Archivo mensual: octubre 2015

O’Moure

IMG_20150823_131001

O’Moure no centro. Homenaxe aos guerrilleiros de Repil, agosto de 2015.

No ano 1949 a casa d’OMoure, no barrio d’A Ponte, viviu unha traxedia. O petrucio morreu canda outra outra xente nun aparatoso accidente de tráfico. O coche de línea, ateigado naqueles tempos de miseria e racionamento, converteuse nun cadaleito coleitivo. Quedaba coma homiño da casa, con dazaoito anos, o fillo, que correría co mote da casa, até hoxe. Aquel rapazolo admiraba os guerrilleiros que facían parada e fonda en casas de Cereixa. Colaboraba como pinche, como rapaz dos recados, levando cartas (algunhas de amor) e de avisos. Como me comentaba cun aquel húmido nos ollos, o seu preferido entre os maquis era O’ Asturiano. En abril daquel mesmo ano tivo lugar a coñecida como batalla de Repil, no linde entre Cereixa e Chavaga, onde foron acribillados os esgrevios maquis da IIª Agrupación Guerrilleira. A represión que deseguido se desatou conlevou malleiras e cadea para veciños da parroquia. Sen embargo, ninguén do pobo denunciou o Moure. Como en Fuenteovejuna, a xente tapouno. Até que morra sempre acordarei isto da miña xente de Cereixa, comentaba fachendoso baixo a árbore de Cima de Vila onde organizaba unha improvisada tertulia co Xaime d’A Diosa, comigo levantando acta notarial.

Daquela Galicia rural da postguerra, O’Moure seguiu o camiño de alén mar canda gran parte da mocedade da bisbarra. O seu destino: Venezuela. Hai xente que viaxa e o mundo non pasa por eles. Xa o dixera o poeta Celso Emilio trala súa estadía venezolana naquela Viaxe ao país dos ananos. O’Moure non era destes. Dotado dunha notable intelixencia emocional, a súa experiencia americana rematou por modelar a personalidade dun home feito así mesmo. O’Moure era un excelente contador de historias; co seu ritmo pausado, procuraba a verba exacta para definir personaxes e recrear atmósferas, sempre remitindo ao vivido ou visto. Para el a discreción, a veracidade do contado e o respeito aos protagonoitas e interlocutores eran  valores fundamentais. O seus contos da súa estadía venezolana forman parte da nosa memoria oral da emigración.

Cando retornou a Cereixa foi quen de situar a parroquia no mapa en pleno tardofranquismo. El foi quen creou a primeira churrasquería da provincia de Lugo: O’Fogón. Naqueles comezos, a solidariedade interveciñal traballaba arreo. Veciños de par en par, o pan para os comensais do novo restaurante saía do forno do meu avó O’Corenta, n’A Ponte, onde tamén paraba por veces Marquiños, o crouco, o bebé de Isaura e O’Moure. Curiosamente o primeiro grande banquete n’O Fogón tivo lugar nese mesmo ano co gallo da voda de meus pais, unha voda curiosa… algunha vella dubidaba da súa validez porque fora oficiada en galego, e xa se sabe que Deus fala castelán…

Ao pouco da súa inauguración, comezaron a degustar a carne dO Fogón distintas celebridades. De todas elas, a que deixou máis pegada foi a raíña do destape, Roswita Bertahasa Honzca Nadiuska, que en 1976 gravou a película Beatriz no pazo de Tor. A noite da fin da rodaxe, no Fogón, en plena Transición, Nadiuska encandilou un cacique do tardofranquismo, mentres mollaba con graza o chourizo criollo na prebe do churrasco (receita da casa). Esa noite morreu o nacionalcatolicismo na provincia de Lugo.

Esta foi outra cualidade d’O Moure, a súa capacidade para crear un negocio que ía máis alá do produto. O’Fogón foi un espazo de tertulia, de sobremesa, de encontro, de negociación política. A discreción, a educación, a elegancia e o saber estar do dono marcou un fito inigualable na hostalaría daqueles tempos. Comerciais de Valdeorras, Lugo, Ourense, O Bierzo percorrían kilómetros e kilómetros para degustar sobre madeira esas carnes untadas coas clásicas prebes verde e laranxa, marca da casa. Cando estaba eu en 5º de EXB en Pontevedra un día falouse na clase do misterio da receita da Coca-Cola, que as dúas persoas que a sabían non ían xuntas nunca no mesmo avión. Sen saber aínda o que era unha lenda urbana, eu saquei peito e dixen que iso non era nada do outro mundo, que na miña aldea pasaba o mesmo coas salsas d’O Fogón…

O’Moure amaba Cereixa e conseguiu converter O’Fogón nun referente identitario.Alí deu traballo a xeracións de mozos e mozas de Cereixa que se formaron na hostalaría. Mesmo contribuiu a sacar adiante algún rapaz de familias desfavorecidas. Así de grande tiña o corazón, até que lle fallou de tanto usalo. Desfrutaba vendo a mocedade e sempre defendía a idea de que a parroquia estivese unida. Era un placer enorme achegarse a Os Carballos, a súa oficina de campo,  e parolar con el sen ollar o reloxo. Sempre que podìa eu leváballe o último libro editado sobre a guerrilla. A derradeira vez, este verao, foi o turno do volume publicado por Afonso Eyré sobre O ‘Piloto. A última vez que vin O’Moure foi na homenaxe aos guerrilleiros de Repil, en agosto. Estaba realmente emocionado lembrando aqueles tempos.

Vaise paseniñamente a historia viva do noso pequeno mundo: O Xerardo d’Alende, o Xaime d’A Diosa, O’Moure… Din polas terras africanas que cando morre un vello desaparece unha biblioteca enteira. Ben certo é.

Non sei con que xente topará O’Moure alá no Alén. Do que si estou certo é da sorte que ten esa xentiña. Xa o maxino diante dun vasete de viño, asando un churrasquiño mentres conta historias marabillosas aos novos compañeiros

Os Carballos centenarios quedaron orfos  para sempre. A morte rabanou a cerna do seu anxo custodio. Sempre nos quedará a cortiza da súa memoria.

Até sempre, mestre.

Anuncio publicitario
Categorías: Sin categoría | 2 comentarios

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.