Viaxe á Artabria

Un castro nú

Nueva imagen

Este vindeiro domingo iniciamos un proxecto etnoarqueolóxico e comunitario na parroquia de Niñóns (Ponteceso, A Coruña). O obxectivo: espir un castro esquencido e agochado para reconvertelo no que realmente é: un monumento que vertebra toda unha paisaxe real e mítica.  Para iso contamos coa colaboración do Concello e da Asociación Nosa Señora do Faro de Brántuas-Niñóns. Dende hoxe podedes seguir esta andaina no facebook croasdeninóns. Ao longo do mes de setembro falaremos da historia do século XX, de indianos, castros, tesouros, menhires, parques eólicos, sartegos, cruceiros, camposantos, canteiros…  de nós mesmos.

1175076_501821499892312_2117007704_n

 

Anuncio publicitario
Categorías: Arqueolóxicas, Herdeiros pola Forza, Paisaxes, Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Marcotráfico Ártabro (III)

Figura 73

Sinalizador dunha ruta de sendeirismo pouco antes de ser sacrificado na lumieira de San Xoán (obsérvese no fuste a impronta dunha intentona previa).

Resulta evidente a importancia deste sitio de San Lourenzo na cartografía simbólica dunhas comunidades locais que veneraban o santo dende época medieval. De toda aquela escenografía unicamente queda un marco que unha e outra vez aparece documentado nas sucesivas catalogacións arqueolóxicas (Toscano et al. 1986; Alfonsín e Caramés 1992; Ferrer 2010). Esta pedra, como acontece con ortostatos de monumentos megalíticos e miliarios por toda Galicia, seica é boa para a cura de pestes que afecta a persoas e animais (piollos) e doutros fenómenos vencellados co espírito coma o mal de ollo e a envexa. Na nosa visita ao marco aínda puidemos comprobar a existenza de depósitos votivos pousados nun altarciño, como ramiños de flores, prendas íntimas e unha plaqueta. Un panel explicativo baleiro completaba o panorama. Seica o ritual curativo consiste en dar sete voltas ao marco.

Ao longo da nosa prospección arqueolóxica puidemos constatar dúas realidades intervencelladas, malia que resulte paradóxico. Por unha banda, o desleixo cara a grande parte do Patrimonio arqueolóxico litoral, sometido a un abandono total nuns casos e noutros obxecto de actividades que o conducen cara á súa desaparición. Algo agardable en zonas densamente poboadas e cuha intensa actividade industrial e portuaria. Por outra banda, somos testemuñas de novos e curiosos procesos de patrimonialización, unhas veces xerados dende a lóxica tradicional e outras derivados de práticas postmodernas. Exporemos deseguido algúns exemplos vencellados a estas actitudes.

O primeiro caso é a amortización simbólica das ruínas arqueolóxicas consecuencia das estratexias de posta en valor. O caso máis paradigmático é o protagonizado polas rotas de sendeirismo inutilizadas, inzadas de sinaléctica con indicadores de madeira. O carreiro que levaba directamente ao castro da Punta de San Amadio (Sada) quedou desprovisto destes guieiros, que foron pousados a rentes dunha corredoira que non levaba a ningures. Pronto soubemos a que obedecía o equívoco: os sinalizadores kilométricos que marcaban o camiño ao vello castro remanecían á espera para formaren parte do acopio de cepos e mobles vellos que sobranceaba o lameiro emprazado ao carón. Quedaban dous días para a lumieira de San Xoán, e os paneis formarían parte do rito solsticial como material de combustión.

Figura 84

Ofrenda budista nunha furna ao sopé dun castro ártabro (xuño de 2012)

A segunda tendencia devala máis cara ao esoterismo e a ritualidade ao estilo Paulo Coelho. Neste tempos estáse a producir a sonada polémica sobre os espontáneos milladoiros que os visitantes erguen no predio ocupado polo venerable castro de Baroña. O modelo New Age que domina o novo camiño a Fisterra, con celebracións célticas e druídicas aquí e acolá, tamén adopta o patrimonio arqueolóxico como escenario performativo. Temos visto ofrendas nalgún castro, mesmo depósitos votivos pseudobudistas e mesmo unha agochada prantación de marihuana na croa dun castro ártabro, cuxo nome non quero acordar.

Figura 83

Prantación doméstica de marihuana no interior da croa dun castro ártabro.

Categorías: Arqueolóxicas, Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Marcotráfico ártabro (II)

IMG_0001

Ofrenda no marco de San Lourenzo.

Nesta liña, as recentes catalogacións na zona fan fincapé na desconexión entre a poboación actual e o antigo universo lendario tradicional. Así por exemplo, no caso do concello de Cabanas (Ferrer 2010: 18):

Enquisa etnográfica: Debemos salientar que contrariamente ó habitual neste tipo de intervencións, este labor non supuxo unha axuda relevante durante o traballo de campo, en boa medida polo grado de perda da cultura tradicional, en boa medida debido a cercanía de cidades como A Coruña e Ferrol, dando lugar a un progresivo abandono das prácticas agrícolas, pasando a poboación de Cabanas a realizar movementos pendulares, actuando así como cidade dormitorio.

O mesmo aparece consignado no volume sobre os castros do concello de Oleiros (Comendador et al. 2009: 23):

A enquisa etnográfica non supuxo unha axuda moi relevante durante o traballo de campo. Hai que salientar as dificultades atopadas para levar a cabo este labor dadas as características da poboación do concello, maioritariamente foránea, integrada por habitantes desvinculados da realidade socio-cultural do territorio.

Esta valoración remite a unha realidade sociolóxica certa, pero obvia outra dimensión que se fai evidente ao facermos traballo de campo na zona. Referímonos á pervivencia da relixosidade popular vencellada cos restos arqueolóxicos. Neste senso, malia estarmos no hinterland de Ferrol e A Coruña é abraiante como se manteñen práticas e ritos tradicionais en relación coas pedras e cousas de antes. Para ilustrar esta realidade imos botar man de dous marcos que sinalan parte dos limites do concello de Cabanas.

Esta pedra atópase nunha ampla penichaira, nunha encrucillada, no linde entre Santa Eulalia de Limodre, San Salvador de Maniños, San Mamede de Laraxe e San Martiño de Porto, no lugar de Prismos, entre Fene os concellos de Fene e Cabanas. Recibe o nome pola antiga capela homónima, erguida sobre un túmulo megalítico. A tradición popular sinala que este santuario fora destruído por un incendio causado polos foguetes o día da festa. Sexa como for, as fontes documentais dan boa conta da microhistoria da igrexa. Esta referencia a unha visita pastoral no ano 1611 aparece no libro de Fábrica do arquivo parroquial de Porto (Toscano et al.1986: 119):

Fui sumo informado q. en esta fra avia Una hermita de Sn lorenzo la qual se derruio en tiempos atrás y los devotos la bolvieron a llevantar y despues de llevantado bolvio otra vez a caerse y a esos feligreses con poco temor de Dios y en gran daño de sus conciencias se llevaron la piedra y la madera q. stava en la hermita y despues de todo algunos debotos Jocosos del servicio de Dios y de Gloriosos Santos Sicieron cierto Repartimio el cual cobraron de ciertas personas y le han  en ocultado y la dha hermita por tapar el suelo. Por tanto Mando fund. A todolos feligreses de dha fra declaren cada uno lo que mellor supieren ante el

Trala destrución definitiva da ermida, a imaxe de San Lourenzo conservouse na parroquial de Laraxe. Segundo conta a lenda, mentres as parroquias lindantes loitaban pola estatua, a imaxe apareceu chea de barro tras andar andando até as portas da igrexa de San Mamede de Laraxe (Toscano et al. 1986: 61, n.p. 10).

Figura 76

Marco do Salto, coa terra pisada polo ritual das nove voltas.

Categorías: Arqueolóxicas, Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Marcotráfico ártabro (I)

Figura 74

 

Nadie puede decir exactamente por qué, y hasta quizá lo negaría, pero todos los espíritus sienten una turbación cuando les envuelve la fraga; los niños no pasan de sus linderos, las muchachas la atraviesan con un recelo palpitante porque se acuerdan por la noche de ese fantasma alto, alto y blanco, blanco, que es la Estadea, y por el día, del sátiro, al que los poetas han hecho funerales desde que nadie volvió a verle en las montañas polvorientas de Grecia ni en las florestas de Italia, pero que vive misteriosamente refugiado –con el extraño nombre de Rabeno- en las umbrías de Galicia sin más cronistas que las viejas y las mozas que hablan de él entre risas y miedos, en la penumbra de la cocina donde arden el tojo y el brezo y las ramas de roble vestidas de musgo gris.

Wenceslao Fernández Flórez,El bosque animado

O inxente Patrimonio arqueolóxico ártabro foi moi tido e conta polo rexionalismo de entreséculos. Vixentes aínda o paradigma murguiano e as angueiras da xente da Cova Céltica, moitas tradicións populares vencelladas a castros, medorras e santuarios aparecen mencionadas como probas taxantes das superviencias célticas, da pervivencia do sustrato protohistórico nas comunidades rurais. O avance da industrialización ao longo do século XX veu mudar esta realidade. Certamente os procesos de mecanización do agro, a emigración masiva da poboación rural e maila expansión da educación intensificados a partir da década de 1960, levaron a unha etapa na que culmina o proceso de desartellamento do modo de vida labrego tradicional, coa consecuente desaparición definitiva de todo un universo mítico, dunha cosmovisión da que as xeracións futuras non terán máis ca unha vaga constancia.

Figura 75

Ofrendas no marco de San Lourenzo e sinaléctica baldeira anexa (linde entre Cabanas e Fene).

Doutra volta, o impacto do ensino oficial no imaxinario do campesiñado galego foi moi notable, rematando por modelar, loxicamente, a recreación dese pasado por parte de toda a sociedade. A Historia académica oficial define os contidos dos sucesivos planos de estudo que servirán para escolarizar pero tamén para difundir a ideoloxía do Estado-Nación. Este proceso levará aparellada unha aposta decidida pola Modernidade e o Progreso en detrimento das supersticiones vulgares e os discursos míticos tradicionais sobre o pasado. Ao longo do século XX a Historia oficial, coa súa perspectiva diacrónica, unilineal, irá acabando coas concepcións temporais cíclicas dos relatos tradicionais. A visión histórico-cultural do pasado de España comeza a misturarse con esta tradición oral.  As novas xeracións xa se decantan pola descrenza directamente ou pola aplicación sui generis do saber académico transmitido na escola, con celtas e romanos suplantando os mouros. Este proceso constátase perfeitamete no Golfo Ártabro, e así aparece consignado nos estudos arqueolóxicos dos anos 1980 onde a casilla de folklore moitas veces queda baleira ou chea de referencias máis propias da Historia oficial. Esta realidade contrasta con outras áreas rurais galegas. Así por exemplo, uns arqueólogos amigos que traballaron en Ferrolterra a mediados dos anos 90, foron os responsables naquel mesmo tempo da catalogación arqueolóxica do concello lugués de Friol. Alí se preservaba o universo lendario vencellado con castros e mámoas. Unicamente tiñan un problema: dar con alguén para facer enquisa etnográfica. Xa daquela (1996) a desertización era todo un problema.

 

Categorías: Arqueolóxicas, Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Viator Ignotus (II)

Figura 80

O pobo de Barallobre na inauguración do Monumento ao Camiñante Descoñecido en 1934; a estación de tren ao fondo.

O promotor desta iniciativa foi o xornalista de Pueblo Gallego Alfonso Piñón, fotógrafo afeccionado e membro da hiperenxebrista Sociedad de Amigos del Campo. Esta entidade estaba integrada por persoas de la clase alta que organizaban excursións por toda Galicia co gallo de divertirse pero tamén de gravar películas, facer fotografías e recoller contos e lendas. Ademáis representaban obras de teatro e mercaban as súas vestimentas a persoas do rural para tal fin (Nebreda 2011). Desta mesma liña da pseudoetnografía urbanita participaron entidades como Amigos de los Árboles ou Amigos del Paisaje Gallego. Entre o seu leigado sobrancean obras coma o xardín botánico de O Pote en Ferrol no que prantaron especies arbóreas de todo o mundo.

Neste proceso de patrimonialización participou xente esgrevia coma o antedito Rof Codina, que loitou contra a idea de derrubar a Muralla de Lugo ou Xaime Quintanilla, alcalde republicano de Ferrol asesinado no 36. O establecemento da ditadura condanará ao esquecemento este monumento, demasiado vencellado aos ideais progresistas da República. Velaquí vai un testemuño[1] escrito no ano 2010 sobre o estado de abandono do monumento ao Viator Ignotus na década de 1950:

Así estaba el monumento al Caminante Desconocido en la década de los 50, en total abandono. Por delante de él pasé muchas veces para ir a la escuela de El Carril desde a Xurreira. Era una época donde lo cultural pintaba poco y este monumento estaba allí sin pena ni gloria sin que nadie le hiciera caso. Yo de niño soñaba en poder leer un libro de su biblioteca vacía,y soñaba en quién sería ese caminante desconocido. Era para mí un sitio muy querido en el que estuve muchas veces sentado en ese banco de piedra y ver pasar los trenes que por delante del monumento pasaban.

Figura 81

Estado de abandono do Monumento ao Camiñante durante o franquismo (1950).

Categorías: Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Viator Ignotus (1)

Figura 79

Os trocos acontecidos trala Década Ominosa e o remorso deixado pola Guerra de la Independencia van dar lugar a unha transformación brutal do status quo que caracterizou o antigo Reino de Galicia, coa súa desaparición oficial (1833) e coa Desamortización de Mendizábal (1837) que desmantelou o monacato regular que detentaba a propiedade da terra. Esta medida non conlevou unha millora das condicións de vida do campesiñado, senón que supuxo unha grande ocasión para a compra de terras por parte da burguesía urbana, a fidalguía e os labregos máis ricos.

Este troco na paisaxe construída polo Poder no rural manifestouse na ruína en que caíron os grandes mosteiros galegos (Oseira, Samos, Poio, Oia, Sobrado dos Monxes, Monfero, Celanova, Melón, San Estevo de Ribas de Sil) ou a reutilización á que foron sometidos pola Administración do Estado liberal. O ascenso da burguesía industrial e mercantil reflectiuse no desenvolvemento urbanístico das cidades e vilas galegas que rachan co pasado en nome do Progreso. A aparición de grandes parques, Alamedas, a destrución dos recintos amurallados, de torres, mosteiros e conventos marcan o ensanche da reorganización urbana. Este é un proceso bastante ben coñecido, sobre todo nos últimos anos grazas ao desenvolvemento de programas integrais de intervencións arqueolóxicas nos cascos históricos de urbes como A Coruña ou Ferrol.. Estas novas escenografías foron deseñadas por arquitectos profesionais formados fóra do país e que introducían, sempre con retraso, as tendencias estilísticas predominantes na Academia, inmersas nun eclecticisimo clasicista até a chegada do modernismo.

Dentro de todo este proceso dúas infraestruturas van ser consideradas o símbolo do progreso material e da modernidade: as novas estradas e a chegada do tren. O erguemento dos carrís de ferro ponse en relación coa presión dos oligarcas galegos en Madrid e cos procesos de industrialización que teñen lugar nas cidades da costa.

Pola súa vez, a emigración masiva a América consolida unha nova figura sociolóxica o pais: o indiano. O emigrante retornado precisa amosar o éxito da emigración e demanda un novo lugar de privilexio na terra de orixe. Un lugar que non lle corresponde por nacemento, como acontece coa vella clase fidalga, pero ao que se considera con dereito por terse feito a si mesmo e por posuír capital. Os indianos, malia seren criticados duramente polo galeguismo tradicionalista, foron unhas figuras importantes na transformación da realidade galega a fins do s. XIX e comezos do s. XX. Esta realidade viviuse con intensidade no Golfo Ártabro. Os indianos participaron activamente na vida política e cultural, estiveron liderando os movementos agraristas, foron alcaldes de numerosos concellos… Traen a súa propia idea de civilización e progreso que moitas veces choca de fronte cun país agrario. A arquitectura indiana, como tamén acontece en Asturias, é a materialización desta realidade que veu de alén mar (Alonso 2000). Trátase dunha arquitectura ostentosa, que pocura chamar a atención e reafirmar o seu poder económico; e tamén allea ao eido xeográfico galego, que emprega cores rechamantes nas fachadas e reproduce formas construtivas  e decorativas recolleitas dos países a onde emigraron, reflexando incluso o modernismo e a avangarda (Bores 2009). Con todo predominan as recreacións románticas e historicistas, na liña da arquitectura francesa do momento. Os indianos potentados erguían villas ailladas en lugares ben visibles mentres que a maioría deles apostaba por solares ao carón doutro símbolo da Modernidade: a estrada. Esa casa a rentes da estrada tería moita influencia na arquitectura doméstica das clases populares no primeiro terzo do século XX. Pero a maiores, o everxetismo indiano conlevou a construción de obras públicas, escolas, salas de bailes, cines, parques, reforma de ermidas e igrexas de fonda devoción popular… Os caso paradigmáticos deste fenómeno para a zona que nos ocupa son os irmáns Naveira en Betanzos.

Neste contexto ideolóxico vanse enmarcar as numerosas asociacións veciñais que xurden en Ferrolterra nesas primeiras décadas do século XX e que procuran a chegada de novas infraestruturas viarias. Así por exemplo, a estrada de Ferrol a Covas é inaugurada en 1911 coa celebración dun banquete en homenaxe ás forzas vivas do lugar artífices de tamaño avance material (Fraga-Agras et al. 2004; López Hermida 2005).

Este ambiente no que se mistura caciquismo, everxetismo indiano e un conceito claro de Modernidade, será o campo onde agromen iniciativas progresistas potenciadas nos anos da IIª República. O mellor exemplo deste proceso é a inauguración o 1 de xullo de 1934 do alcumado Monumento al Caminante Desconocido en Barallobre (Fene), ao sopé da recén estreada estación de ferrocarril. Ao solemne acto acoden Ramón Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte e o veterinario catalán Juan Rof Codina. En nome da Sociedade Cultural de Barallobre, interveu no acto dona Finuca Ares quen prometeu que a muller desta parroquia será la mejor guardadora de este monumento, romance de paz y motivo de morriña.

Fotografía:  Acto de inauguración do Monumento ao Camiñante Descoñecido en Barallobre, Fene, en 1934.

Fonte: http://fenecom.blogspot.com.es/2009/05/fotos-con-historia_09.html

 

Categorías: Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Viaje a la Artabria

Figura 71

Ya en plena república, Francisco Iglesias protagonizó el principal papel en la promoción y organización de la llamada Expedición al Amazonas, para cuyo ambicioso proyecto llegó a construirse el buque Ártabro. Sin embargo, en la segunda quincena de marzo de 1936, el gobierno republicano decidió disolver el Patronato creado para aquella Expedición, por considerarla costosa e improductiva.

(Valdivieso 2010: 5).

 

No contexto das escasas referencias que os autores grecolatinos deixaron das poboacións galaicas destaca a mención recorrente ao pobo que habitaba o Golfo Ártabro. A súa ubicación xeoestratéxica no fluxo comercial entre o Atlántico e o Mediterráneo e maila súa importancia mineira son factores que axudan a explican o interés mostrado cara a zona por parte da Xeografía antiga. A temperá chegada de Xulio César a Brigantium e o papel xogado por esta localidade como nó de comunicación, tanto terrestre como marítima, trala conquista tamén contribuíron o seu para que os ártabros pasase á historia, e con eles, o seu territorio.

En contraste coas fontes clásicas, a materialidade xerada por estas comunidades apenas pasa por xoias de ouro (a meirande parte delas descontextualizadas), achados soltos en poboados fortificados e a súa contorna, e os datos fornecidos por poucas intervencións arqueolóxicas nalgúns castros senlleiros. Así e todo, este pasado protohistórico foi asumido pola elite intelectual dende a época do provincialismo, asumindo un papel sobranceiro na Arqueoloxía céltica do rexionalismo entre os séculos XIX e XX.  Pola súa vez, a Arqueoloxía etnicista da postguerra asumiu sen problemas este paradigma e consolidou esa imaxe da terra dos Ártabros coma un territorio con persoalidade de seu, o pasado, e por tanto, no presente. Hoxendía constátase unha apropiación simbólica dese pasado recreado en todos os eidos da sociedade; o epíteto ártabro coroa lemas publicitarios, nomes de negocios, obras literarias, asociacións veciñais e mesmo existe unha Fundación Artabria que leva anos turrando do Patrimonio Cultural de Ferrolterra. Este proceso de patrimonialización deuse nunha das bisbarras máis poboadas e industrializadas no país, nas que as agresións sistemáticas sobre o Patrimonio arqueolóxico se veñen sucedendo dende hai décadas acompañando un caótico desenvolvemento urbanístico. Como contrapeso a todo este proceso de impacto crítico patrimonial, a comarca conta cunha tradición de asociacionismo de base dende fins do século XIX que sempre loitou pola divulgación e promoción dos restos materiais do pasado. A confluencia destas circunstancias fai desta zona unha área excepcional para estudar a mutidimensionalidade dos restos arqueolóxicos no século XXI.

Tendo en conta este carácter único da zona E do Golfo Ártabro, abordamos unha Viaxe á Artabria na que dar conta (a partir do rexistro arqueolóxico e dos relatos alicerzados sobre deles) dos procesos de longa duración que se materializaron na paisaxe cultural das rías de Ferrol, Ares e Coruña. Neste senso, nos pots que seguirán analisamos procesos como a mudanza da narrativa arqueolóxica dende o século XIX, os procesos de empoderamento local do Patrimonio arqueolóxico, a súa paseniña degradación ao longo das últimas tres décadas…

Fotografía: Camposanto parroquial de Santiago de Franza, sobre o castro homónimo (Mugardos).

Categorías: Viaxe á Artabria | Deja un comentario

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.