Don Leandro

???????????????????????????????

Vouvos contar a historia máis alucinante que teño sentido nunca. Non é realismo máxico, é realismo, a secas. Nesta zona da puna atacameña, entre o deserto e os Andes, a escasa poboación vive esparexida en pequenas estancias moi alonxadas unhas doutras. Algunhas delas seguen a reocupar o espazo produtivo dos antigos poboados fortificados prehispánicos, ao sopé dos volcáns, como Paniri ou Turi. Outras como Cupo ou Conchi están situadas perto de pasos naturais cara ao altiplano boliviano, próximas aos recursos mineiros. Esta historia aconteceu en Conchi. Corría o ano 1930. Tralo boom da exportación do nitrato de Chile a bisbarra collía novos folgos de Modernidade. Estes novos tempos non lle acaían ben a todos. Un home, casado e xa con dous fillos decidiu fuxir da vila canda as crianzas e a súa dona para evitar que o mundo contaminase á súa prole. O mundanal ruído do que tamén escaparan os místicos do Século de Ouro. A familia marchou a 50 km e ergueu coas súas maos unha estancia nunha quebrada inaccesible, ignota, en plena natureza salvaxe. Naquel espazo chegaron máis fillos, até un total de sete. A demencia do cabo da casa levou a instaurar o silenzo: non se podía falar. Segundo contan os supervivintes, ás veces a mai xogábase o pelexo e cando o home marchaba coa avenza tentaba instruír un pouco aos pequenos; en mala hora, cando se decataba o ditador este mallaba nos fillos e na muller a xeito de represalia. Pasaron os anos. Algúns fillos morreron alí, resignados no seu mundo. Só un deles ousou fuxir. Leandro acompañaba ao seu pai unha vez ao mes a unha estancia que quedaba a un día de camiño. A pé e en silenzo. Alí intercambiaban roupa que tecía a mai por alimentos e voltaban para a súa illa misteriosa. Nunha destas visitas, Leandro, con 32 anos cumpridos, botou a correr e pediu auxilio a aquela xente. Os veciños enfrontáronse ao ditador que tivo que voltar á súa Insula Barataria, remoendo o seu fracaso.

Leandro apenas falaba, non sabía comportarse en sociedade. Perante a falla dun proceso de aculturación el mesmo creou o seu mundo a partires da percepción, a experiencia e a autoaprendizaxe. O seu caso non ten que ver cos dos homes-lobo, eses nenos que foron criados pola manada ao xeito de Rómulo e Remo. A Etioloxía animal ensínanos que existen normas, condutas e organización nesas greis. Leandro, como dixo o arqueólogo César Borie, “aprendió haciendo”. De pouco valen aquí as teorías sociolóxicas do habitus de Bourdieu ou da axencia de Giddens, simplemente porque, no caso d don Leandro, non existiu sociedade.

???????????????????????????????

Leandro acabou entrando como operario na mina de cobre de El Abra. Cando lle pediron os papeis, ano de nacemento e datos persoais, quedou mudo sen saber que respostar. Non vira un papel na vida, non sabía o que era a escritura nin unha cédula de identidade. Na súa primeira xornada laboral tamén lle preguntaron que número de pés tiña, e contestou: “Dous, teño dous”. Leandro construíra o seu mundo a partir do ciclo agrario, dialogando cos cerros, cos animais e as prantas. A través da prática convertiuse nun auténtico especialista en etnobotánica. Coas súas maos coadxudou a crear un espazo humano, con terrazas de cultivo, espazos para a horticultura, camiños e árbores frutais. Un pequeno oasis erguido da nada. O mesón dos ermos. Nunha quebrada esquencida do tempo e da xente.

Pero a historia non remata aquí. Mentres Leandro voltaba ao siglo, aínda quedaba na casa esquencida unha irmá, Matiasa. Cando finaron os pais e morreu o derradeiro irmao, Matiasa decidiu abandonar a súa casa. Apañou o gado e liscou desorientada andando monte a través, por quebradas que ela descoñecía. Andou semanas, praticamente espida, comendo… terra. Praticamente agoniante, entre cadavres descompostos de cabras e ovellas, foi localizada por uns pastores atacameños. Non sabía falar. Era o ano 1996.

Don Leandro e dona Matiasa, os dous supervivintes desta atacameña saga dos Lonxevos, conviven hoxendía na pequena vila de Conchi. A súa retranca ten sona en toda a contorna. Aínda lles debe entrar a risa perante a vaidade humana. O arqueólogo Diego Salazar vai publicar este ano un libro de conversas con don Leandro, un caso único no mundo, a materialización fenomenolóxica do ideal rousseauniano.

Anuncios
Categorías: Alén mar, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: