Archivo mensual: febrero 2015

Botellón na Universidade

A3-11973649--575x323
Hai anos nunha matanza en cas dos meus padriños, mentres queciamos a rentes da cheminea, sentou ao meu carón o bisavó do meu afillado. Xa daquela a chaveta non furruxaba ben, o Alzheimer xa ía bastante desenvolto. O vello fitou para min e preguntoume con naturalidade:
¿E usté onde fixo a guerra?

Contestei que eu non fixera a guerra, nin con Franco nin cos outros. Despois do abraio inicial, o señor comezou a falar do seu servizo militar. En plena guerra enviárono ao forte de San Cristobal no monte Ezkaba, en Pamplona. Totalmente liberado de prexuízos, emocións ou vergoñas pola enfermidade, o vello comezou a relatar paseniñamente e con naturalidade o que alí pasou o 22 de maio de 1938. Uns 800 presos fuxiran. O meu interlocutor era chófer daquela e narroume a caza ao home que se produciu nos días seguintes.

Expo1

Para organizaren a fuga os presos empregaron como idioma en chave… o esperanto.
No forte de Cristóbal houbo prisioneiros galegos republicanos e alí morreron uns cantos comestos polo maltrato e a tuberculose. De entre eles, mariñeiros cenetistas que fuxiran a Euskadi e defenderan coas armas a República até a caída da Fronte Norte. De entre todos os galegos o que acadou máis sona pola súa humanidade foi un médico, Francisco Lamas, alcalde de Lugo.
O mes de decembro pasado celebramos en Gasteiz o I Congreso Internacional de Arqueoloxía da Guerra Civil Española. Xuntámonos alí unhas 130 persoas entre docentes, alumnos, académicos, arqueólogos profesionais, arqueólogos en paro, exiliados… Non houbo ninguén de Galicia matriculado no congreso. Esta eiva contrasta co feito de que en Compostela está a sé dun dos equipos de investigación máis importantes en Arqueoloxía do Conflicto en Europa, dirixido por Alfredo González Ruibal (INCIPIT, CSIC).

Expo4

Malia disto, Galicia pode esfrutar do bo facer desta Arqueoloxía, da man dunha exposición que se atopa agora en Fonseca: Que aflore o soterrado, da man de Txinparta e a Sociedade de Ciencias Aranzadi. Aquí podedes ver os resultados da investigación desenvolta no camposanto do forte de San Cristóbal. Esta exposición foi un dos pratos fortes de Gasteiz at War. Lourdes Herrasti e Francisco Etxeberria deron unha lección maxistral na inauguración no antigo cuartel de Flandes, onde se sublevara Camilo Alonso Vega en xullo de 1936.
Tedes que ir ver esta exposición en Fonseca, que conta tamén cunha excelente monografía e unha curtametraxe documental de Iñaki Alforja (O camposanto das botellas).
Non esquenzades que podedes deixar unha mensaxe nunha botella.

Expo3

Fotografías de óscar Rodríguez da exposición no Pabellón Universitario do campus da UPV/EHU en Gasteiz.

Anuncio publicitario
Categorías: Sin categoría | Deja un comentario

Blog de WordPress.com.