Na fronte de Aragón

2014-09-18 09.49.54

O noso carro non quere ir á campaña de Aragón. En chegando a Zaragoza, o vello Renault Megane decide non avanzar máis. Noite pecha e calor abafante. Manuel, o salvador home da grúa deseguida se interesa polos nosos anceios arqueolóxicos. Sendo el mozo, aínda lembra a borracheira que apañou nas ruínas de Belchite vello nunha noite de festa; aínda foi quen de rubir o campanario que xa é unha icona da guerra civil española. Pola súa vez, Ramón, o taxista, non queda atrás no seu gosto pola conversa. Seica hoxe mesmo o equipo de Friker Jiménez comezou a gravar en Belchite vello, na procura de psicofonías. O taxista escarállase da risa, por saber sabe dunhas cantas pantasmas, entre elas Belloch o alcalde de Zaragoza, ao que lle deu a nacida de poñer a urbe en maos dos ciclistas. Teimas de taxistas. Así e todo, o noso piloto noitarego recorda o que acontecera no seu pobo durante a guerra; aínda hai poucos anos morreu un vello coñecido como o tío Raimundo. Este falanxista asasinou a cantos veciños quixo. Ninguén lle foi ao enterro.

Luva veu de Ucraína oriental e traballa como camareira no restaurante onde ceamos os arqueólogos e mailos voluntarios vidos de Canadá, Estados Unidos e Reino Unido. Co seu curioso acento maño-exsoviético cóntanos como está tentando traer aos seus irmaos pequenos a España, para salvalos da guerra que se está a vivir alí. Pecharíase deste xeito o círculo: novos nenos da guerra en Belchite. Luva garda un segredo familiar. O seu pai sabe de certo onde os turcos otomanos soterraron doce caldeiros de ouro alá no seu pobo. Sen embargo, non pode achegarse alí polos encantos que botou unha meiga.

2014-09-19 08.19.29

Wendy e Eline son dúas irmás residentes en Nova Iorque. O seu pai loitou na Brigada Lincoln nestas terras ermas de Belchite en agosto e setembro de 1937. Aínda que morreu cando elas eran noviñas, lembran perfeitamente o xardín que coidaba con mimo o pai. Nese xardín estaba toda a morriña da loita antifeixista en España. Un xardín á española, con parral e lavanda incluídos. Na contorna de Belchite, as irmás identifican de cheo os aromas da infancia. Elas son cantareiras e pechan a cea interpretando a dúo temas míticos da fronte, dende o Ay Carmela até o himno oficioso da XV Brigada.

Belchite novo está de resaca. Veñen de ser as festas e o corpo non dá para máis. Aquí o sistema de sociabilidade festiva baséase nun elemento esencial: a peña. Cuadrillas que posúen o seu local ás afóras do pobo, galpóns, pendellos e vellas adegas. Seica un arquitecto novo que traballa no Reino Unido veu presentar o seu proxecto ideal de musealización e posta en valor do Belchite vello, un espazo en ruínas que é xestionado diretamente polo Concello. O proxecto do rapaz obvia un pequeno detalle: habilita unha nova zona de uso no espazo esencial da identidade da poboación local: as peñas, que para el son sinxelas construcións ilegais. Casus belli.Non sería un bo comezo.

2014-09-17 08.53.55

Na terraza rueira o local aínda conserva as colchonetas da festa. Os nenos chimpan que dá gusto velos. Cando os maiores cansan, comezan a desinflar a fortaleza de aire e goma; os nenos van saíndo pola portiña. Un deles berra, mirándonos de esguello: Indiana Jones y el templo destruído. Os guiris e os arqueólogos comezamos a formar parte da fauna humana da que tanto gostaba o bo de Labordeta nas súas xeiras mochileiras polo país.

Anuncios
Categorías: Sin categoría | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: