nunha tradición asemblearia de reunión en adros e concellos, nunha cultura de resolución de conflitos baseada na procura do consenso. Dende estes presupostos pódese acadar unha socialización real do patrimonio en Galicia.

Coda

Ao rematar de contar estas cousas, unha señora do público asistente a este acto na Cova da Moura, ergueuse e fitando para o dolmen reclamounos o seguinte:

Todo isto gustoume moito e está moi ben, pero non marchades de aquí até que me expliquedes que carallo son esas pedras.

Décadas despois, por fin alguén puxo aos arqueólogos no seu sitio.

 

Anuncios
Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: