Don Olimpio

2009-08-07_IMG_2009-08-07_23_48_17_imagen-olimpio-arca

Todos gardamos no maxín o vello mestre republicano do filme A lingua das Bolboretas. Un home bo que é represaliado inxustamente polos feixistas tralo golpe de estado. Castelao soubo ver o alcance desta desfeita nunha viñeta antolóxica: dous nenos ollan para o cadavre do mestre asasinado. Ao pé do debuxo, a seguinte frase: A derradeira lección do mestre. Nos anos da II República, pero xa con anterioridade, as innovacións pedagóxicas que se daban en Europa chegaban a Galicia da mao de mestres e mestras que crían con paixón no seu traballo, en certa medida, redentor. Moitos destes profesionais do Maxisterio organizaban saídas de campo cos rapaces para amosarlles a realidade da paisaxe cultural da súa contorna. Mestres e mestras catalogaban castros e mámoas e mesmo levaban a cabo traballos arqueolóxicos, como así recordan intelectuais galeguistas como Díaz Castro ou Álvarez Blázquez. O golpe de Estado rematou con este ensino laico, progresista e moderno. Malia todo, personaxes senlleiros da seguinte xeración de mestres foron quen de manter acesa a chama deste xeito de educar na longa noite de pedra. Un destes heroes anónimos, destes verdadeiros galeguistas ao que nunca se lle adicará o Día das Letras Galegas, era Olimpio Arca, máis coñecido como Don Olimpio (1928-2014)

Era polo ano 2000 cando unha xente de Cuntis, organizada arredor da Asociación de Amigos dos Castros e da figura entusiasta do bibliotecario Mario Touceda, contactou connosco para tentar facer algo co castro de Castrolandín. Naquela primeira visita, entre os piñeiros que inzaban a croa, apareceu un home xa andado en anos, cun sorriso de orella a orella e un aquel retranqueiro na mirada. Era don Olimpio, mestre xubilado, enciclopedia vivinte destas terras cuntenas e taberiolas. Pouco tempo despois, cando o proxecto de recuperación de Castrolandín comezaba a espertar, coincidín con el nun acto da recén creada Fundación Terra Termarum en Cuntis. Mentres agardaba o seu turno para falar, don Olimpio tirou de pano de papel do peto, sacou unha pruma e comezou a garabetear con pulso decidido. Cando lle tocou o turno, o tempo detívose. Partindo da metáfora material da pedra Rosetta descifrada por Champollion, don Olimpio guindou ao público un discurso abraiante, unha obra mestra da declamación e da oratoria. Eu sentínme como no banquete de Conxo. Ninguén fala xa como o vello mestre. Aquilo foi toda unha lección de honestidade intelectual, de humanidade e de bo facer.

Antolóxica foi tamén a súa intervención co gallo da homenaxe que se lle brindou en Cuntis hai uns anos. Alí recordou como de cativo lle quedou gravada a imaxe dos “Moros” do Exército de Franco que se recuperaban das feridas da fronte no balneario. El pensaba que eles si eran os mouros que baixaban do castro de Castrolandín a tomar as augas. Naquel acto, o Concello decidiu que unha rúa da vila levase o nome de don Olimpio. O vello mestre retrucou dicindo que as rúas, á fin e ao cabo, están para que se pisen, e que cando cambian os tempos políticos, trocan as rúas tamén, pero que en todo caso se por el fose cambiaría o nome de don Olimpio polo de Rúa da Amizade. Sempre foi crítico co devalar da política. Podemos dicir que estaba de volta de todo. Unha vez díxonos: eu fun director de Caixa e xa vin de todo, eu firmar non firmo. Que razón tiña. En 1970 o Ministerio de Información e Turismo concedeulle o premio Mantenga limpia España. Unha vez recordoumo e laiábase de que a chegada da democracia non conlevase a verdadeira limpeza de España, a da corrupción, a incultura e o desprezo polos concidadáns.

Don Olimpio era un libro aberto e sempre estaba disposto a partillar o coñecemento. Gardo como ouro en pano as gravacións das conversas que tivemos na súa casa por mor dun proxecto encol dos canteiros de Cuntis. Máis ca de canteiros rematamos falando de pedras, de personaxes estradenses esquencidos, do seu traballo cos nenos e nenas do rural. Digno herdeiro das escolas de indianos, don Olimpio era un excelente escritor, biógrafo e dramaturgo. Gostaba de empregar o seudónimo de Olimpio d’A Folgara. O seu traballo entusiasta e agochado durante anos foi premiado coa concesión da Cruz de Afonso X. Na memoria colectiva quedou o seu maxisterio na escola de Couso.

Dicía Otero Pedrayo que os amigos, ao morreren, fánse paisaxe e luz. Sabía isto don Olimpio. Quizabes por iso, de mozo, fundou en Cuntis unha academia de ensino que levaba por nome Lumen. A partir de agora, na noite de San Xoán no castro de Castrolandín, o lume inesquecible honrará a memoria deste mestre exemplar, deste noso amigo ao que choramos hoxe.

1920389_678162798968713_4248446952718226128_n

Anuncios
Categorías: O mellor do País | Deja un comentario

Navegador de artículos

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

A %d blogueros les gusta esto: