O meu avó Antón de Nogueiras (Cereixa, Pobra de Brollón) describiume coa precisión dun novelista naturalista francés como foran as elecións de febreiro de 1936: Xuntarámonos todos os mozos da aldea na Cruz, na entrada de Nogueiras e decidimos a quen votar. Como as dereitas ían cos ricos e as esquerdas cos probes, pois votamos ás esquerdas, porque nós ser, erámosche probes. Esta certa conciencia de clase no campesiñado da Pobra de Brollón foi o resultado dun proceso de mudanza nas mentalidades na longa duración.
A caída do Antigo Rexime e a instauración do Estado liberal conlevaron a desarmotización das terras eclesiásticas que foron mercadas nas terras de Brollón pola pequena fidalguía e algúns campesiños acomodados. Esta minoría rendista conformou a xente de orde, as familias que detentarían o poder até hai ben pouco. Neste status quo dúas novas realidades viñeron tentar mudar as cousas. Por unha banda a emigración a América, nomeadamente Cuba. Desta bisbarra moita xente estivo na illa do Caribe e de alí algúns pasaron como mao de obra a ergueren a canle de Panamá. O retorno destes neocubanos entre séculos conlevou a chegada da Modernidade en moitos eidos. Velaí están aínda as casas a rentes da estrada de Quiroga a Monforte, co seu cartel enferruxado de desaparecidas casas de seguranza de La Habana… Os indianos coadxudaron na loita anticaciquil de caste agrarista, bastante forte na Pobra de Brollón. De feito, en 1936 gobernaba un alcalde do Partido Agrario Regional Gallego.
Por outra banda, a chegada do tren no último terzo do século XIX trocou a economía local. Xurdiu un novo núcleo de poboación, a Estación, que atraeu negocios fomentados por unha pequena burguesía mercantil local. Doutra volta,os traballadores dos camiños de ferro convertéronse no vagón que transportaba as novas crenzas socialistas. Esa nova realidade foi o xérmolo no que medrou a xeración dos meus avós na Pobra de Brollón.Así pois, a revolución de 1934 tivo a súa pegada na bisbarra. Os rapaces de Cereixa tentaron facer estourar a ponte da estrada, pero fallou a dinamita. Moitos, co medo ás represalias botáronse ao monte. Cereixa (e outras parroquias da Pobra como Veiga ou Santalla) tiñan sona de seren vermellas. De feito, tiñan un bo equipo de fútbol, o Hércules de Cereixa, que locía fachendoso nas camisolas como emblema unha fouce e unha espiga. Cando chegou o golpe de Estado de xullo do 36, as camisetas arderon nas lareiras ou foron soterradas nas airas das casas.
Cando os militares se fan co control da situación, comeza a represión. Varios homes, entre eles o propio alcalde Antonio Reboiro Rodríguez e empresarios locais de ideoloxía republicana, son detidos e acusados de non apoiar o Movimiento Nacional. Seica requisaran armas e fixeran controis nas estradas. Foron afusilados.
Os meus avós e outros veciños de Cereixa estaban nunha lista negra en Lugo. Dela fíxose cargo un capitán criado na parroquia por varias casas, tras quedar orfo de meniño. Este home salvou a vida de moitos ex-xogadores do Hércules. Mentres, a xente de orde da Pobra de Brollón rapidamente botou mao da camisa azul. Con todo, o terror non contou aquí con partidas locais de falanxistas asasinos, a diferenza das veciñas terras do Incio, por exemplo.
Na postguerra, a Pobra de Brollón foi un apoio fidel á resistencia, cunha ampla rede de casas de enlaces que axudaron á alcumada 2ª Agrupación, eliminada o 20 de abril de 1949 en Repil, no linde entre a Pobra e Monforte. Como símbolo da nova vitoria e da segunda vaga de represión, a comezos dos 50 ergueuse na capital municipal a casa-cuartel da Garda Civil: unha fortaleza con torres nas esquinas para acomodar ametralladoras, apuntando sempre ao pobo. Coma un blocao de ocupación nas terras do Rif, para domear os salvaxes rebeldes.
A chegada da esquerda (BNG e PSG) ao poder municipal a mediados da década pasada acabou co medo institucionalizado pola xente de orde na Pobra de Brollón. Por vez primeira, en setembro de 2010 organizouse unha homenaxe oficial ás vítimas da represión feixista. Sonou o himno de Riego e a bandeira republicana lumbrigou no balcón da casa consistorial. Este proceso de patrimonialización da memoria histórica tamén abrangue a guerrilla, coa homenaxe anual que se fai cada abril na casa en ruínas de Repil. Os guerrilleiros, por fin, deixaron oficialmente de seren atracadores.
Publicado orixinariamente en Sermos Galiza, Nº 158.
Pásollo a Cándido Pazó que anda a fedellar con iso