Bo e xeneroso

Suarez fascista

A única que vez que vin a Suárez en persoa era xa todo un cadavre político. O meu pai tivo a ben levarme ao paraninfo do instituto Sanchez Cantón en Pontevedra para ver actuar ao fracasado presidente do CDS, a piques de esmorecer para sempre. A impresión que me ficou daquel acto foi que estabamos diante dun conferenciante, non dun político mitineiro. Xa daquela, debía ser o ano 1990 ou 1991, a xente ía ver a Suárez coma un relicto, un fósil do pasado recente máis lonxano. Pouco quedaba xa daquel flamante líder que veraneara na finca La Atlántida e convertera A Lanzada na meca de peregrinación de arribistas e mequetrefes que despois lle deron as costas e o derrubaron. Velaí a miseria destes funerais de Estado que non fan outra cousa que amosar a podremia e a decadencia deste noso rexime constitucional. Até tiburóns como Florentino Pérez ou Martín Villa sacaron peito presentándose como adalides do centrismo e a democracia. Manda chover na Habana.
Nun xornal cántabro puiden ver estes días unha vella fotografía dun acto sindical falanxista en Ávila na década de 1960. O esgrevio representante do Movimiento, Fernando Herrero Tejedor, intervén dende a tribuna, baixo o xugo e as frechas, acompañado dun trío que vai ter moito que dicir anos despois na transición: Adolfo Suárez, Juan José Rosón e Rodolfo Martín Villa.
En Gasteiz lémbranse cada día de Martín Villa. A historia é sinxela de contar, moi doada de entender. Os obreiros da cidade inician unha serie de folgas no inverno de 1976 co gallo de defender unas condicións laborais dignas. As familias que detentan o poder e o capital dende 1936 comezan a falar de espírito revolucionario. Unha comitiva da patronal abandona os seus palacios de Mendizorrotza e achégase a Madrid a dar parte e esixir orde. Catro días despois desátase a masacre. Entre os dirixentes policiais temos a camisas vellas de Falanxe e exdivisionarios da División Azul. O 3 de marzo, os obreiros que se refuxian na igrexa de San Francisco de Asís no barrio de Zaramaga son vítimas da vesania feixista. Cinco mortos e máis de 150 feridos de bala. Os artífices políticos e militares da matanza son ascendidos. As vítimas e familiares silenciados.
Neste mes de marzo, Gasteiz rememorou aquela animalada. Os cidadáns puidemos ver o documental “Unidos por un sueño: Vitoria-Gasteiz, 3 de marzo de 1976” de Ricardo García. Alí aparece Manuel Fraga facendo unhas declaracións que non se reproducen no relato canónico da transición: “No vamos a consentir sueños utópicos de anarquía”.
A Asociación Víctimas 3 de Marzo leva loitando anos contra a desmemoria. Veñen de acadar que se inaugure un monumento no espazo público en memoria dunhas persoas que durante décadas foron considerados terroristas. O Concello da cidade fixo unha declaración pública para recuperar o bo nome das vítimas. As familias procuran xustiza na Arxentina e non queren morrer sen ver a Martín Villa, ministro de Relaciones Sindicales daquela, no banquiño dos acusados. Nunha conferencia sobre a impunidade do franquismo a xente sentía ben a morte do Ministro de Gobernación, Manuel Fraga, non por caridade evidentemente. Ninguén podía crer que a tumba dese franquista estivese coroada co epitafio: “Bo e xeneroso”. Fraga, de viaxe en Alemaña, era sustituído en función os días da masacre por Adolfo Suárez, Ministro Secretario General del Movimiento.
O destino quixo que o artífice do rexime que consagrou a desmemoria e o silenzo morrese sen lembrar ren. Sen embargo, en Gasteiz recordan moi ben, todos, agás o alcalde Maroto do PP, que vén de propoñer que a nova estación de autobuses leve o nome de Adolfo Suárez.

Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial.

Anuncios
Categorías: Evasión ou Vitoria, O pior do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: