Archivo mensual: septiembre 2013

Se non queres SOPA, pois toma dúas tazas (2)

DSC_0135

A nivel formal o SOPA 13 tamén racha coas inercias do pasado. Un xa vai tendo unha idade e despois de ter ido a un cento de congresos é doado decatarse disto. No SOPA non atoparedes individuos fagocitados, anulados e humillados polo departamento ou pope de turno, non veredes o bolseiro ou bolseira pasando o powerpoint do líder espiritual, non sufriredes trepas bicadedos de bispo procurando un oco cobizado no mundo académico. Tampouco se estila a clase maxistral ou a mesa redonda con moderadores encarnados en deuses, nin comportamentos extraescolares propios do machismo ibérico simbolizado no fardapechín de Alfredo Landa. Non amigos, na sopa do SOPA non cae a caspa. É un symposium no sentido clásico, un diálogo festeiro de igual a igual. A rapazada expuso alí as súas ideas, repito, as súas ideas. Non se quedaron en meros estados da cuestión, en baldeirados bibliográficos ou traballos epigónicos, nin moito menos en alegatos do que cómpre facer. Os ponentes falaron da súa propia experiencia, predicaron co exemplo e procuraron teorizar dende a praxe. Son xente que ten os pés no mundo e non na afamada torre de marfín, cidadáns que procuran mudar as cousas dende o activismo patrimonial. De aí que se materialicen iniciativas como a Rede SOPA, como ferramenta de comunicación e acción social. De aí que eles mesmos sexan soporte daquilo que queren, deses proxectos polos que turran con paixón e poucos cartos, e que levan fachendosamente nas camisetas deseñadas por eles, todo un símbolo de identidade desta nova arqueoloxía, en contraposición á garavata de protocatedrático ou ao look de executivo agresivo. Rede social, merchandising, autoxestión, deseño, compromiso… son conceitos que se resumen nesa camisola de Arqueoart lucida polo bo de Juan I. García: Apadrina un arqueólogo.

DSC_0136

Valado de protección da exposición sobre Tutankhamon en Frankfurt, xuño de 2012.

Anuncio publicitario
Categorías: Arqueolóxicas, Lerias e andrómenas, O mellor do País | Deja un comentario

Se non queres SOPA, pois toma dúas tazas (I)

Figura 3_2

Acabamos de chegar de Malpartida de Cáceres, de compartir experiencias con colegas de todo o Estado (e máis aló) sobre a verdadeira socialización do patrimonio no rural. Todo grazas a Juanjo e Saba, os dous instigadores desa fábrica de soños que se chama Underground Arqueología. Cando semella que a Arqueoloxía está soterrada para sempre, xurde esta iniciativa que dá esperanzas a todos os que cren na Arqueoloxía como profesión pero tamén como ferramenta crítica para mudar a realidade. Rapaces e rapazas novos, entre os vinte e os trinta, son os artífices dunha peculiar sopa de letras inzada de suxerentes nomes de empresas de xestión cultural: Arqueoart, Niquelarte, Underground Arqueología, Xeitura, Cool-Touring, Trapezidetana, Varep Gestión de Patrimonio, Rock Art Conservation… Xente que asume a prática democrática e participativa, a transparencia e o compromiso social como guieiros no seu devalar profesional. Persoas que asumen con naturalidade a necesaria autocrítica nun intre de reconversión no que van xurdir modelos alternativos que non van agardar por ninguén. Tiven a sorte de moderar un debate no que se preguntaba que facer para achegar o público ás institucións científicas? Esta pregunta non ten sentido. As únicas institucións científicas presentes aquí foron a Universidade de Vigo, da man da decana Bea Comendador, un referente na Arqueoloxía Pública española, o INCIPIT do CSIC e universidades sobre todo andaluzas e extremeñas, sobre todo os departamentos de didáctica e educación. Por iso digo que xa non se agarda nin pola Academia nin pola Administración para tentar construír algo novo. Esta foi unha lección do movemento do 15M que a nova arqueoloxía asume de seu. Contra o despilfarro e a corrupción a rede SOPA’13 actúa como Calle 13, apoiando a autoxestión e a implicación real das comunidades na xestión do seu patrimonio. Un exemplo claro foi a experiencia de Cinetinere. Os arqueólogos e as arqueólogas estamos afeitos a acotar, cinguir, delimitar e pechar espazos e arquitecturas. A realidade é moito máis complexa ca todo iso. A realidade é dinámica, itinerante e trashumante, como saben ben os habitantes de Malpartida de Cáceres. Cineitínere bebe directamente das Misións Pedagóxicas da II República. Daquela, levábase a cultura aos pobos do rural. Agora trátase de implicar á veciñanza e coadxudar ao procesos de empoderamento. Unha arqueoloxía modesta que aprenda da xente do común e esquenza ese discursiño faccioso de autoafirmación corporativista tan infame e prexudicial para a profesión. O mesmo discurso que banaliza e condea o voluntariado en Arqueoloxía. Que mágoa. En contra desta involución, o SOPA’13 está na avangarda europea da Arqueoloxía máis integradora, nin máis nin menos.

DSCN1231

Categorías: Arqueolóxicas, O mellor do País | Deja un comentario

San Santiago (I)

IMG_0005

Voltamos falar de Atacama, Chile. O día de Santiago, aínda co corazón mancado pola traxedia de Angrois, marchamos á pequena aldea de Río Grande a ver un espectáculo abraiante: a celebración da festa do Apóstolo neste santuario agochado entre quebradas imposibles. Todo un exemplo fascinante de sincretismo relixioso. Como bo santuario, o propio camiño está ritualizado, como así acontecía na Grecia clásica. O acceso ao territorio da comunidade está sancionado simbolicamente na propia estrada.

???????????????????????????????

Cómpre facermos una ofrenda á Pachamama, disfrazada de Apóstolo. Mentres facemos tal falamos cunha familia que vén de Calama. O pai naceu en Río Grande e mantén incólume o seu vínculo coa festa da parroquia. A vida levouno á paisaxe moderna das minas en Calama. A súa filla, adolescente, olla con cara de aburrimento o ritual. Cando o pai nos pide unhas follas de coca para estrar o pedestal, a nena pregunta:

Y eso qué es?

De esto, hija, se hace la cocaína.

Pousamos unha estampa do Santiago de Galicia no templete, como lembranza de aquén mar.

???????????????????????????????

Dende aquí a paisaxe domina a alma. O Licancabur sobrancea o territorio. Á esquerda queda a área arqueolóxica ocupada por uns dos petróglifos máis importantes de todo Chile, os petróglifos de Yerba Buena en el Valle de la Luna. Representacións de guanacos, vicuñas, raposos e flamencos inzan estes paneis de arte rupestre, concebidos como marcadores das vías de tránsito e das rutas caravaneiras. Este espazo é xestionado directamente pola comunidade local. Este modelo de patrimonialización non está exento de problemas. Os gravados agochan toda unha historia presente de microfísica do poder, tensión intracomunitaria e problemas entre veciños.

Chegamos a Río Grande… e topamos con isto.

IMG_0011

Categorías: Alén mar, Paisaxes | Deja un comentario

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.