En comuñón coa Terra

TORRE_~1

Galicia sempre foi vista coma unha escenario, tanto pola elite intelectual que a reivindicou como pola elite económica que a asoballou. Nas poucas librarías que restan no país podemos dar cunha manchea de ensaios que inciden na construción cultural do sentimento da paisaxe, na conformación dunha determinada idea enxebrista de Galicia como “locus amenus”, como berce identitario, como espazo idealizado. Esta angueira topolóxica foi ben traballada polo “think tank” galego da emigración en América. A comezos do século pasado, os indianos vían xa nos Ancares, por exemplo, un escenario idóneo para erguer un megacomplexo residencial para enfermos galegos do pulmón.
Como diciamos, tamén a xente de orde (fidalguía e burguesía) concebiu o rural galego coma un espazo performativo. Os pazos do Antigo Rexime non deixan de ser escenografías complementarias do grande estrado global da paisaxe galega. Neste mural de musgo e pedra, a xente labrega ocupaba o mesmo sitio cás vacas, os soutos, os cruceiros e as ruínas medievais. Contamos, polo tanto, cun longo devalar mental no que se alicerzou, non só a visión franquista e fraguista de Galicia como espazo turístico, senón tamén o enfoque asumido polos grupos de poder na contemporaneidade.
Como levamos reivindicando dende hai tempo, o mes de agosto en Galicia é o período por excelencia para coñecer de primeira mao as materialidades, as práticas e performances levadas a cabo pola pos novos indianos, polos novos ricos e pola casta nobiliaria. Evidentemente, os aires da Terra que veñen de Venezuela e México poñen o listón moi alto. Festas privadas en catamaráns na Ribeira Sacra, narcocorridos na Dorsal Meridiana Galega, esas criadas filipinas con cofia que achegan o lixo ao contedor entre lusco e fusco en calquer corredoira súpeta, Porshes e Maserattis polo Courel… Todo este dispendio fainos esquencer a vella maneira de facer as cousas dos de sempre, daqueles que dende a limpeza dos Reis Católicos viviron na Vila e Corte, cobrando lonxanas rendas e aparecendo por aquí de vacacións pagadas e pacegas. No balbordo mediático dos mexicanos con helicóptero e dos venezolanos mercaCaixas, apenas temos noticias destes grandes de España perdidos na inmensa e desertizada paisaxe galega.
Grazas a “El Progreso” podemos saborear unha destas performances tan agochadas que nin o Hola foi quen de coñecer o caso. A historia é tan marabillosa que merecería formar parte dunha segunda edición ampliada das “Historias que ninguén cre” de Ánxel Fole. Un día facendo o camiño de Santiago por As Nogais, o duque de Tarifa fixouse nunha torre medieval esborrallada. Ao preguntar por ela alguén de confianza respostou: “Señor duque, esa torre es suya”. O duque quedou prendado do lugar. Este home, esgrevio representante da casa de Medinaceli, veraneante en Marbella e no pazo de Oca, decidiu celebrar a comuñón da súa filla Cecilia neste marco incomparable. Na liña borbónica, a xornalista de El Progreso que fixo crónica rosa do evento, fai fincapé na cercanía e “campechanía” dos Medinaceli.
Coa torre de Torés de fondo, a nena achegouse ao templo en plan Ben Hur, subida a un carro tirado por dúas vacas rubias galegas. Na comitiva, como non podía ser doutro xeito, gaiteiros, o alcalde das Nogais, o vicario xeral da diócese de Lugo e un coñecido aristócrata-esquiador mexicano. Para a ocasión, o restaurante A Palloza montou unha carpa a rentes do torreón, decorada co escudo heráldico da casa de Medinaceli e o de Galicia, ademais de bancadas de madeira e un trono de princesa para a nena. Como sinala a xornalista Montse Díaz, coa súa prosa áxil e certeira: ”El menú fue sencillo a la par que enxebre: […] A pesar de ser la Casa con más títulos nobiliarios de Europa, los Medinaceli se mostraron campechanos con los vecinos, con quienes compartieron mesa”.
Toda a casa de Medinaceli marchou de volta aos seus aposentos do pazo de Oca, nun microbús. Só agardo que non se lle ocorrera darlles o alto a ningún garda civil de tráfico pola estrada nacional. O pobre do picoleto íase voltar tolo con tantos títulos e papeis por metro cadrado. Aínda que ben mirado, neste país a historia remataría co axente da orde rendindo pleitesía e adornando o tricornio cunha cinta de flores, o “must have” da tempada.
Galicia cada día máis linda, Galicia cada día mellor.

portada_progreso_29082014

Anuncios
Categorías: Arquivos do Trasno, O pior do País, Paisaxes | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: