Archivo mensual: noviembre 2015

Arqueólogas

Imagen2

Xuntanza do Seminario de Estudos Galegos en Pontevedra (1928)

O desenvolvemento de estudos críticos en diferentes eidos da investigación galega recente vén de reivindicar unha perspectiva de xénero inédita até o momento e que pon enriba da mesa unha doente realidade: o androcentrismo e machismo imperante no galeguismo cultural e político tradicional. Non hai moito, Helena Míguelez viuse envolta nunha polémica encol da figura de Carvalho Calero. Por suposto, a esta xove investigadora caiulle toda a inercia do pasado enriba e o peso da autorictas dos petrucios bos e xenerosos. A certeza desta tese vén dada polas propias declaracións de viúvas de galeguistas históricos, fóra do discurso e marxinadas polos colegas do movemento nacional, como así declarou Antía Cal o ano pasado nunha entrevista en Luces ou cansou de denunciar Amalia, a viúva de Alexandre Bóveda. Tamén vén corroborada se atendemos ao tratamento que se fai das mulleres galardoadas coas Letras Galegas, como aquela María Mariño a quen semellaba que lle escribía os versos Uxío Novoneyra…

Imagen3

Xuntanza do Seminario de Estudos Galegos nos anos 30.

Por suposto, a Arqueoloxía galega e galeguista, en mans durante decenios de homes, frades e fidalgos, non ía ser unha excepción. As fotografías colectivas da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra ou do Seminario de Estudos Galegos non deixan lugar a dúbidas. Eu gosto sobre todo do retrato tirado na xeira do Deza nos anos 30 onde vemos os científicos galeguistas co alcalde de Lalín daquela, posteriormente afusilado. Así e todo, a creación da Facultade de Letras en Compostela na década de 1920 coincidiu coa novidosa incorporación dalgunhas (poucas) mulleres á Universidade. Neste contexto atopamos a primeira dona que adica parte do seu tempo á Arqueoloxía de campo. Estámonos a referir a Pura Lorenzana, compañeira de xeración doutros arqueólogos e historiadores como Sebastián González García-Paz. Pura participou nas investigacions sobre as medorras do Saviñao en campañas financiadas pola Comisión de Estudos en Galicia. Esta muller compartía o nacionalismo católico conservador de Vicente Risco, como podemos comprobar na conferencia que impartiu na sé da Xuventude Católica Feminina de Compostela e que foi publicada en 1931 por Ánxel Casal. Instalada na dereita do galeguismo, a evolución dos acontecementos levouna a amparar o Golpe de Estado feixista de xullo do 36. Profesora de Instituto en Tui e Ourense durante a guerra, exercerá diversos cargos políticos ao servizo do Goberno de Burgos: Depuradora das Bibliotecas Públicas, Delegada Provincial de Frontes e Hospitais e Organizadora dos servizos culturais do Fogar e do Ferido. En 1940 o Ministerio de Guerra do Goberno de Franco concédelle a Medalla de Campaña de Retaguardia por méritos e servizos. Mentres outros ex-colegas morrían nas cunetas ou marchaban ao exilio (Sebastián González García Paz marchou a Puerto Rico), mentres compañeiros e compañeiras docentes eran apartados do seu oficio, Pura Lorenzana fixo carreira na inspección do ensino da Nueva España. Que triste. A primeira arqueóloga galega, de facto, remata como Depuradora das Bibliotecas Públicas. Os libros arden mal (Manuel Rivas dixit).

25

Escavacións n’A Lanzada. Anos 60.

A chegada do nacionalcatolicismo español non vai mellorar as cousas. Velaí temos o retrato dunha reunión do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento ou as escavacións dos anos 60 n’A Lanzada, onde os esqueletes galaicorromanos eran ollados en fite por un monllo de sabios. Como nos anos 30, o tardofranquismo e maila transición democrática viron a reincorporación da muller á Universidade e á docencia. Na Universidade de Santiago de Compostela comezaban a formarse arqueólogas académicas como Raquel Casal, Mercedes Torres (discípulas de Balil), Josefa Rey (discípula de Luzón) ou Ana Romero Masiá. Esta última desenvolvería durante decádas e até hoxe un importantísimo labor historiográfico vindicando a perspectiva de xénero. Nesta mesma liña traballou dende o CSIC a malograda coruñesa María Dolores Fernández-Posse, autora das poucas publicacións que se poden atopar sobre a muller castrexa á luz da arqueoloxía, por exemplo.

Imagen4

Escavacións n’A Lanzada. Anos 70.

Fóra da academia, pero dentro do ensino, destacou dentro deste contexto de pioneiras o labor aillado e exemplar dunha grande esquencida, a profesora Carme Buxán, faro intelectual desas terras de Deza debulladas polos homes do Seminario de Estudos Galegos. Seguindo o camiño aberto polas papeletas do SEG sobre castros, cubertas por xente como o antedito Sebastián González-García Paz, Carme Buxán leigou á posterioridade unha Guía de castros de Lalín que segue chamando a atención hoxendía.

No laboratorio de Arqueoloxía no que me formei en Compostela, na pequena biblioteca de consulta rápida, había dous libros postos aparte. O primeiro deles era a Carta Arqueolóxica da Provincia de Pontevedra, un volume avellentado procedente dunha libraría de vello que locía aínda a pegada indeleble dos ratos. Canda el, a guía de Carme Buxán, co seu lombo anelado, e que de tanto nos valeu cando andabamos enfrascados nas escavacións arqueolóxicas ao longo do trazado da autoestrada Santiago-Dozón (anos 2001-2002). Na súa introdución, Carme Buxán deixou escrito o seguinte: Sirva [este libro] sobre todo para garantizar a sobrevivencia desas lonxevas testemuñas, pois se o tempo foi respetuoso con elas, non así o foron o desleixo do home, a cegueira dun progreso feito a machado ou a superstición das xentes: o dolmen con gravados de Parada de Alperiz, perdido en parte, polo trazado dunha pista, ou tantos e tantos monumentos espoliados por buscadores de tesouros e mercaderes da nosa memoria colectiva levantan acta de destrozos insubsanables.

Imagen1

Sección de Arqueoloxía e Etnografía do IEGPS a fins dos anos 70.

En 1989 Carme Buxán e a Asociación Cultural O Naranxo adiantábase ao que moitos anos despois se deu en chamar Arqueoloxía Pública e Comunitaria en Galicia. Por segundo ano consecutivo rendeuse homenaxe en Lalín a Carme Buxán, reunión á que non puiden ir ao escangallar un xeonllo. Sirva esta entrada deste noso blogue como rendida homenaxe a esta profesora-arqueóloga pioneira galega.

Anuncio publicitario
Categorías: Sin categoría | Deja un comentario

Blog de WordPress.com.