Díaz Castro, arqueólogo: o berro das pedras

Os_Vilares,_X._M._Díaz_Castro
Busto en homenaxe a Díaz Castro, en os Vilares.

Rocío Dourado, directora do Centro de Estudos Galegos da facultade de Letras de Gasteiz, agasallounos co visionado do documental O instante eterno, centrado na vida e obra de X. M Díaz Castro. Mesmo contamos coa presenza do director do filme, José Antonio Cascudo, grande coñecedor da figura do poeta chairego homenaxeado neste Día das Letras Galegas.
Díaz Castro, home humilde e sabio, coñecía até catorce idiomas e fixo traducións a eito de clásicos modernos e contemporáneos, entre eles 007 al servicio secreto de su Majestad. O seu talento e a súa capacidade de observación maduraron na súa infancia na aldea dos Vilares e no seu paso polo seminario de Mondoñedo. Sendo noviño, canda seu irmao Serafín, o futuro poeta adicou tempo e esforzos a inventariar as medorras da contorna do Montouto, isto é, os túmulos megalíticos prehistóricos que inzan a Terra Chá. O noso poeta foi o pioneiro da Arqueoloxía chairega, corenta anos antes de que desembarcase nesa zona un equipo dirixido por Carlos Alonso del Real, artífice de escavacións arqueolóxicas en abrigos rochosos, mámoas e outros sitios como o veciño Buriz. Esta teima arqueolóxica foi sufrida por outros mozos desa mesma xeración, educados xa for en institucións eclesiásticas (mosteiro xesuíta de Camposancos, por exemplo) ou en escolas públicas rexentadas por mestres curiosos e anovadores. A este respecto, Álvarez Blázquez foi unha alma xemelga de Díaz castro. Coma el, no instituto, levou a cabo traballos arqueolóxicos, desta volta en 1934 no castro de San Xoán de Baión e de Cabeza de Francos por terras miñoranas.
Estas achegas de ambos os dous mozos poetas insírense de cheo na escola arqueolóxica de preguerra, caracterizada polo predominio do paradigma celtista e a consideración do pasado prehistórico como esencia da identidade galega. Esta visión vai marcar tamén a poesía de Díaz Castro, con constantes referencias ao sustrato prerromano aínda presente na paisaxe galega, e como podemos doadamente comprobar en O berro das pedras:

nerios ou ártabros, bergantiños ou caránicos, ¡ei!
¡Ninguén veu a Lumieira, mesturada coa lus do cotián mencer!
O milagre veu a vós coma o vento que vén pisando a herba,
¡e as vacas de Breogán nin sequera ergueran a cabeza!

MAPA ASTURIANO Columnas gallegas segunda parte
Avance das columnas galegas (Fonte: guerracivilenasturias.blogspot.com)

Pero Álvarez Blázquez e Díaz Castro non só van compartir angueiras arqueolóxicas e inspiracións poéticas. Tamén van participar dunha experiencia traumática: a guerra civil española. O primeiro tivo máis sorte: no derradeiro intre, librou de ir á fronte de Asturias nun camión que sofrería un accidente, falecendo os seus vinte e dous ocupantes. O feixismo acabou co seu pai. No caso de Díaz Castro, este tivo ocasión de sufrir unha tempadiña na fronte até que foi enviado ao hospital de Pontevedra. Moitos mozos intelectuais foron mobilizados para formaren parte das Columnas Gallegas que se dirixían a liberar Oviedo. De entre eles, un etnógrafo Xaquín Lorenzo (ferido en Villablino no avance sur dende o Bierzo), outro poeta, Celso Emilio Ferreiro, ou o pintor Laxeiro.
Díaz Castro, de familia de cregos e seminarista daquela, cría na Cruzada, coma outros mozos católicos tradicionalistas. Eu tiven ocasión de ler cartas enviadas a casa desde Asturias polo fillo de Prado Lameiro (o dramaturgo máis exitoso da historia do teatro galego), misivas nas que se reproducía toda a ideoloxía da Cruzada e se describía a rendición dos rojos marxistas. O noso poeta formaba parte da escola literaria mindoniense. Co golpe de Estado, as prumas deseguido empregáronse para apoiar o Movimiento e louvar o Caudillo. A revista Vallibria recolleu versos en galego a prol dos mariscos, os soldados galegos. Cómpre aquí sinalar un detalle: mentres Noriega Varela ou Cunqueiro serviron coa súa escrita á causa dos sublevados, o noso Díaz Castro non entrou nesa dinámica, polo motivo que fose. Unha semana na fronte chegoulle para decatarse da realidade do conflito bélico e a represión desatada tralo paso das Columnas Gallegas.
42_11
Laxeiro e Celso Emilio Ferreiro fixeron a guerra xuntos en Asturias. Aquí paseando por Vigo na inmediata postguerra.
O profesor Emilio Grandío exhumou do arquivo de Ferrol o diario do soldado monfortino Faustino Vázquez Carril escrito durante a campaña de Asturias. Aquí podemos ler (Grandío (2011: 136-7):
Lunes, día 17 [de agosto de 1936]. Nos marchamos a una taberna y allí entre sorbo y sorbo de vino empezamos a cantar cousas da Terriña. Fueron unas horas de evocación para nuestra querida patria chica, pues al cantar las gallegadas cada uno añoraba su pueblecito, en donde allí quedaba enjugada por el llanto una santa mujer todo amor, cariño y ternura: nuestras pobres madres que, mientras nosotros luchábamos, piden al Divino que vele por sus hijos, y esas madres todos los días se sienten invadidas por el recuerdo de su hijo. Y entonces las lágrimas ruedan por el óvalo de sus caras. ¡Cuántas lágrimas no le cuesta un hijo a una madre! Infinidad de ellas, sí. Y el hijo, vulgarmente, no sabe pasar por todas esas pruebas de cariño. Tan alegres nos fuimos poniendo con las gallegadas, que nuestras cabezas ya daban vueltas como las aspas de un molino, y vino a agravar nuestra situación un asturiano que nos pasó una botella de coñac por cantarle el himno gallego. Y a la terminación de este gritamos. ¡Viva Galicia Ceibe! Aparecieron unos oficiales, y cuando creímos ser reprendidos por nuestro viva, nos dice. “Muchachos, cantar el himno gallego! Nos ponemos de pie. Nos descubrimos. Y damos comienzo. Terminamos, y el oficial grita con entusiasmo. ¡Viva Galicia autónoma! Y un grito que partió de todos los pulmones contestó: ¡Viva!
Esta situación surrealista (que sería investigada a posteriori polos mandos nacionais) explica moitas cousas. En primeiro lugar, o desconcerto xeralizado nos meses iniciais da guerra e, en segundo lugar, a inercia do galeguismo cultural. O Himno era asumido sen problema polo rexionalismo de dereita e mesmo o tradicionalismo. Nesas horas o que menos podían pensar os xoves galegos mobilizados polo bando nacional era que iso se castigase. Mozos que falaban galego, como os requetés alaveses e navarros falaban eusquera e os carlistas cataláns o seu propio idioma. Podemos maxinar aos nosos poetas nesa taberna brindado pola terriña. Sen embargo, a realidade foi moi outra. Ver morrer compañeiros á túa beira, ser testemuña de atrocidades marcou a esta xeración para sempre. Moitos deles nunca volveron falar do tema, outros deixaron para a intimidade do fogar os seus pensamentos. Como Álvarez Blázquez, quen escribiu no seu despacho en 1962 un texto titulado: Nosotros los vencidos:
No me ilusiona la idea de estar escribiendo un texto arqueológico, de esos que la casualidad desempolva al cabo de los lustros, para pasto de eruditos y papanatas. No, si escribo ahora -Septiembre de 1962- es porque necesito comunicarme ahora con mis semejantes. Y esto, ¿cómo podrá ser, si nada ha cambiado en el Estado policiaco español?
Ou como Celso Emilio, que escribe un relato curto alicerzado na súa experiencia na fronte, o do soldado que morre nada máis entrar en combate apreixando a derradeira carta da súa mai. O impacto psicolóxico do conflito foi tremendo, tanto en esoutros que ían convencidos de estar no bando dos bos como no daqueloutros republicanos que ían facer méritos para non sufriren represión. O silenzo e unha aparente desmemoria foron algunas das medidas adoptadas por estes exsoldados. Esta política de esquencemento chegou até nós. Nalgunha biografía de Díaz Castro fálase de maneira aséptica que en 1936 é chamado ao servizo militar e en 1939 retorna a o Seminario. Pola contra, el mesmo deixou escrito Chamáronme para a guerra nun verso cheo de inquedanza ante a miseria humana e a violencia. Os poetas chaman ás cousas polo seu nome, aínda que sexa con metáforas. A guerra é a guerra.
Pero xa sabemos que a arqueoloxía se é especialista en algo e en rachar os silenzos. E a Arqueoloxía contribúe a recuperar esa memoria silenciada do paso dos intelectuais galegos pola guerra en Asturias. Na vella cadea de Cangas de Narcea, nas celas do tribunal, os prisioneiros e vixías deixaron a súa pegada nas paredes. A Consellería de Cultura astur vén de declarar patrimonio cultural vinte desas ilustracións, datadas algunas delas entre 1937 e 1939. De entre elas un retrato do Caudillo que os especialistas consideran foi feito por José Otero Abeledo, Laxeiro.

juzgados--647x400

P.S. Ademais de tecer roupas para a fronte, colaborar co Auxilio Social e demais tarefas femininas, as mulleres da España nacional tiñan que escribir a soldados elixidos ao chou, para ver se se animaban no combate. A Díaz Castro tocoulle unha moza vitoriana… Acabaría sendo a súa dona.

Anuncios
Categorías: Arqueolóxicas, Arquivos do Trasno, Atila en Galicia, O mellor do País, O pior do País, Xente de aquí e de acolá | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: