Xeopolítica abisinia

unnamedg

Nestes tres últimos anos Etiopía converteuse nun país en vías de desenvolvemento. Dende a última vez que estivemos en 2010 os trocos sucedéronse de xeito acelerado, debuxando unha corredoira cara á Modernidade sen posibilidade de retorno. O xigante chinés fixo o seu traballo nestes tres anos: estradas de asfalto conectan as diferentes rexións de Abisinia e as antenas de telefonía sobrancean nas vilas máis afastadas, incluso na periferia da fronteira con Sudán. Todo “made in China”,até os servidores de Internet. Os teléfonos móbiles son unha ferramenta máis do Estado para acadar a uniformización destas xentes. Até os rapaciños envían mensaxes mentres gardan o gado e a avenza no monte. Outra das eivas estruturais do Estado etíope viñan sendo os cotiáns cortes no suministro de luz. A solución a este problema vén dada por un modelo que coñecemos ben en Galicia: o do totalitarismo hidráulico.

Meles Zenawi, o ditador encuberto dende 1991, recén falecido, aproveitou ben a conxuntura política das revolucións árabes. Vinte días despois da caída de Mubarak, os etíopes iniciaron as obras dun megaencoro  no Nilo Azul. A guerra da auga foi un clásico nos últimos anos entre Exipto e Sudán dunha banda, e Abisinia do outro. Se os etíopes pechaban a billa, estragaban a economía dos outros países ribeiráns. O baldeiro de poder producido pola revolución exipcia favoreceu a Meles. Con Exipto en perigo de guerra civil, con Eritrea ao bordo do colapso (velaí está o exemplo de Lampedusa), con Sudán debilitado trala perda de Sudán do Sur e con Somalia sen Estado, Etiopía érguese como a “potencia” do Corno de África, apoiada polos USA.

O “renacemento etíope” forma parte da propaganda política do Estado. A celebración do cincuenta aniversario da fundación da Unión Africana foi aproveitada para  limpar de pobres miserentos a zona nobre da cidade e erguer un moderno corredor dende o aeroporto até o centro. Novidades inéditas comezan a agromar na vida urbana: proliferan os caixeiros automáticos e mesmo no barrio rico de Bole vemos un rapaz “pijo” paseando un can, entre moreas de lixo e nenos que piden esmola, comestos pola lepra e maila polio. Nas tendas a ninguén se lle ocorre xa regatear, sexa en Addis Ababa o en Metema, na lindeira con Sudán.

Trala morte de Meles desatouse un proceso oficial de culto á personalidade, dacordo cunha ideoloxía que vencella Estado, Partido, Líder e Progreso. Na entrada e na rotonda central das capitais de provincia érguense cartaces coa efixie de Meles, concebido coma una reencarnación do Mesías. Xa que logo, un destes paneis amosa o seguinte lema:“naceu, viviu e morreu por nós”. Na praza Meskell, centro simbólico de Addis Ababa, levantouse un memorial que percorre a vida do militante Meles, combinando a súa imaxe recente de maduro calvo coa fotografía antiga do guedellas opositor oitenteiro á ditadura militar comunista do Därg. Mesmo os aduladores chegan a recuperar ese vello retrato dándolle un aquel, un aire ao Che Guevara. Nos centros dos “kebele” (algo semellante aos concellos rurais) goza de moito éxito o cartel de Meles ao carón do encoro antedito, complementado coa cifra dos kilovatios acadados por esta infraestrutura deseñada realmente por ianquies na última época do reinado do negus Haile Selassie. Se para Franco o encoro de Belesar era o orgullo de España, a represa do Nilo é a fachenda do nacionalismo etíope.

unnamed

Gashaw é un arqueólogo duns cincuenta anos que traballa no departamento de cultura da rexión Amhara, na cidade de Bahar Dar, a rentes do lago Tana. Na época comunista, fillos orfos de militares mortos na guerra con Somalia a fins dos 70, foron enviados a estudar a países socialistas como Cuba, a RDA, Checoslovaquia, a URSS, etc… Resulta abraiante como a xeopolítica condiciona a existenza das persoas. Gashaw estivo oito anos entre Voronev e Moscova. Chegou alí coa perestroika e retornou anos despois cando aquilo xa era a Federación Rusa. O Estado etíope esixíalle alomenos tres anos de servizo no país e prometéronlle que despois podía voltar a Rusia. Non foi así. Moitos destes universitarios que coñeceron mundo grazas ao rexime do Därg foron vistos con desconfianza polo novo estado etíope xurdido da derrota militar comunista en 1991. Gashaw é un home comprometido co seu país, que critica as pésimas condicións de vida e non comunga co Rexime. Afirma sen contemplacións que en Etiopía non existe a democracia. Se tivese o carné do Partido quizabes tería medrado, pero non é o caso. Así e todo, o estado etíope segue a precisar esta elite de técnicos cualificados para sacar adiante o país.

Ao saírmos do edificio administrativo de Cultura de Bahar Dar, un funcionario berra por nós nun máis que correcto castelán. Chámase Tesfay e é un dos miles de etíocubanos, rapaces formados na Cuba socialista. Fidel Castro enviara miles de técnicos e soldados para loitar contra Somalia e ofrecera axuda á Etiopía comunista. Neste paquete solidario incluíase a educación de rapaces e rapazas en Cuba.

Tesfay despídese mandando recordos á súa familia residente en Zaragoza, ergue o puño esquerdo, en lembranza daquel saúdo revolucionario internacionalista no que foi educado tralo seu paso pola illa do Caribe e remata o encontro latino cunha frase lapidaria:

-“Yo estudié Psicología en Cuba, pero claro, esto aquí no vale…  porque aquí están todos locos”.

 

Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial.

Anuncios
Categorías: Arquivos do Trasno, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: