Archivo mensual: junio 2015

Gallego For Ever

obregonivonne_h

Estes días estivais nos que semella non haber novas noticiosas, os medios de comunicación do país prestan atención ao lecer de multimillonarios de orixe galega que aproveitan o verao para desfrutar da súa paisaxe natal. Dous lugares emblemáticos reactualizan o sentimento do retorno en Galicia: a cantina de aldea, co tapete verde inzado das fichas do dominó, e a adega. O franquista Manuel Fraga coñecía ben o capital simbólico destes dous espazos identitarios. Os ricos galaico-mexicanos de Avión gozan de toda esta escenografía ao sopé da Dorsal Meridiana Galega dende hai décadas. Pero non son os únicos. Na Ribeira Sacra xorden novas escenografías do lecer.

O indiano trunfador, como bo galaico, ten as branquias humedecidas da morriña, ten un aquel especial, unha angueira petrucia pola auga do río. É todo un xacio da saudade. Dos tempos prerromanos herdamos ese culto aos cursos fluviais que nos levou dende a Prehistoria a guindar espadas na desembocadura dos ríos, a render culto a deusas como Navia. Na Ribeira Sacra, o Sil convértese en paisaxe identitaria para o indiano galaico-venezolano residente en Miami. Fachendoso defensor da súa terra convida aos amigos americanos, paisanos e familiares a un paseo polo canón do Sil. Unha comitiva de Ferraris, Porsches e Maseratis debuxa unha serpe multicolor pola vella estrada de Monforte a Castro Caldelas. O malecón do catamarán reconvírtese nunha parada de boxes improvisada. O barco agarda con todo preparado. Na tardiña, as pirámides de percebes comezan a esmorecer e entran os músicos por estribor. A barriga farta, tambor e gaita. Entre os convidados nesta enxebre barcaza viaxa un galego de Nova Iorque, asiduo do restaurante antichavista El arepazo en Miami. Corre co mote de Gallego For Ever. Todo un artista. Cun riso teatral, Gallego For Ever está feliz sucando o Sil. Produtor de cinema, asegura que vén de mercar os dereitos para facer unha película que amose a historia das quiosqueiras de Ribadavia que axudaron a evacuar xudeus para Portugal nos anos da 2ª Guerra Mundial. Conta coa financiación de descendentes daquela xente, millonarios na cidade de Woody Allen, pero que non esquecen. Coa enésima copa de godello na mao, brinda polo filme no que, segundo di, convencido, van actuar Catherine Deneuve… e Al Pacino.

Outro navegante é o tío do organizador da festa, un home emigrado a Venezuela na década de 1960 a quen alcuman O Barquisimeto, porque nada máis chegar perdeuse e acabou nesa cidade do occidente do país. Na emigración páganse os erros. O Barquisimeto presume de ter tratado a todos os presidentes venezolanos dos últimos corenta anos. É un bo home que está enfermiño. Nun intre dado comezou a sentirse mal, e rematou a festa. Os músicos deixaron de tocar. A golpe de chamada, un helicóptero aterrou para levar ao Barquisimeto a unha clínica de Ourense. Aquí foi onde se puido ver a grandeza do galego emigrante. Cando o home era evacuado, aínda se revirou e protagonizou un xesto inesquecible, propio do director da orquestra do Titanic. Co mao armada en formato placet ordeou aos músicos, cerimonioso: Chamos, sigan tocando!

Con xente así é difícil que Galicia afunda, malia eses políticos roedores que sempre abandonan o barco a tempo.

P.S. Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial, o 9 de agosto de 2013.

Categorías: Sin categoría | Deja un comentario

Blog de WordPress.com.